A segunda vida do relato galego

Recomendo a columna de Óscar Iglesias. É moi clarificadora das tendencias actuais na narrativa galega.

(Actualización: 16:00): Ten razón Folerpa, este artigo de Dolores Vilavedra abre outro debate importante sobre a posición do escritor galego alén do Padornelo. Mágoa que a crítica compostelana non se atreva a personalizar, xa que tal como se expresa parece pretender meter no mesmo saco a todos os narradores e narradoras que viron traducidas as súas novelas ao castelán ou foron entrevistados nalgunha oportunidade na cadea SER (algo excepcional). Abrir unha tea de “sospeita” sobre todos non me parece o mellor xeito de contribuír a un debate cultural construtivo sobre a exportación de textos literarios galegos.
Teño insistido en moitas ocasións na miña convicción de que a proxección da literatura galega alén do noso sistema editorial e literario precisa dunha estratexia de país, compartida por autores, editores, críticos e membros da Administración; estratexia da que carecemos e da que non se albiscan indicios tampouco.
Máis significativo aínda que o texto (un chisco vehemente e malhumorado) de Vilavedra é que a vindeira semana se despracen corenta e cinco persoas á Feira do Libro de Guadalaxara (cos responsables da Consellaría de Cultura á cabeza) e non teñamos noticia ningunha, por exemplo, sobre a creación dunha “Oficina da Literatura Galega”, que alicerce esta estratexia exportadora imprescindible, ou da creación do Instituto Galego Rosalía de Castro (contemplado na Lei do Libro e a lectura, aprobada por unanimidade polo Parlamento galego). Ben sería, abandonar tácticas curtopracistas e apostar todos e todas polo pase longo. No Encontro de Mariñán, que se celebrará á vindeira fin de semana, presentarei a miña proposta sobre tan decisiva e polémica cuestión.

Etiquetas:
9 comentarios
  1. folerpa
    folerpa Dice:

    Pois a min paréceme mais relevante o de Dolores Vilavedra, sobre ese andazo que semmella estenderse coma unha peste entre algúns dos nosos autores. Daba para un longo e vivo debate.

  2. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    Sen ánimo de polemizar, non se referirá Loli Vilavedra ás declaracións de certos escritores que renegan da tradición galega e apuntan a outras tradicións literarias coma a inglesa ou a francesa? Poñan vostedes os nomes.

  3. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    A intervención de Inma López Silva, segundo o levantador de minas que vostede inclúe máis abaixo, vai na mesma liña. Por que?

  4. Anonymous
    Anonymous Dice:

    A miña impresión é que o lector madrileño ou barcelonés non sabe, por exemplo, que Manuel Rivas é un escritor en galego: nas librarías as súas novelas sempre as poñen na sección “Literatura española”. Ese lector non sabe (nin lle interesaría saber) nada do resto da literatura galega. O único que ve é o libro, publicado nunha editora española, dun señor que ademais publica en “El País” uns artigos moi simpáticos e ben escritos.

    Alguén podería dicir: “tampouco o lector español ten por que saber nada do sistema literario galego; se lles gusta a obra, cómpraa e punto”. E é certo. Non querían que os escritores galegos saísen do Padornelo? Pois aí lles están. Escriben a novela en galego e ao día seguinte (ou ao segundo seguinte) xa está a edición en español. Que quería pois a sra Vilavedra? Culto, grazas e pleitesía ao “Sistema literario galego”, do que ela forma parte como crítica a tempo completo, ocupando todas as posicións.

    A aspiración básica do escritor en galego é poder vivir do que escribe: gañar cartos para comer e fuxir das clases do instituto. Non compracer a Dolores Vilavedra.

  5. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    No anterior artigo de Loli Vilavedra (traductora de Manuel Rivas) en EL PAÍS falábase precisamente da invisibilidade do escritor galego fóra de Pedrafita. Ela mesma alertaba desa percepción. Pero tamén é verdade que amosaba perplexidade e incapacidade para deter esa visión desde fóra. Un paradoxo irresoluble: maior proxección da literatura galega a cambio da desaparición da súa singularidade como escritores en galego.

  6. Brétemas
    Brétemas Dice:

    arume: describes moi ben un nobelo que cómpre desenguedellar. Non vexo o dilema entre pertencer a unha literatura como a galega e poder exportar os textos ao castelán e a outras linguas.Pode dubidar algúen que Ferrín abandone o noso tronco literario no momento de que a súa obra sexa traducida ao italiano? Penso que o problema radica na “obsesión” de concibir a tradución ao castelán como o elemento canonizador da nosa literatura nacional. Eu son optmista, se concibimos deseñar unha estratexia de comunicación atractiva, poderemos conseguir máis traducións, mellores posibilidades de profesionalización dalgúns dos nosos autores (algo para min moi importante), sen menoscabo ningún para a literatura nacional galega.

  7. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    Eu simplemente seguín o fío da reflexión de Loli Vilavedra. Pero a pregunta que fas (perdón polo tuteo) sobre Ferrín creo que está plantexada desde dentro, desde Galicia. Pero desde fóra, Ferrín pode ser considerado como un escritor español ou mesmo en español, se non vai acompañado dunha aclaración decidida. Diso fala Vilavedra, creo lembrar. E, en efecto, Rivas en Italia comparte lugar con Angeles Mastretta, Pérez Reverte ou Matilde Asensi. É, a efectos do mercado italiano, un escritor español ou en español (ao lado dos hispanoamericanos tamén). Non sei que importancia pode ter iso en Italia, pero desde logo convén saber en Galicia que eso está a suceder noutros países: que desaparece a marca de lingua galega.
    É un inconveniente que quizáis as vantaxes para a profesionalización logran paliar ou mesmo anular.

  8. Brétemas
    Brétemas Dice:

    É certo o que dis sobre a percepción de Rivas en Italia, onde os autores e autoras galegos (o caso máis recente é o de María Reimóndez) son presentados como “autores da España plural”. isto non é contradición ningunha, se as traducións están feitas dende a lingua orixinal galega, se isto se asegura polos contratos de cesión de dereitos, se isto aparece nas páxinas de créditos. Con todo, o fundamental estará na nosa capacidade para presentar o corpus da literatura galega como tal, eis esa obsesión miña pola “estratexia de país”. Aí é importante o traballo que se poida facer no ámbito académico, nas Feiras Internacionais do libro, no contacto cos sherpas de axencias e editoras internacionais, no coñecemento preciso da nosa literatura por parte de determinados críticos (no caso de Rivas foi fundamental Barbara Prost Solomon), na formación de tradutores especializados en galego, na información sobre as axudas que a Administración galega proporciona para a tradución de textos nosos ou na presenza diferenciada da nosa cultura na rede (dominio .gal, información multilingüe das nosas páxinas web, etc.). Moitos fíos a tecer. O doado é botarse nas mans da desolación ou dalgunhas malquerenzas, que, por responsabilidade, algunhas persoas cando opinan sobre estas cuestións deberían tratar de evitar. Reitero, se somos capaces todos de ser máis xenerosos, temos razóns abondas para ser optimistas.

  9. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    Tes toda a razón no teu último comentario. A compracencia nunca é boa, pero a autoflaxelación é aínda pior. Un pouco de xenerosidade é imprescindible. A fortuna sempre axuda aos audaces.

Los comentarios están desactivados.