Almanaques agrícolas
Ripalda envioume o Almanaque Agrícola ZZ 2005 que publica a empresa multinacional suíza Syngenta. Con case toda seguridade este volumenciño de noventa e oito páxinas será o título con maior tiraxe da edición en galego deste ano (moitos milleiros de exemplares, asústame escribilo), aínda que non leve ISBN (trátase dunha publicación non venal) nin pé de imprenta (un erro que deberían subsanar os seus editores). Inclúe un fermoso traballo do noso investigador das fontes sobre o oficio dos arxinas (merecedor do premio ZZ 2004).
O ZZ (editado pola empreza Zeltia Agraria e as súas sucesoras) continúa a tradición que en 1857 iniciara O Gaiteiro de Lugo e que logo, desde os anos sesenta, continuara O Mintireiro Verdadeiro promovido polo crego José Regadío en Palas. Estes almanaques agricolas, que permitiron o uso continuado do galego (mesmo nos anos máis difíciles do franquismo) continúan tendo certa graza, algunhas veces certamente chocalleira, por que non abandonaron a súa intención literaria (a propia Rosalía chegou a publicar neles) nin a de promoción do folclore popular. Predicións, chistes, as lúas, as datas das feiras, consellos para o cultivo da vide, acompañan a outros textos de maior entidade literaria destes libriños en galego que nunca foron considerados como tales pola cultura “oficial”. Estes almanaques forman parte dese submundo da cultura en galego que non deberiamos esquecer que existe.
E onde é que se poden obter?
Nos quioscos antes había o Mintireiro verdadeiro; eu téñoo mercado. Agora será igual, ¿ou non?
Sei que o “Mintireiro” pódese mercar nos quioscos. “O gaiteiro de Lugo” edítao o servizo de publicacións da Deputación de Lugo. O almanaque agrícola de ZZ, editado por Syngenta Agro, pódese solicitar á empresa (A Relva s/nº, 36400 O Porriño, teléfono 986330300). Mágoa que non estean na rede. É o que hai.
O Mintireiro pode-se mercar em Compostela na Livraria Egeria (em Sam Martinho Pinário). O Gaiteiro pom-se à venda através de vendedores ambulantes, que acho que já é um bocado tarde (começam a vendé-lo já por outono). E o ZZ distribuem-no os representantes de Syngenta de balde. Realmente era para estudá-los. Seguiremos informando 😉
Obrigado, Sao Tomé, pola información. Agradécese.