A Feira do Libro de Vigo precisa unha virada
Hoxe rematamos a nosa participación na Feira do Libro de Vigo co acto de presentación do libro Prostitución: clientes e outros homes das sociólogas Águeda Gómez Suárez e Silvia Pérez Freire. Onte, acompañamos a Agustín Fernández Paz, nun acto e nunha asinatura de exemplares moi concorrida arredor de Lúa do Senegal, a súa máis recente novela. O luns fixémolo con Luís Rey Núñez, o autor de Monte Louro, novela que comeza a medrar nun fermoso boca a orella entre os lectores, e na fin de semana con Enrique Vázquez Pita na súa estrea con Sansón Troleyro e co profesor Xesús Alonso Montero que falou dos seus libros máis recentes, as Cartas de republicanos galegos condenados a morte e o libro sobre Ramón Piñeiro que publicou en Galaxia. A pesar de que a participación nos actos está sendo bastante elevada e as vendas (segundo confesan os libreiros en privado) semellantes ás de edicións anteriores, esta Feira do libro de Vigo necesita mellorar moito. O número de casetas é o máis baixo da historia (apenas 16, cifra á que non é allea a vergonzosa mudanza das datas, que supuxo a cancelación de oita reservas de expositores); a presenza das actividades da feira nos medios de prensa locais moi escasa; a ubicación das casetas e da carpa de actos (ao fío de autobuses e automóbiles) claramente inadecuada polo seu ruído enxordecedor. A Asociación de Libreiros de Vigo, como sinalamos o pasado ano, ten que coller o touro polos cornos e darlle unha virada a esta Feira que debe, canto menos, poñerse á altura da Feira do Libro da Coruña (no que previsiblemente participen case medio cento de expositores e milleiros e milleiros de visitantes). Cómpre estudar un novo modelo organizativo, novas datas de celebración, nova ubicación dentro da propia Alameda (aposto polo paseo interior, máis amplo e recollido), novo programa de actividades, novo tipo de promoción (con presenza no mundo de internet), novas fórmulas comerciais… Unha virada que, como demostra o éxito da última Feria del Libro de Sevilla (que coincidiu cunhas importantes xornadas profesionais arredor dos futuros do libro), é tan necesaria como posible. No que poidamos colaborar, ben saben os organizadores que contan coa nosa axuda.
Onte en Norma Editorial, a iso das sete da tarde, cheo total, con lectores/as novísimos. Quedei impresionado e iso que eu son pouco siareiro do cómic.