El Pais

Un dos efectos primeiros do inicio da campaña é que reducimos á mínima expresión (coa excepción das da Feiras do Libro) o número de presentacións. Comprobamos que a maior parte dos medios nestas xornadas lles prestan, aínda, menor atención que adoitan noutras. Con todo, sei dunha nova interesante: El Pais dedicará o sábado de reflexión unhas cantas páxinas de Babelia á literatura galega. Incluirá unha entrevista co noso patriarca (lin a primeira versión e pareceume moi boa) e un repaso de autores, libros e xéneros. Ben se pode comprobar estes días o interese deste xornal pola campaña (dedícalle máis páxinas ca algúns medios galegos). Incluirá, tamén, un artigo diario de Manolo. A cousa promete.
8 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Si, parece que agora El País e o PSOE van “en serio”. Vese no tratamento que lle dan a Quin e ao BNG e o apoio sen fisuras a Touriño.

    Ao igual que a Cadena Ser que mesmo nas emisoras galegas levan tempo ninguneando aos nacionalistas e traballando arreo polo bipartidismo.

    Non digo que non se esperara iso; ao final son un medio de comunicación privado que atende a intereses particulares e non precisamente galegos. En calquera caso, a súa suposta imparcialidade e obxectividade xa vemos en que queda…

    En resumidas conta, A que vén isto?… Que obxectivamente co grupo prisa a cultura deste país lle vai ir tan ben coma con La Voz de Galicia e coa TVG. Un desastre.

  2. mourullo
    mourullo Dice:

    Anónimo dixo:
    “(…)Ao igual que a Cadena Ser que mesmo nas emisoras galegas levan tempo ninguneando aos nacionalistas e traballando arreo polo bipartidismo (…)”

    Home, non é o caso de Radio Coruña, un verdadeiro illote no océano radiofónico do fragavazquismo.

  3. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Volvo a non entender estoutra polémica dos anónimos defensores do “nacionalismo marxinado dos medios”. Para gañarlle ao réxime de Fraga Iribarne fai falta a axuda toda de Prisa, da SER, d’ ANT, de Vieiros e dos medios independentes que houbese (poucos).
    Ou ben seguides teimando que La Voz (ese é o xornal preferido de anónimo?) vai levar a Quin da súa manciña ao Pazo de Raxoi. Claro que é unha magnífica noticia o esforzo que están facendo os profesionais galegos de El Pais. E, por certo, polo que vou lendo, non vexo esa aposta polo bipartidismo da que fala anónimo. Moi ao contrario, manéxase como primeira hipótese un goberno de coalición na alternativa. Prisa non é responsable do sorpasso do PSdeG-PSOE sobre o BNG.

  4. Nygard
    Nygard Dice:

    Penso que o do “nacionalismo marxinado nos medios” non me semella polémica algunha senón realidade obxectiva. Ben é verdade que é unha teima miña e que moitos compañeiros e amigos me recomendan que tome como o que é: unha variábel esóxena e dada, sobre a que non se pode actuar e que simplemente hai que ter en conta para deseñar a nosa ecuación.

    Prisa non é obviamente o culpábel do hipotético sorpasso do PSOE ao BNG mais coido que non me engano se afirmo que “prefiren” un BNG debilitado que un BNG forte nunha eventual coalición de governo. É dicir, traballan nunha dirección determinada que é reforzar ese sorpasso (hipotético, suliño).

    Saúdos

    (asinei anónimo porque era máis rápido)

  5. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Amigo Nygard: cando falo do que eu entendo por polémica é para expresar a incapacidade do nacionalismo político de artellar unha estratexia de medios de comunicacións afíns. Despois de vinte e cinco anos, o nacionalismo foi incapaz de contar nin sequera cun diario en galego. Podemos confiar en que “El Pais”, “La Voz” ou “Faro de Vigo” pulen polas posicións de noso. Estou convencido de que un requisito para que os nacionalistas optemos con garantías a gobernar a autonomía está en contar cunha rede de medios de comunicación (escritos e audiovisuais) en galego e de calidade. Con laiarse do tratamento recibido, penso, coa maior humildade, non abonda.

  6. Nygard
    Nygard Dice:

    Comparto a opinión de que a inexistencia de medios de comunicación afíns ao nacionalismo constitúe un erro histórico. Pero non só do nacionalismo político senón tamén do social, do cultural e mesmo do económico.

    É máis, nun país “normal” non debería ser a esfera política a que promovera un medio de comunicación…

    Obrigado polo teu comment das gharotas…

  7. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Loxicamente. A creación dun medio de comunicación non corresponde aos partidos. Mais si, sen embargo, todos teñen unha política de medios. “A Nosa Terra” e “Tempos” son esforzos notables, mais non abondan. Con todo, non podemos desistir deste esforozo.

Los comentarios están desactivados.