Continuará "Libro Aberto"?
Acabamos de recibir a carta de despedida de Luís Rei Núñez, o director do programa “Libro Aberto”. Despois de 127 programas “Libro aberto” consolidouse como o espazo de referencia para a promoción do libro galego en televisión. Magoadamente a nova dirección da TVG, que acaba de suprimir o “Servizo de Cultura”, non asegura a continuidade do programa. Sinceramente non me entra na cabeza que os novos directivos da CRTVG poidan liquidar da grella un programa da calidade e audiencia de “Libro aberto”. Se o fixesen cometerían un gravísimo atentado contra a lectura, un auténtico delirio! A industria do libro galego e o fomento da lectura en Galicia (un país á cola nos índices de lectura) precisa como auga de maio de “Libro aberto”, precisa, ademais, recuperar o minuto do libro nos informativos diarios e crear a “Hora do conto”, un miniespazo diario dirixido aos lectores máis novos.
Nesta despedida de “Libro aberto” é o momento de abeizoar o traballo realizado por Luís Rei Núñez, o seu director, Manolo Romón, o seu presentador, e o de todos os membros do equipo de profesionais.
Reproduzo a carta de despedida de Luís Rei Núñez:
Amigos de “Libro aberto”:
Nestes días estase completando o proceso de renovación do equipo directivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e os novos responsables da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005. Dado que ese programa de “Libro aberto” xa está gravado e non hai nel ningunha despedida dos seus seguidores e amigos, xa que a decisión nos foi comunicada con posterioridade, quero aproveitar o medio polo que habitualmente nos comunicamos para despedirme e agradecervos a vosa atención e interese.Se en anos anteriores a pausa era só durante o tempo de verán, sabendo que volveriamos en setembro, esta vez, lamentablemente, descoñecemos se será un adeus para sempre, perdendo esta canle pública o espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura.
Foron 127 emisións, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; con monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte; e, por que non dicilo, con recoñecementos como o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e cunha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.
Lonxe de calquera sectarismo, prestando atención ás novidades da nosa ampla oferta editorial, e achegándonos a clubes de lectores e librerías de toda Galicia, “Libro aberto” acolleu autores de todos os xéneros e xeracións, que tiveron no espazo unha ventá inmellorable para conseguir a necesaria visibilidade na sociedade para a que traballan.
Desde o convencemento de que pechar para sempre un espazo dedicado ós libros sería un gravísimo paso atrás, despídome de vós formulando o desexo de que en setembro, e como á volta dos tres veráns anteriores, a Televisión de Galicia volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións.
Luís Rei Núñez
Director de “Libro aberto”
Outro exemplo máis da «liberdade» deste goberno «popular».
Home, non é por trolear, pero non é malo que un programa que leva catro anos facéndose remate.
O couso é saber que programa van facer agora sobre libros, se o van facer, e se é mellor ou peor có que xa había. Non?
Panis et circensis. A consellería de Cultura convertida nunha promotora do circo xacobeo e de Carmiñas Buranas. Todo sinal de cultura propia é directamente eliminado. Eis o problema desta democracia: un pobo pode votar pola súa propria extinción.
Iago, esa é a vantaxe da democracia. Un pobo que quere extinguirse pode facelo. 🙂
Chegou á Xunta o PP sen complexos e sen cultura. Rueda suxire na entrevista de onte en “La Voz de Galicia” que os concellos supriman as súas políticas de promoción cultural. Pola “austeridade”, claro…