A crítica a debate

Participei no debate sobre a crítica literaria publicado no suplemento Culturas da Voz desta semana. Pedro A. Ramos, autor da reportaxe, arríscase a propoñer unha tipoloxía do xénero: crítica de autor, crítica do que debería ser e crítica temática ou ideolóxica.
Enriquece moito a reportaxe o comentario do levantador de minas (un dos críticos –anónimo para min– que sigo con maior interese) que, citando a Barry Schwabsky, considera: “se imos ao centro do problema da elaboración da crítica, a dificultade apunta á calidade do contido no sentido do que se di e de como se di”. Para rematar, despois, afirmando: “Do que se trata, diría eu, é de facer uso de certa sensibilidade para poder tirar das obras cuestións que sensatamente se atopen nelas, vinculalas ao seu desenvolvemento nas mesmas e paralelamente a outros espazos vitais, e apresentar todo con limpeza de ideas e calidade formal. Porque o escrito, como dicía Italo Calvino, se é fermoso é máis verdadeiro”.

Etiquetas:
4 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Moi interesante señor Bretemas, por fin parece que comezan a asentarse unhas bases de consenso sobre a orientación que debería seguir a crítica se quere ser boa crítica. Pero o camiño non é tan doado, é certo como se apunta que hai xa demasiados intereses. Confiemos en que o crecemento da cultura fertilice un lectorado mais numeroso e crítico, e que ganarse o prestixio ante el poida ser o norte dos bós críticos. A nosa sociedade tan premoderna en moitos aspectos revelase as veces estamental e os títulos e as xerarquías neutralizan outras formas mais obxectivas para dilucidar o talento, (que diría Weber). Confiemos pois nese prometedor vinculo entre cultura e liberdade.
    LP

  2. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    O contacto, ás veces físico, entre críticos/as e escritores/as fai imposible a crítica rigurosa. Eu, por principio, non me creo ningunha observación crítica nos xornais galegos. Teño prexuízos. Pero éche difícil arrincalos se todos/as están no mesmo barco.
    O comentario vale para outras literaturas, pero hai que recoñecer que o nivel de contacto non é tan grande como en Galicia.

  3. O levantador de minas
    O levantador de minas Dice:

    Considero, como Pedro A. Ramos, que o gusto persoal do autor, a súa ideoloxía e a súa concepción ideal da obra literaria non interesan a un traballo crítico de altura. Sobre todo porque un crítico literario non debe mazar o lector coas súas preferencias, do mesmo modo que os cociñeiros non se limitan a divulgar unicamente as súas receitas preferidas. Toda obra, se ten o necesario para ser considerada artística, fornece para quen o sabe ver motivos para unha valorización sensata. E digo “sensata” porque quero deixar claro que, sendo o terreo da “obxectividade” e a “independencia” (citadas por Pedro A. Ramos) en esencia inestábel, penso que existe un modo constatábel en que cada obra mostra contidos e formas a través dunha fórmula creativa específica. Así, baseándose na parcela do facilmente asumíbel, cada crítico debe elaborar, dito doutro modo, un discurso crítico que represente unha subxectividade (o seu punto de vista) e unha dependencia (da súa sensibilidade, dos seus recursos, etc.) comprensíbeis e respectábeis. E iso lógrase, e aí concordo, cunha argumentación lóxica e unha visión multiperspectivada.

    No relativo ás relacións entre escritores e críticos, como medir o que é unha “distancia” aceptábel? Só temos os textos críticos e a comparación con as obras criticadas para opinar. É exclusivamente da valorización posterior do lector que un crítico pasa a ser referencia interesante ou non. E un crítico debe afianzarse nunha perspectiva propia, estábel, que faga del unha “vara de medir” as obras, como un recurso máis de referencia para o cliente que o lector é.

  4. Mario
    Mario Dice:

    Eu creo que a ideoloxía, a concepción ideal da literatura e o gosto persoal poden aparecer nun traballo crítico de altura, se están ben medidas e puntualizadas. É dicir, se a distancia entre a subxectividade e unha pretendida obxectividade está ben salvada e compensada, cousa que só se consegue se o crítico é capaz de situarse na perspectiva de outro e entender que el mesmo non é a medida do mundo nen o lector medio. É dicir, abrirse a esa multiperspectividade da que se fala que non é outra cousa que comprender e asumir o peso da súa subxectividade e tratar sempre de compensala, procurando posíbeis lecturas alternativas.
    En canto concepto da “distancia” eu concordo bastante con arume, e aínda lle agregaría a vella noción de proxecto colectivo que aínda se ten da literatura galega. O feito de desenvolvernos nun sistema literario sometido ou ameazado fai que aínda hoxe unha crítica se mida non tanto en relación á obra particular, como ao sistema ao que esta pertence. En tempos (anos 50, poño por caso) procurábase defender o corpo do sistema literario ante un risco de extinción, agora trátase de protexer valores secundarios como a consagración de determinadas figuras, a persistencia de xéneros ou liñas literarias pouco explotadas dentro do sistema.

Los comentarios están desactivados.