Colaborador de diferentes medios de comunicación, participou no consello de redacción d’ A Pizarra (suplemento de educación de Faro de Vigo, 1982-1986), Na escola (suplemento de educación de La Región e Atlántico diario, 1987-1989). Colaborador de Faro de Vigo, publica semanalmente, dende o mes de agosto de 1999 e de forma ininterrumpida, a sección «Campo de Granada», sobre actualidade socio-cultural de carácter local (1.324 artigos publicados até 1 de febreiro de 2026), pola que obtivo o Premio Gómez Román (2000) convocado polo concello de Vigo e o premio de xornalismo Fernández del Riego 2014, así como tamén o espazo «Campo do Fragoso» de reflexión futbolística (299 artigos até 1 de febreiro de 2026) e a columna «Contafíos» sobre libro, lectura e edición de Nós diario. Colaborador da revista Luzes, Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, d´A Movida, Tempos novos e da Radio Galega dende 2000, participou semanalmente e durante unha década na tertulia do programa informativo «A Crónica».
Dende 2005 mantén aberto o blog Brétemas (https://bretemas.gal) onde realiza un seguimento de temas editoriais, literarios, políticos de actualidade, con especial atención á nova literacidade electrónica e aos futuros do libro. Conforma a súa identidade dixital cos seus espazos en Facebook, Twitter, Instagram, Pinterest e Bluesky. Por este traballo recibiu o Premio AELG Blog Literario 2010, o Premio Fervenzas Literarias ao mellor blog dos anos 2009, 2010, 2011 e 2012 e o Premio Gala do Libro Galego 2019 a traxectoria dun proxecto literario na rede.
Ten dirixido a elaboración e os proxectos didácticos de máis de catro centenares de libros de texto dirixidos á educación non universitaria; deseñou e dirixiu varias colección de literatura e literatura infantil e xuvenil, publicou varios libros de carácter pedagóxico, estudos sobre o estado da edición en lingua galega e o libro para primeiros lectores Dona Carme (Ir Indo edicións, 1989), ilustrado por Pepe Carreiro, reeditado por Triqueta verde (2025), ilustrado por Iván Ra, que recibiu o premio da Fundación Cuatro Gatos aos mellores libros infantís de 2026.
Comprometido co proxecto da recuperación da memoria viguesa publicou os libros Vigo, puro milagre (Xerais , 2019), Premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de ensaio e investigación 2019, Vigo, abella da ribeira (Xerais, 2023), onde reuniu textos xornalísticos de Campo de Granada e Vigo na liña do tempo (Instituto de Estudios Vigueses, 2025). Coordinador local da exposición Vigo no tempo (2023-2024), é autor do ensaio «Vigo, nace sempre», incluído no catálogo homónimo.
Polo seu labor como editor en lingua galega recibiu o Premio de honra do Hematofesti (2024), o Premio honorífico da edición da Asociación Galega de Editoras (2025), a homenaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (2026) e foi nomeado Socio de honra do Ateneo Atlántico de Vigo (2025).