Abecedario para Rosa

Oínlle a don Xesús que a presentación dun libro é un subxénero da oratoria caracterizado pola gabanza equilibrada. Dende entón, pretendo ter sempre presente esta definición porque a desmesura dos editores no uso de adxectivos grandilocuentes, motivada sempre pola paixón na defensa do libro, pode levarnos a falta de credibilidade.
Creo que non foi este o caso de onte na cidade guindastre cando presentamos a novela de Rosa. Defendina con paixón porque esta narración, tan arrebatadora como poderosa, entusiasmoume dende a primeira lectura. Un acto, concorridísimo e emocionante, que nos deparou a fortuna de escoitar unha intervención memorable de Carlos Negro, que reinventou o xénero da presentación por medio da creación dun abecedario elaborado só con palabras utilizadas pola de Meirás. Non me resistín a anotalas na libreta unha por unha. Que bonito!!!
Un abecedario para Rosa con motivo de Veu visitarme o mar
Quen lera a novela comprobará que son as palabras xustas e equilibradas. Beizóns para Carlos e Rosa por unha noite na que nos emocionamos ao falar do ser humano. Seguramente diso trata a literatura.
6 comentarios
  1. Jaureguizar
    Jaureguizar Dice:

    Rosa merece os aplausos todos. Eu levaba dende outubro pasado procurando unha novela que me dese gañas de rematar. A última foi a de Manuel Veiga e estame pasando con Veu visitarme o mar. Esperaba moitos tópicos sobre o Prestige, pero non. Penso que esa novela e máis eu imos pasar unha boa tempada xuntos.

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Efectivamente, Jaure, a catástrofe do Prestige funciona como metáfora do devalar interior da protagonista. É un teón de fondo. Esta é a razón pola que non quixemos publicitala como “novela da marea negra” ou cousa semellante. A crítica que aparece hoxe en Culturas, sendo boa, creo que é morniña para a entidade da obra. En fin, os críticos saben disto máis ca os editores.

  3. Lantana
    Lantana Dice:

    Gustoume moito ler a “autobiografía” de Carlos Negro, tan ben escrita. E a cousa do abecedario ten o seu aquel de xogo con engado… Graciñas polos enlaces, brétemas; son todo un detalle pola túa parte.

    🙂

Los comentarios están desactivados.