Caderno de Bretaña I

BREIZH. UNHA NACIÓN ESGAZADA
Viaxamos en coche, durante unha semana por Breizh, esoutra Fisterra do norte que todo galego leva dentro (Cunqueiro dixit!). A recente relectura de L’ affiche rouge e o traballo de edición hai catro anos do libro de conversas con Carlos Núñez aviveceron a nosa curiosidade por percorrer os vellos camiños da península de Armórica. Fóra de alimentar e desmitificar mitos celtistas (dos que somos razoablemente escépticos), a viaxe foi gozosa, moi intensa visualmente, ademais de resultarnos clarificadora sobre a situación dunha nación esgazada polo estado francés en dúas rexións administrativas, a de “Bretagne“, con capital en Roazhon (Rennes), sobre tres millóns de habitantes, e a “Loire-Atlantique“, con sede en Naoned (Nantes), e cun millón cen mil habitantes. Unha ruptura en duas rexións administrativas que supón que á Bretaña fáltalle unha quinta parte do seu territorio (en total 34.281 km2), un terzo da súa poboación e, o que é aínda máis importe, case a metade do seu PIB.
Os bretóns (moi orgullosos do seu país) amosan un forte sentimento identitario nacional, a pesar das diferenzas e fragmentacións existentes no seo do movemento político bretón como de que a súa lingua céltica (o brezhoneg falado de forma cotián por case 300.000 persoas) non posúe aínda un recoñecemento institucional semellante ao acadado polo galego, éuscaro ou catalán. O esforzo dos colexios Diwan (onde estudan uns dez mil alumnos e alumnas en bretón), a reivindicación lingüística promovida polo movemento Stourm ar Brezhoneg (Combate pola Lingua Bretoa) ou o esforzo dos eescritores e ditores bretóns (publican anualmente varias decenas de títulos, dirixidos sobre todo aos nenos e mozos), tentan abrir vieiros de esperanza para a recuperación da lingua e cultura bretoas (no marco da Carta europea das linguas minoritarias). Esta frase do escritor Yann-Bêr Piriou paréceme moi significativa deste combate lingüístico bretón: “Kement ger, kement lavar en hor yezh zo un akt a feiz en amzer da zont” (“Cada palabrra, cada frase na nosa lingua é un acto de fe no futuro”).
A pesar das dificultades, o movemento a prol da recuperación do bretón vai gañando algúns espazos. Sobre todo no departamento de Finistere xa é adoito atopar a sinalización dos topónimos en bretón e en francés. Algúns políticos, como Jean-Yves Cozan (chegou a ser vice-presidente da Region de Bretagne e aparece fotografado con Carlos Núñez no seu libro de conversas) promoven accións decididas a prol da cultura bretona como a creación da Oficina da lingua bretona, organismo de planificación lingüística cofinanciado pola Region de Bretagne e polo estado francés con oficinas abertas en Rennes, Carhaix, Nantes e Plomeur.
Expresión deste esgazamento é a actual bandeira nacional (Gwenn ha du), creada en 1925 por Mor Van Marchal. A bandeira branca e negra –moi presente en institucións públicas, en moitas edificaciós privadas, en todos os actos culturais e primeiro souvenir do país– é considerada de forma unánime como o símbolo da identidade política e cultural bretona. Con todo, na nosa viaxe puidemos observar que o maior pulo da cultura bretoa reside no desenvolvemento da cultura marítima e do folclore (danzas, música, gastronomía, traxe e arquitectura).
Comentario á parte merecería o mito intercéltico da Keltia, moi presente nalgúns círculos culturais bretóns. Keltia estaría constituída hoxe polas seis nacións celtas modernas (Escocia, Mann, Irlanda, País de Gales, Cornualles e Bretaña). Dezaoito millóns de celtas europeos, que ocupan o noroeste de Europa entre os paralelos 47º e o 61º, e entre o 1º e o 11º meridiano. Á beira desta rede central de seis países celtas, existiría para os keltistas un segundo círculo de países celtas onde a poboación reinvindica raíces celtas mais ou menos importantes. Este sería o caso da Bohemia e, sobre todo de Galicia, Asturias e a provincia portuguesa do Minho.
Ao longo de toda a viaxe quedei coa dúbida de se este modelo bretón de nación esgazada non será o que lle poida agardar á nosa no futuro.

Etiquetas:
1 comentario
  1. ro
    ro Dice:

    Este non é un país esgazado administrativamente. En comparanza con outras nacións sen estado, somos os que menos problemas temos de diferenza entre territorio nacional e territorio administrativo. E con isto non quero ignorar aos eonaviegos nin aos do oeste berciano, pero non ten que ver cos grandísimos problemas que ten, por exemplo, Euscadi, con territorios en dous estados e en tres unidades administrativas; ou Cataluña, q ten territorios en Perpignan, Valencia e na franxa de Ponent (Aragón).

    Outra cousa é que a identidade nacional (sb todo a lingua) se estea a perder nas cidades, pero ese é un proceso diferente e que non é comparable con ningún outro lugar.

Los comentarios están desactivados.