Unha Galicia esgazada

Ao longo desta semana non tiven oportunidade de publicar anotación ningunha sobre o debate de investidura. Sobre a cuestión, remito ás publicadas por Perfecto Conde, Ian e Antón Baamonde, todas as tres moi interesantes. Porén, hoxe seguín os actos de investidura de Alberto Núñez Feijoo pola Radio Galega e pola transmisión que María Yáñez realizou en twitter (beizóns polos comentarios). Ao longo da mañá, a miña sensación non puido ser máis triste e desacougante. Tanto pola estética do novo escenario (vaia pancartas!) como polos contidos do discurso tecnocraticamente galeguista do presidente (referencias a Cunqueiro, Piñeiro, á Galicia mariñeira e aldeana…). Sexa polas formas, sexa polos contidos das súas propostas, dificilmente Alberto Núñez Feijoo –a pesar da súa retórica chamada ao diálogo coa oposición e a sociedade civil–, vai ser capaz de agachar que coa súa presidencia Galicia volve quedar dividida, esgazada irremediablemente en dúas metades.

Tras todos os seus discursos e declaracións, o futuro comprometido para o idioma de noso é un feito xa irreversible. O novo presidente aposta teimosamente polo modelo defendido polos sectores galegófobos, asumindo acriticamente as falsidades da imposición do galego e o concepto de «liberdade lingüística». O goberno de Feijoo tratará de seducir á sociedade galega cun modelo dunha «Galicia trilingüe» no eido educativo (non sabemos como o conseguirá?, mais por aí sairá a nova chilindrada da reforma do decreto de fomento do galego) e abrirá as portas con toda claridade ao emprego do castelán por parte da Xunta de Galicia (estou convencido, agardo trabucarme, que haberá conselleiros monolingües en castelán), tal como llo solicitan os sectores máis galegófobos. Outrosí sucederá co desenvolvemento do autogoberno, no que propoñerá un modelo de desenvolvemento estatutario de rango semellante ao das comunidades que se constitúen agora nos nosos referentes (Madrid, Valencia…). Sen dubida que o PSdeG-PSOE recibirá nos próximos meses unha envelenada proposta de consenso por parte do novo presidente para aprobar decontado unha reforma do Estatuto. Un golpe de efecto galeguista que, ademais, tería a pretensión de deixar fóra do acordo ao BNG, condenado hai meses por algúns medios (que non ocultan a súa intención de marcar a axenda política do presidente conservador) a ser excluído da política institucional polo seu «radicalismo nacionalista».

O resto dos compromisos de Feijoo, dende as chamadas á rexeneración democrática, á reforma da CRTVG, á esixencia do cumprimento da Lei de Dependencia, marcarán un novo estilo de comunicación política (en clave xeracional, seguramente) que poden darlle moitos réditos ao novo presidente. Aí a exitosa experiencia demagóxica do Audi de Touriño que, con toda seguridade, será repetida durante a lexislatura.En tempos de crise estas medidas políticas (sen custe económico) son as máis rendibles. Pola contra, os seus esquecementos e a súa falta de concreción sobre asuntos tan importantes como a crise industrial, a Cidade da Cultura ou o Medio Rural,ou o perfil intencionadamente baixo que se concederá a determinadas áreas como a de Cultura, agoiran, paradoxicamente, unha presidencia máis volcada sobre a política ca sobre a eficacia de xestión (esa é mellor baza coa que contan os políticos de perfil tecnocrático).

Mentres, na outra banda, tanto o BNG (hoxe en asemblea decisiva para o seu futuro) como o PSdeG-PSOE deberán solucionar os seus liderados e crear un novo modelo relacional que permita artellar, o antes posible (nunha ou dúas lexislaturas) unha alternativa viable ao duro poder conservador. Mentres, haberá que confiar na resistencia e creatividade da sociedade civil para facer fronte a tempos difíciles para a defensa dos valores cívicos do galeguismo. O asociacionismo veciñal, cívico e cultural está chamado a ter un papel decisivo nesta nova etapa que se abre. Na auténtica renovación deste tecido de participación cidadán é onde pode estar ese maletín de Walter Benjamin do que onte falaba no seu groucho Rivas. Este é o tempo para que nazan novas iniciativas en rede na defensa destes valores republicanos. Non lle atopo outra receita para pasar este mal tempo: traballo, intelixencia e entusiasmo.

4 comentarios
  1. W. Sobchak
    W. Sobchak Dice:

    “haberá que confiar na resistencia e creatividade da sociedade civil ” gran frase e idea. Concordo ao 100%.
    De feito levo obsesionado con esa idea desde marzo. A ver como sae a cousa

  2. María López
    María López Dice:

    Eu penso que este novo tempo pode ter cousas boas, os amantes da lingua sairán da súa parálise e deberían facer unha defensa festiva da palabra galega nas rúas.
    Despois de anos de silencio e de aproveitar o día das letras galegas pra ir á praia ou de ponte, por fin este ano haberá actos lúdicos a prol do idioma.Cando un é fan ou devoto de algo ten que demostralo o día do concerto do seu ídolo ou o da romaría do seu santo…Polo menos o Feijoo fala mellor galego que moitos outros que pasaron polo seu atril

  3. A.C
    A.C Dice:

    D. Manuel, sigue vostede na “tónica” da exaseracion, e non sei moi ben a santo de k. Vostede k publica libros para “TODOS” os galegos está ciando ca sua embarcacion, e repìto non sei moi ben por k, a excepcion, de k sexa un nacionalista militante, cousa k non me parece nin ben nin mal, pero me da k non e o seu “perfil”, como diria un cursi.
    Un saudo e sorte para Feijoo e todos os galegos k moita faltiña nos vai a facer
    PD. Meu unico ¡carné e o DNI

  4. Marcos Piñeiro Paz
    Marcos Piñeiro Paz Dice:

    Somentes dúas anotacións.
    1ª Sería interesante que os nacionalistas se decatasen de que hai outros galeguismos a parte do seu (si, é posible. Eu mesmo son galeguista non nacionalista)
    2ºDo mesmo xeito, o galego non é dos nacionalistas nin dos galeguistas, polo tanto, todo aquel que suxire diferentes políticas para o galego , non é galegófobo. Iso é unha maneira de apropiarse do galego que non se lle pode permitir a NINGUEN

Los comentarios están desactivados.