Fáltanos megafonía
Remata hoxe a Feira do Libro de Compostela e facemos un balance xeral positivo. A pesar da chuvia, do frío e das ventadas, a pesar dos problemas endémicos de megafonía (que fallou constantemente ou o funcionou moi malamente nos actos de presentacións), a feira mellorou moito con respecto a edicións anteriores. Houbo moita xente na maior parte das presentacións nas que participamos (algunhas como as dos libros de Teresa Moure, Marcos Calveiro ou Manolo Portas congregaron a máis dun centenar de persoas), diversificouse un chisco a oferta (magnífica idea foi a da caseta de editoriais compostelanas) e as vendas aumentaron, a pesar dos efectos devastadores sobre o consumo da Grande Recesión, segundo fontes dos libreiros. No entanto, tras as apreciables melloras da xa celebradas en Ferrol e Compostela, a situación das Feiras do Libro de Galicia, organizadas pola Federación de Libreiros, non é nin moito menos para botar foguetes: faltan aínda moitos expositores (a ausencia da maioría dos libreiros santiagueses foi clamorosa), falta a presenza do libro dixital (hoxe unha realidade incuestionable), falta comunicación en Internet (coa excepción da presenza nalgúns blogs editoriais) e, sobre todo, falta esa megafonía indispensable que para o sector do libro constitúe a súa presenza nos medios de comunicación (pola Alameda apenas vimos as cámaras das televisións nin aos xornalistas traballando). Por iso non será, nós seguiremos participando activamente coas nosas presentacións nesta rolda de feiras 2010, que a vindeira semana continúa en Lugo e a partir do 29 de maio en Ourense.
É o momento de comezar a pensar en que as feiras do libro as organicen os editores, que fornecen por completo estes eventos. Creo que os libreiros que poñen interese son catro e non dan máis de si. Á súa federación, ao meu ver, fáltalle entidade para promover o cambio preciso.