José Luís Gómez sae de «Xornal»
Segundo Xurxo Salgado, responsable de Galicia Confidencial, foi a raíz da publicación o pasado luns desta fotografía, na que Rajoy aparece a bordo do buque Moropa en 2009, propiedade de Manuel Baúlo, a causa que provocou a saída de José Luís Gómez da dirección de Xornal de Galicia. Semellaría que Jacinto Rey, o propietario do medio, non puido resistir máis as presións da dirección dun Partido Popular moi anoxado por unha información, publicada inicialmente en Público, pouco afortunada para quen é probable sexa elixido como presidente do Goberno.
No entanto, creo que a saída de Gómez da dirección do xornal ten máis que ver coa nova fase do proxecto que o propietario pretende abrir no medio, tras o nomeamento de Alfonso Paz Andrade como novo conselleiro delegado da empresa, sendo a foto do Moropa a pinga que reborda un vaso que hai tempo se pretendía derramar sobre a mesa. Sexa dunha maneira ou doutra, o que é seguro que a noticia da marcha de Gómez foi hoxe moi ben recibida por Feijóo e Rueda nos seus austeros despachos de San Caetano, sen dúbida moi satisfeitos por poñer remate, por fin, a esta «anomalía» da prensa galega; entenderán que o campo quedou despexado para eles mandar a pracer nas eleccións municipais. Mi madriña, que medo!
José Luís Gómez merece todo o noso recoñecemento polo proxecto desenvolvido ao longo dunha longa década polo seu dixital e por estes dous anos nos que puxo a andar dende cero o xornal en papel. Un éxito indiscutible. Como tamén o foron o tratamento informativo proporcionado pola súa dirección ao conflito xerado arredor do decreto de plurilingüismo, á fusión das caixas ou ao decreto eólico, que como lectores e cidadáns galegos merecen o noso maior agradecemento pola súa afouta independencia. Como tamén a súa atención diaria á información cultural, especialmente para a música, o cinema e o libro galegos.
Agardamos que esta primeira etapa de Xornal de Galicia sirva de alicerce para o desenvolvemento do proxecto sólido de prensa galeguista en clave de país que precisamos como auga de maio. Hoxe, as nosas beizóns son para José Luis Gómez.