"Blogonovela" galega

Un artigo de Hernán Casciari e unha anotación de Juan Varela poñen sobre a mesa hoxe, outra volta, a cuestión da blogonovela ou “ficción on line”. A verdade é que o modelo de blogonovela que defende Casciari (empregando a metáfora da presenza dos seareiros no estadio, que compartimos plenamente) xa fora ensaiado en galego con anterioridade (en 1999) por Camilo Franco, razón pola que debemos considerala un invento galego e non arxentino. A cadaquén o seu, meus. Agora que contamos con varios diarios dixitais en galego podería volver ensaiarse esta modalidade de creación narrativa (aproveitando as posibilidades da textualidade electrónica: textos, imaxes, sons e enlaces) con moito maior difusión e participación de lectores e lectoras. Quen se atreve a escribir outra blogonovela galega? ou quizais xa se está escribindo e non o coñezamos. neste caso, pido axuda para localizala.

Etiquetas:
2 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Se non lin mal onte o artigo de Ciascari, penso que o experimento de Camilo Franco pouco ten que ver. Deixando á parte o detalle de que un feixe de relatos non é unha novela (nin un feixe de relatos publicados en internet unha “blogonovela”), no artigo precisamente se di que o de menos é o soporte ou que sexa “online”. O importante é que poidamos seguir en directo un argumento, unha historia, que conte o que lle pasa ao protagonista case en tempo real, que siga a actualidade dos feitos e que incluso se poida ver condicionada por feitos externos ou pola influencia dos propios lectores.

    En “Por conto alleo” o xogo era que os lectores suxerían dúas palabras e Camilo Franco facía un pequeno relato con elas. Por máis que asistiramos en directo á creación dun relato cada noite, con trampa ou sen ela. Iso de blogonovela ten pouco. Ficción online? Tal vez. Pero insisto en que o soporte é o de menos. Historias coas palabras suxeridas polo públicio leva moitos anos facéndoas Moncho Borrajo, e no seu caso si que é en directo total.

    Contestar a Ciascari con que a blogonovela a inventamos nós é unha botada por fóra, espero que consciente. Nin sequera As túas balas, o máis parecido que temos aquí a unha blogonovela autobiográfica, é anterior, anque por aí lle anda.

    Podemos vivir en Galiza sen termos unha blogonovela? Absolutamente, e menos mal, porque poucos escritores teñen a paciencia e o maxín como para inventarse unha historia cuns personaxes e alimentalos e facelos vivir en directo diante de todo o mundo e por riba facelo con éxito.

    Ciascaris hai poucos, mellor dito, só hai un. E aquí temos Camilos Francos, mellor dito, só un. A cada quen o seu, meus.

Los comentarios están desactivados.