Onte 1680: Xeración precariada
O concello de Redondela convidoume onte a intervir no acto de entrega da XVIª edición do Premio Os Viadutos de narrativa curta para menores de 35 anos. Un premio literario ao que me sinto moi vinculado xa que participei no xurado até 2012, durante máis dunha década, onde resultaron premiados ou foron finalistas, entre outros, Xosé Carou Rei, Pilar Ortega Pereiro, Samuel Solleiro, Roque Cameselle, Emma Pedreira, Manuel Lourenzo Sobral, Susana Pereira Fiúza, Iván García Campos (Premio Blanco Amor de novela en 2010), Andrea Maceiras (Premio Jules Verne en 2015), Isaac Xubín ou Pedro Feijoo, membros da xeración de narradores e narradoras do novo século, que algunha vez chamamos, Xeración da Esperanza. Un premio que, como o Pedrón de Ouro ou o Manuel Murguía de Arteixo, abriu a xanela para novas voces, en definitiva, fixo canteira e ten moito futuro por diante.
Na entrega de premios correspondente a edición deste ano, tanto a gañadora, a xornalista de Tortoreos Sara Vila Alonso, como as dúas finalistas, a educadora social Sandra Martínez Fernández e a tamén xornalista Elena Dopico denunciaron nas súas intervencións a situación de precariedade e desemparo da súa xeración. Unha denuncia semellante a que fixera Marcos Abalde Covelo en Fornelos de Montes hai pouco máis dun mes, cando recibira o Premio de poesía de Manuel Lueiro Rey, no que cualificou como Xeración Perdida a dos mozos e mozas que teñen hoxe entre os 30 e os 40 anos.
Sara Vila Alonso, autora de «Adeus, María», o relato gañador, atribuíu «á trapallada da crise a ausencia de expectativas que están minando a nosa autoestima». Sandra Martínez Fernández, autora de «Biografía dun saco de patacas ao lombo», confesou que a protagonista do seu relato quedara como ela no paro aos 33 anos, e a piques de rematar a prestación de desemprego caera nas mans da depresión e dunha terapeuta. «O meu relato é a testemuña do que é a miña xeración, a que atopou un futuro que resultou non ser como nos venderon.» «O noso saco de patacas máis pesado é a incerteza, non saber quen es e onde quedaron os teus soños. A nosa fame é o medo, mais non podemos transformarnos en persoas conformistas.» Por último, Elena Dopico, autora de «Premio», confesou que o seu relato tiña un carácter metaliterario, mais que tamén expresaba a preocupación pola precariedade que vivimos: «estou convencida que non é toda unha responsabilidade individual».
Tres intervencións estremecedoras, que puxeron o dedo na chaga, capaces de crear un silencio emocionante nun día de ledicia para as tres narradoras. A denuncia da situación desta xeración precariada, tamén a da esperanza para a continuidade das nosas letras, non pode ser silenciada. Os nosos parabéns máis intensos para Sara Vila, Sandra Martínez e Elena Dopico pola súa afouteza e dignidade de alzar a súa voz.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir