Está vendo o arquivo da categoría » xosé_cobas

A viaxe de Xabier

bretemas —  27 de Xuño de 2018 — Deixa un comentario

No artigo de urxencia en Luzes lembro conmocionado ao mestre Xabier DoCampo:

«Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retorna á casa desde o momento mesmo en que puxo un pé fóra dela. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato. Por iso os camiños que emprende o Viaxeiro son vieiros que conducen ao coñecemento e á aprehensión da beleza, que tantas veces hai que rescatar do medio da miseria e do mal…»

«Viaxar é ir ao encontro do que nos emociona na súa contemplación e diante do que abandonamos todo desexo de posesión, porque o gozo está en recibírmolo de xeito gratuíto.»

Así comeza O libro das viaxes imaxinarias (Xerais, 2008), unha das obras máis fermosas da narrativa galega de todos os tempos, na que Xabier P. DoCampo, contando coa colaboración do seu amigo Xosé Cobas, recolleu a súa forma de entender a propia vida, como viaxe, como experiencia irrepetible e única na que procuramos a beleza ou agardamos atopar ao chou aquilo que nos emociona. Unha experiencia que nos constrúe como seres humanos, facilitándonos aprendizaxes e activando a memoria, axudándonos a madurecer e a compartir coas persoas queridas unha parte das nosas vidas.

Eis para Xabier DoCampo radicaba a importancia da viaxe e do seu imprescindible relato, sexa pola narración oral ou escrita que fagamos sexa polas testemuñas visuais, esas instantáneas que apreixamos roubándollas á fugacidade da luz. Xa non é imprescindible para realizar a viaxe afastarse milleiros, mesmo centenares, de quilómetros do limiar da casa. É posible, tamén, percorrer devagariño as rúas e vieiros da propia cidade coa actitude inocente do viaxeiro, coa ollada á espreita disposta á sorpresa e o abraio.

Xabier fixo da súa vida unha viaxe e desta viaxe un relato que compartiu nunha obra narrativa esencial para conformar tanto o actual corpus da literatura infantil e xuvenil galega, da que como membro da Xeración Lamote foi pioneiro, mais tamén para deitar unha olla ética na narrativa contemporánea de noso, con títulos memorables como o xa citado O libro das viaxes imaxinarias ou A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a novela derradeira na que deitou a súa memoria da infancia chairega en tempos de intransixencia. Unha obra narrativa na que ofreceu, ademais, títulos emblemáticos para varias xeracións que con Cando petan na porta pola noite (Xerais 1994), relatos cos que obtivo o Premio Nacional de literatura Infantil, ou O misterio das badaladas (Vía Láctea 1986), foron conformándose como lectorado literario.

Mestre xeneroso de Primaria, namorado do cinema e do teatro, guionista e director de programas de radio, contador oral formado a carón da lareira, activista da renovación pedagóxica como membro fundador de Nova Escola Galega e da causa da dignidade da lingua galega como celme e motor da plataforma apartidaria Prolingua, foi con todo a lectura e a reflexión sobre a lectura a actividade principal da súa viaxe na que foi tecendo unha tea enorme de afectos e lealtades.

Choramos a Xabier, mais sabemos que a súa viaxe non rematou esta madrugada, poderemos sempre compartila nos seus relatos que nos convidan a gozar do pracer da lectura e do afán de facer a vida relato. Beizón, sempre mestre, irmao!

XG00236001Aledeime que Lendo lendas, digo versos, un dos títulos da nosa serie Milmanda, fose seleccionado para formar parte da Lista de Honra do IBBY do bienio 2016-2018. Recoñécese así esta obra como unha das máis significativas no eido infantil e xuvenil das publicadas no mundo neste período, o que constitúe un estímulo para o traballo do equipo de Xerais, ao tempo que un recoñecemento para o labor cooperativo dos autores e do ilustrador. Poucas veces coma esta foi tan xusto chufar o labor do compartido, dende a semente do popular, deixada nos textos das lendas recollidas e catalogadas por Antonio Reigosa, como polas brillantes traducións á linguaxe poética realizada por Antonio García Teijeiro e a icónica por Xosé Cobas,  Alédanos este recoñecemento internacional a esta aposta tan arriscada polo diálogo entre tres olladas e linguaxes artísticas, capaz de poñer en valor a nosa tradición oral, a nosa poesía e o valor (e a beleza) dos libros ilustrados impresos.

Lendo lendas, digo versos é un libro único e singularísimo na edición galega, ao que resulta difícil colocar etiquetas de xénero, que pon en valor o diálogo entre a nosa creación contemporánea e a nosa tradición.Unha auténtica proeza creativa colectiva, que xa fora premiada na Gala do Libro Galego como mellor iniciativa bibliográfica de 2016. Parabéns a todas as persoas participantes en semellante empeño, recoñecido agora tan xustamente polo IBBY.

fervenzas_literarias_2015

Como xa é tradición dende hai nove anos, coñecimos onte o ditame dos premios Fervenzas Literarias aos mellores libros e iniciativas do ano 2015. Os Fervenzas son sempre os primeiros da xeira anual de premios a obra editada, ao tempo que teñen a singularidade de ser outorgados por votación de medio milleiro de internautas, que expresan as súas preferencias arredor de vinte categorías da creación editorial galega actual. Como editor non podo máis que abeizoar a continuidade e rigor desta iniciativa de Fervenzas literarias, como a calidade desta revista literaria dixital, auténtica pioneira no noso humilde sistema.

