Do libro electrónico á lectura dixital
Esta noticia de Ediciona paréceme moi importante: por fin Amazon reorienta a súa estratexia do negocio dixital renunciando ao seu modelo de dispositivo de lectura propietario (actualmente o Kindle 2 e o Kindle DX) para facer, pola contra, maior fincapé na distribución dos contidos. Semella que a irrupción do IPhone como posible dispositivo de lectura dixital (e tamén doutros teléfonos) e o desenvolvemento do formato ePub aconsellan esta mudanza do equipo de Bezos, ao que, quizais tampouco, sexa allea a ameaza de Google.
A aposta por formatos de libro electrónicos o máis estándares e compatibles posible (neste momento ePub de Adobe, mais pode mudar pola dinámica tecnolóxica e empresarial) imponse sobre a posibilidade do monopolio que dos dispositivos de lectura pretendía impoñer Amazon. A avalancha de modelos de e-books promete que o negocio en España pode comezar a desenvolverse a partir desta campaña de Nadal. No entanto, o futuro do libro electrónico está na sua capacidade de propoñer unha cadea de valor que faga viable o negocio da distribución e propiedade dos contidos dixitais (non esquezamos que non van ser todos gratuítos, aínda que si, seguramente máis baratos cos analóxicos). Asumindo que toda a edición internacional está nun proceso de reconversión e reconstrución tanto da súa actividade como da súa cadea de valor, dificilmente vai existir a curto prazo unha única forma de distribución do contido textual dixital e do seu consumo (a lectura dixital).
Parece que polo momento non é ouro todo o que reloce porque o código de Amazón para pouco serve aos máis dos implicados activamente no desenvolvemento do libro electrónico.
O outro día falamos no meu blogue o Calidonia, Mario Regueira sobre o futuro do libro e sistemas literarios respondendo unha serie de preguntas. Fica convidado a unirte á conversa se che apetece.