Puñais de lembranza



Lorenzo Varela por Luís Seoane Posted by Hello

Lidei o día enteiro coa edición gráfica dunha biografía de Lorenzo Varela. Este é un dos traballos de edición que gosto facer. Remexer nas fotos e na documentación dispoñible, o que sempre leva atopar cousas descoñecidas. Percorrer a biografía do monterrosino é esculcar “a lembranza do exilio e da patria”. Paradoxicamente, o máis desacougante da súa vida foron os tristes días do regreso (nótase nas fotos). El, aqueles dous anos, coincidentes cos da Transición, non se queixaba, pero non resistía o baleiro que o cercaba, ten comentado Isaac. Hai unha frase de Dieste na que non deixo de remoer: “A mocidade non é unha idade, un tránsito, senón o que transita. Eu ben sabía isto, pero os versos de Varela dinmo con tales fontes e escintilantes puñais de lembranza…” A novela recente de Manuel Veiga expresa algo semellante.
Non comparto o descrédito que do Día das Letras Galegas se ven facendo nos últimos anos. Ben é certo que hai moita liturxia oficial e moita cultura necrolóxica na efeméride; mais, tamén, contando con personaxes axeitados, como é o caso de Lorenzo, existen moitas oportunidades de volver a ollada cara a memoria do desterro. Algún día saberemos cómo se produciu a votación na Academia. Varela, como foi Roberto Blanco Torres, non vai ser un homenaxeado cómodo para o pensamento conservador. Os progresistas debemos comprometernos a que este 17 de maio non pase desapercibido. Varela ben merece que lle levemos a cesta de mazás que devecía.
Ramiro
Ramiro será o director do Cervantes de Lisboa. Para el supón, sen dúbida, un recoñecemento para un traballo literario rigoroso de dúas décadas. Para todos nós constitúe tender unha ponte de esperanza coa cultura portuguesa da que vivimos tan achegados mais tan virados de costas, como sempre di o meu amigo Nelson. A cultura concibida como diálogo permanente e puxilato coa creación. Parabéns e sorte para o fillo de Andrade.

8 comentarios
  1. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Este ano a candidatura de Lorenzo foi única. O pasado ano, houbo outras dúas, a gañadora é a de Plácido Castro. Con todo, non vexo moito entusiasmo por parte dos académicos. Esa aparente unanimidade non é real.
    O problema de fondo é o propio sistema da eleccións dos homenaxeados. Hai razóns para excluír aos autores vivos? Só mudando este criterio, e, seguramente, facendo a data laborable, o día gañaría o interese que tivo outrora.

  2. Cesare
    Cesare Dice:

    Oh, que ben!! Por fin atopo alguén que me vai explicar razonadamente qué mérito é ese de facer o Día das Letras laborábel. 😉 Só poño dous argumentos á contra:
    • Que é máis importante, a Inmaculada ou as Dores?
    • Para incidir nos convencidos e nos escolares hai moitas maneiras. Pero como podemos facer para que durante un día, polo menos durante un segundo, Ramona de Láncara e Pepita de la calle Real, pensen no estatus do galego e que o fagan ao mesmo tempo?

    Con respecto a que estean vivos ou mortos, creo que é xenial que estean mortos. Quizais non debían agardar dez anos, e si só 5. Pero iso evita moitos cristos, moitas tensións, e moitas eleccións moooooito máis desafortunadas.

    Lanzo a miña candidatura pró 2006: María Mariño. Alguén lembra cando foi Día das Letras Francisca Herrera?

  3. Martin Pawley
    Martin Pawley Dice:

    Cesare, non tenho moi claro que por facer festivo o Día das Letras Galegas Ramona de Láncara e Pepita de la calle Real pensen moito no estatus do galego, do mesmo xeito que eu o día da Inmaculada non penso nada nin no concebido nin na concebedora. A min non me parece mal que estean mortos, xa que entre outras cousas do que se trata é xustamente de recuperar certas figuras ás veces algo esquecidas (e ademais aos vivos, e en especial a algúns, xa se lhes homenaxea dabondo). O meu candidato para o 2006: Xosé María Díaz Castro. Por razóns chairegas, e porque “Nimbos” é un dos poemarios mais fermosos da historia da literatura universal. Fica dito.

  4. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Cesare e Pawlwey propoñen dúas magníficas candidaturas. Creo que a festividade debería ir na liña de autores coma Díaz Castro e María Mariño. Eu engadiría o nome de Xosé María Álvarez Blázquez, como os anteriores inxustamente esquecido.
    As posibilidades que apunto de considerar autores vivos e facer o día 17 laborable animan este debate. Eu prefiriría na elección dos festivos un criterio laico, como o sistema anglosaxón dos “bank holiday”. As dores, as conchas ou os varela teñen máis dereito ca outros? Iso aquí é máis difícil que revisar a Constitución.
    Celebrar a autores vivos (faise en Cataluña)intensificaría a repercusión da data. O importante é darlle unha volta o chollo que creou don Paco. O perigo, tal como imos, é que esmoreza liturxizado.

  5. Louzao
    Louzao Dice:

    As dúas candidaturas das que se fala, nomeadamente a de María Mariño, parécenme excelentes. Con todo, eu teimaría coa de Plácido Castro, unha figura que non ten aínda o recoñecemento que merece. Representa unha forma de entender o nacionalismo de plena actualidade e, no estrictamente literario, o seu labor xornalístico é admirable.
    Por certo, Francisca Herrera foi homenaxeada en 1987.
    Sobre a cuestión do Día das Letras, sendo de interese os cambios propostos, creo que o cambio principal debe vir do enfoque que se lle dea. Eu propoño dúas liñas:
    a) Non concentrar todo o interese na figura homenaxeada; repartilo co que son as “letras galegas”: escritores e escritoras, o libro galego, as dificultades para existirmos con plenitude como lingua e como lingua literaria, os logros acadados…
    Sería un xeito de que entren tamén escritores e escritoras actuais, e de recuperarmos para as novas xeracións nomes que se homenaxearon en tempos difíciles, desde Rosalía ou Castelao ata Cunqueiro ou Dieste: son clásicos xa e,parafraseando un artigo de Cunqueiro do ano 58, “non hai nada que teña maior actualidade que os clásicos. Son sempre noticia de última hora”.
    b) Impedir (como?) que a máquina de pisar o croio que se pon en marcha cada ano esmague e burocratice a figura do escritor homenaxeado. A imaxe que se transmite á xente ten un aire necrolóxico e triste, como de cousa xa sabida e repetida, que consegue ocultar todo o que de singular había nela (comezando polo feito de,a contracorrente, escribir en galego).

Los comentarios están desactivados.