No que atinxe ao resultado desta colleira 2015, estamos moi satisfeitos pola importante presenza de títulos editados por Xerais nas diversas categorías, nalgúns caso sendo considerados como os «mellores do ano». Así sucedeu con A boca da terra de Manuel Rivas, mellor libro de poesía; Raclette de Santiago Cortegoso, mellor libro de teatro, Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig, mellor libro de ensaio; Europa Express de Andrea Maceiras, mellor libro xuvenil; O papiro do César, mellor libro de LIX traducido (por Isabel Soto e Xavier Senín); O último día de Terranova, mellor capa de adultos e Lendo lendas, digo versos, mellor capa de LIX.

Como tamén moito nos aprace que Xerais sexa considerada outra edición máis como mellor editorial do ano,  Culturgal como «o mellor acontecido de 2015» e Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario, continúe sendo valorado. Merecen, ademais, os nosos parabéns Ledicia Costas como «autora do ano», Xosé Cobas como «ilustrador do ano» (ademais de autor das ilustracións das dúas mellores capas) e Armando Requeixo como crítico literario e responsable do mellor blog. Outro tanto a Antón Riveiro Coello, autor d’ Os elefantes de Sokurov, mellor libro de Narrativa; Maria Solar, autora d’ O meu pesadelo favorito, mellor libro infantil; Davila autor d’ O bichero, mellor álbum de banda deseñada, Laureano Araújo Cardalda, tradutor d´ A morte en Venecia de Thomas Mann, mellor libro traducido para o público adulto; Couceiro como mellor libraría e Praza como mellor medio de comunicación.

Abonda con repasar as obras e iniciativas recoñecidas como finalistas en cada unha das categorías para recoñecer a diversidade da oferta do sector editorial galego, a pesar de que non amanaisen os ventos da crise nin a inacción das políticas públicas de lectura. O 14 de maio, data na que se celebrará no Teatro Principal de Compostela A Gala das Letra, organizada conxuntamente pola AELG, AGE e Federación de Librarías de Galicia, coñeceremos un novo ditame sobre o publicado en galego o pasado ano. Xaora, as nosas beizóns aos responsables de Fervenzas e a todos os autores e autoras, ilustradores e ilustradores, tradutores e tradutoras e editoras recoñecidas.

XG00236001Acabamos de publicar Lendo lendas, digo versos de Antonio Reigosa e Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas. Un libro fermoso e singular, dentro da nosa serie Milmanda, no que se recollen vinte lendas con cadanseu poema e cadansúa ilustración. Como sinalan na presentación os autores, «non existía até agora no noso acervo literario poemas que falasen de mouras, encantos e tesouros». Na literatura galega apenas existen creacións poéticas que atendan aos seres míticos da nosa cultura popular. A pesar de que si existen moitas referencias dos mitos de creación cultura como Breogán e Merlín. Os dous Antonios intentaron cubrir este baleiro esquecido. Un empeño compartido no que dende posicións creadoras distintas estableceron un diálogo entre relato e poema. Reigosa recuperou o relato dende a tradición, Teijeiro traduciuno ao verso, o que nunca de fixera na nosa historia literaria. Mentres que Xosé Cobas captou o momento preciso do desencantamento na súa tradución visual e pictórica.

Todos os tres construíron un tratamento pioneiro do lendario popular galego, representativo dos seres e dos lugares onde aniña a lenda, coa intención de provocar a curiosidade polo coñecemento da literatura e da cultura popular de Galicia. Xaora, Lendo lendas, digo versos é unha proposta para conversar coa nosa tradición sen renunciar, como sinalan os autores, «nin á historia (substancia que alimenta a fantasía) nin a poesía (o recendo musical do imaxinario) nin á imaxe (un instante imborrable na memoria). Un libro único na edición galega, un fito creativo de tres clásicos contemporáneos en diálogo coa nosa tradición. Convido a participar nas presentacións que se celebrarán o mércores 11 de novembro na Libraría Trama de Lugo e o 18 en Librouro de Vigo.

Subimos outro excelente booktrailer, o do libro de Xabier P. Docampo A illa de todas illas, no que as ilustracións de Xosé Cobas e as imaxes dalgunhas das películas de aventuras sintetizan en pouco máis dun minuto o contido dunha obra que reivindica os grandes libros de aventuras como fulcrais na conformación da lectura literaria.

Sei que é unha fortuna contar con estas pezas audiovisuais xa que como onte chiaba Javier Celaya o seu uso ten un impacto directo na venda dos libros, segundo un ponente dunha sas actividades previas de The London Book Fair que abrirá hoxe as súas portas. O booktrailer é outra xanela de visibilidade para o libro galego. Paga a pena promovelos e viralizalos.