Artigos

Feijoo: transferencias cero

Dediquei o derradeiro artigo do ano para Luzes ao desinterese de Feojoo na negociación das transferencias pendentes de desenvolvemento estatutario:

Se non mudan moito as cousas, Alberto Núñez Feijoo pasará a historia da autonomía como o único presidente da Xunta de Galicia que non pechou non seus mandatos traspaso ningún de competencias. E outrosí, trinta e cinco anos despois daquelas primeiras quince competencias transferidas no mes de xullo de 1982 polo goberno de UCD, Mariano Rajoy será tamén o primeiro presidente dun Gobierno de España que non seus mandatos non transferiu nin unha soa competencia nova a Galicia. Unha coincidencia de ambos os dous líderes populares galegos que non semella fortuíta.

E o caso da actitude displicente de Feijoo e Rajoy coa ampliación do autogoberno galego, máis alá da expresión da súa escasa autoestima e pouca consideración cos afáns dos seus compatriotas, ten hoxe moita máis miga política do que aparenta. Abonda con lembrar que desde 2008, cando o goberno de Zapatero transferiu ao presidido por Touriño o Parque das Illas Atlánticas, Galicia xa non asumiu competencia ningunha máis. Como abonda consultar na rede para comprobar como Feijoo desque accedeu á presidencia da Xunta de Galicia abandonou de raíz o discurso que mantiña como xefe da oposición, cando criticaba as “transferenciñas” negociadas polo bipartito e consensuaba en 2009 co PSdeG-PSOE e BNG a reclamación do famoso e histórico paquete das setenta competencias pendentes.

Displicencia inicial co proceso transferencial transformada en 2015 en negativa rotunda a continualo, cando Pedro Puy, presentado como a cara máis razoable e galeguista do PPdeG, acuñou o discurso de que o pulo do autogoberno galego radicaba no mantemento da solvencia da comunidade, mais que na dotación de novas transferencias. Doutrina dende entón nunca cuestionada, seguida ao pé da letra polo presidente Feijoo, que situaba ás políticas de consolidación fiscal (o eufemismo utilizado polos administrativistas para referirse aos recortes de políticas sociais, educativas e culturais) como eixo da acción do seu goberno, ao tempo que remataba coa posibilidade de reforzar ás institucións de autogoberno e acadar un novo teito competencial para a autonomía galega.

Xaora, para sermos precisos, durante a campaña electoral das Galegas do 25 de setembro de 2016, Feijoo expresou nalgunha intervención que a mellora da situación financeira permitiría abrir a axenda de traspasos pendentes, lembrando así o paquete das setenta competencias, entre as que citaba ás da AP-9, as da Inspección de Traballo, as de ordenación do litoral, inspección e vixiancia pesqueira, como a posibilidade de volver a falar da de tráfico e seguirdade viaria, aínda que deixaba no esquecemento moitas outras do paquete consensuado en 2009 no Parlamento como as competencias sobre museos, bibliotecas e arquivos, ou as bolsas de estudo por citar algunhas das significativas.

No entanto, mergullados na actual crise de estado provocada polo “problema catalán”, Feijoo volveu achantar a reclamación transferencial de Galicia aducindo que a impedía a “excepcionalidade que vive hoxe o estado as autonomías”. Un argumento ad hoc que expresa o compromiso de Feijoo de non crearlle outro problema a Rajoy, mesmo a pesar de que o Parlamento (co voto dos populares) acordase o pasado mes de marzo solicitar a transferencia da Autoestrada do Atlántico, fulcral para un desenvolvemento sostible e equilibrado do país. Unha actitude do presidente dos Peares que, para o noso escarnio, coincide coas transferencias que o propio gabinete de Rajoy negociou con sete comunidades como Andalucía, Canarias, Comunitat Valenciana, Madrid, as dúas Castelas ou Baleares. O que serve para elas non serve para Galicia?

Xaora, Feijoo coa súa teimosa política de transferencias cero preséntase nos medios capitalinos como o modelo dun xestor responsable dun novo estado das autonomías. E non falamos aquí nin da súa negativa a considerar a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia nin o baixísimo nivel de produción lexislativa dos seus gobernos, outras expresións da súa intención de rebaixar a autonomía galega. Utilizando semellante estratexia conformista, imaxinamos a que aspira Feijoo?

 

Seguín as informacións de David Lombao en praza.gal para documentar este texto, profesional a quen expreso gratitude e recoñecemento.

Onte 1384: Humillación ou grexit?

12-07-2015Angela Merkel e o bloque dos seus socios non deixaron onte moita opción a Tsipras: ou reformas draconianas coa conseguinte perda de soberanía (e polo tanto humillación do goberno e pobo gregos) ou saída do euro (a pesar de non estar contemplada nos tratados). Á chanceleira alemá non lle chista o actual goberno grego de esquerda europeísta e non está disposta a que se contaxie o seu exemplo a España e Portugal, países tamén debedores ás portas dunha convocatoria electoral a fin deste ano.

Se algunha dúbida quedaba, nesta Europa ao xeito alemán só hai espazo para os negocios (e intereses) das grandes corporacións financeiras, quedando as vidas das persoas e o seus dereitos ao abeiro das axudas humanitarias. Con todo, a situación de onte foi semellante ao ultimátum que recibiu Zapatero e que o levou a pactar con Rajoy aquela reforma express da Constitución sen referendo ningún. Sen posibilidades de acordar un marco equilibrado entre países debedores e acreedores non hai credibilidade para a moeda única, mais tampouco viabilidade para o proxecto de integración europea que esta semana corre o risco de escachar en múltiples anacos.

Onte 516: Luciña

Dende onte o mundo é un chisco máis xusto. A Cámara dos Comúns aprobou a legalización do matrimonio entre persoas do mesmo sexo en Inglaterra e Gales. Aquela conquista de dereitos cívís da que foron pioneiros os Países Baixos e Bélxica e, en 2005, o primeiro goberno Zapatero, a pesar das fortes resistencias conservadoras, moi especialmente das igrexas, vai estendéndose por Europa e algúns estados americanos. Esta lei británica constitúe un avance importante na conquista da igualdade real, mesmo a pesar das súas carencias, sobre todo no que atinxe aos dereitos das persoas transexuais ou as parellas lésbicas na procura de dereitos reprodutivos non contemplados neste texto. Unha luciña prendida na escuridade europea.

O curso da crise

No artigo da semana propoño un esquema de análise da actual crise económica coa que se inician en realidade as mudanzas do novo século, que pasou da doutrina inicial da «refundación do capitalismo« á actual de «redución radical do déficit» que culpabiliza ás políticas públicas como cuasantes da crise. A posibilidade dun adianto das Eleccións Xerais, provocado pola incapacidade de Zapatero para aprobar os Orzamentos de 2011, sería a guinda pola que agarda Mariano Rajoy en Sanxenxo.