A liberalización dos prezos dos libro de texto

Hai uns días comentabamos de forma apresurada a medida da liberalización dos prezos do libro de texto aprobada polo Goberno no seu proxecto de Lei do Libro. Hoxe un grupo de editores educativos galegos mantivemos en Santiago unha reunión con responsables de ANELE que nos serviu para clarificar algúns aspectos da lei que semellaban máis dubidosos nas primeiras informacións.

  • A liberalización do prezo dos libros de texto, que aparece dentro das exclusións ao prezo fixo (artigo 9), afectará só aos libros e materiais complementarios da Educación Primaria e da ESO, o que suporá a desaparición dos descontos, utilizados como reclamo, fundamentalmente, por parte das grandes superficies. Os libros de textos de Educación Infantil, Bacharelato, Ciclos Formativos e Educación Universitaria permanecerán no réxime de prezo fixo.
  • O prezo destes libros de texto do ensino obrigatorio será libre o que significa que o prezo que pagará o consumidor final (nun modelo de gratuidade por préstamo, a Administración Educativa) será fixado polo detallista e non polo editor. Iso suporá que o editor sinalará un prezo de cesión a todos os detallistas, mais non de catálogo (como era adoito ata agora). O editor poderá establecer previa negociación cos diferentes detallistas (como xa se viña facendo ata agora) descontos por consumo, por seguridade no pagamento ou por outras circunstancias comerciais que o aconsellen. En todo caso, os editores de libros de texto deberán enfrontarse o vindeiro curso, por vez primeira (a lei, previsiblemente, será aprobada no mes de marzo de 2007), a fixación do prezo de cesión .
  • Con este sistema, o detallista (libreiro ou grande superficie), unha vez anunciado o seu prezo de venda (que debe respectar o establecido pola Lei do Comercio Minorista), non poderá anunciar descontos. A competencia, polo tanto, entre os detallistas (como en calquera outro produto sometido ao réxime de prezos libros, como a papelaría) establecerase pola fixación de cadanseu prezo de venda.
  • O novo sistema provocará mudanzas importantes na relación comercial e na distribución do libro de texto, xa que non semella compatible a existencia de devolucións cun réxime de prezos libres (sometido, como calquera outro produto, á posibilidade de periodos de rebaixas). Mais, tamén, requirirá ao editor facer fronte a mudanzas nas relacións contractuais cos autores dos libros de texto, baseadas, na maior parte dos casos, na liquidación de dereitos en base ao PVP (sen IVE) fixado polo editor. Noutras palabras, para non lesionar o espírito dos contratos asinados e os lexítimos dereitos dos autores que perciben unha retribución variable, o editor deberá converter a porcentaxe do novo prezo de cesión aos vellos prezos fixos. Unha cuestión, sen dúbida polémica á que haberá que atopar unha solución técnica xusta para ambas as dúas partes.
  • O sistema de prezos libres tamén suporá mudanzas para as Administracións Educativas que empregan a modalidade de gratuidade mediante o sistema de préstamo. Para a fixación do prezo do lote por curso, xa non poderán recorrer ao rexistro público do ISBN. Como se vai coñecer o prezo de cesión de cada libro? Como vai a Consellaría de Educación (que o vindeiro ano adquirirá cinco cursos, xa que, ademais dos catro cursos que se implantan da reforma educativa, deberá renovar 6º de E.P., cumpridos xa catro anos) fixar o prezo de cadanseu lote?

A implantación do novo sistema de prezos libres aos libros de texto do ensino obrigatorio provocará moitas incertezas. Sen dúbida é un paso adiante a desaparición da política dos descontos, mais esta lei non parece resolver o problema da competencia entre a libraría e as grandes superficies que aumentaron a súa circulación anunciando os descontos (os estudos de mercado sinalan que incrementaron de forma espectacular a súa cota de mercado mercede a este sistema). Por último, non parecen moi oportunas as declaracións da Ministra de Cultura argumentando que os libreiros e os editores recibirán compensacións pola implantación deste novo sistema. Invertir 48o millóns de euros en dez anos en dotacións de bibliotecas escolares e públicas non é compensación ningunha ao sector do libro, e, si pola contra, cumprir unha obriga do Goberno e das Comunidades Autónomas en invertir en lectura pública, eido onde presentamos unhas carencias clamorosas con respecto aos países do noso entorno.
Así están as cousas.

Etiquetas: