Tendas con historia

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao programa da Cámara Municipal do Porto de protección aos establecementos comerciais con máis de cincuenta anos de historia:

favoritabolhao_small11

A Cámara Municipal do Porto identificou as primeiras 37 tendas históricas da súa cidade, que estarán protexidas no programa “Porto de Tradição”. Establecementos todos cun mínimo de 50 anos de actividade, entre os que se inclúen algúns tan coñecidos polos galegos como a ourivesaría Coutinho (1859), a papelaría Modelo (1921), as librarías Lello (1869) e Académica (1912), a vidraría Fonseca (1908), a padaría Ribeiro (1878), a confeitaría Arcadia (1933), os cafés Majestic (1921) da rúa Santa Catarina e Guarany (1933) da avenida Aliados, a mercearía A Favorita do Bolhão (1934), a xastraría London Style (1918) ou a farmacia Lemos (1780). Xaora, alén desta lonxevidade, sexa pola especificade do seu produto ou servizo como pola súa ubicación, decoración ou estilo, todos posúen un significado para a historia e a memoria da cidade portuense. Son, en definitiva, tendas con historia, que forman parte do patrimonio histórico material e inmaterial e como tales merecen ser apoiadas e conservadas.

“Porto de Tradição”, programa semellante ao de “Lojas con História” da Cámara de Lisboa, naceu para contribuír a preservar e facer sostible as actividades económicas destes establecementos e afrontar a “Lei do Arrendamento Urbano”, que en Portugal supuxo un aumento desorbitado dos alugueiros e fixo perigar a viabilidade do comercio tradicional. Lonxe de calquera saudosismo dun tempo que nunca regresará ou do perigo da súa fosilización como “tendas museo”, este programa municipal portuense establece medidas de protección e apoio económico (incluídos beneficios fiscais para os propietarios dos inmobles das tendas distinguidas), tanto no que atinxe a autorización de intervencións no interior ou exterior como da divulgación e promoción da súa actividade económica. Preténdese, pois, que estas tendas de comercio tradicional, integradas como patrimonio da memoria colectiva e da identidade da cidade, sexan ademais trabes no proxecto da súa rexeneración urbana.

Magoadamente en Vigo un programa de conservación de tendas con historia como o portuense chegaría xa moi tarde debido a que nas últimas catro décadas se produciu unha desfeita do tecido comercial vigués do século XX. As tendas do centro son hoxe apenas nomes que quedaron na memoria de noso: as mercearías como A Favorita e Amalia; os cafés como Derby, Goya ou Flamingo; as cervexarías como Joaquín ou Eusco; as librarías como Cervantes ou Barrientos; as papelarías como a Española ou a Comercial; a tenda de música de Manrique Villanueva de Velázquez Moreno; as zapatarías como Miami, Segarra, Novus, Cruces, Bar, Chavalín ou Layton; xoiarías como Resende ou Arosa; as pastelarías como As Colonias e Arrondo; os comercios como as Tres BBB, El Louvre, o Sport, Esmar, Gladys, Vigobazar, Cividanes, Joperi, Ropal, Blancazul, Galerías Romero, A Norma, Kadete, Gervasio, Karina, Barros ou Pousa; as farmacias como a de Carrascal ou Sanchón; quioscos como o Perrete; os almacéns como El Pilar, El Príncipe, Simeón, Olmedo, Asefal e Alfredo Romero; as xoguetarías como Tobarís e Moya; os bazares como Reguera ou A Ideal… Unha relación interminable que a memoria de cadaquén pode engrosar coa dos cines, hoteis, restaurantes, pubs, clubs, discotecas e mesmo algúns centros educativos borrados da xeografía de noso. Tendas con historia reemprazadas polas das cadeas de vestiario e polas oficinas de bancos e caixas, caídas arestora en desgraza, como se ve na desoladora rúa Policarpo Sanz, con boa parte dos seus baixos a barbeito.

Decote gabámonos de vivir nunha cidade marabillosa e temos razóns abondas para facelo. Mais non podemos negar que o Vigo actual é unha cidade capaz de devorarse a si mesma, incapaz de singularizarse e conservar boa parte da súa arquitectura pétrea e tecido comercial que fixo daquel Vigo de hai cincuenta anos unha cidade probablemente máis cosmopolita e moderna do que é na actualidade. Por ventura, aínda quedan abertas algunhas tendas con historia, auténticas mohicanas que merecen ser catalogadas  e protexidas polo concello, como se está facendo en Porto, a cidade atlántica da que tanto temos que aprender. Unha nómina que comezaría coa xoiaría de Ramón Fernández de Príncipe, a esmaltaría dos Hernández de Gran Vía, a armería a Naval Viguesa de Carral, a farmacia de Díez de Castrelos, a pastelaría Ramos de Pi e Margall, a libraría Librouro de Eduardo Iglesias, as ferraxarías Iturmendi de Progreso e Julio Rico da praza de Almeida, a tenda de electrodomésticos Carbón Radio de Camelias, a viñoteca Arjeriz de Carral, o Herbolario Vanara de Sanjurjo Badía… Relación na que non poden faltar outros moitos establecementos do Vigo Vello, de Teis, Travesas, Bouzas e o Calvario abertos de 1960 en diante. Poñer en valor estas tendas con historia é un exercicio pendente.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *