Listado de la etiqueta: xoán_ramiro_cuba

Onte 619: Das Cousas de Xoán Balboa

O amigo Xoán Ramiro Cuba, responsable do Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, agasalloume un exemplar de Das Cousas de Xoán Balboa, un magnífico catálogo da mostra antolóxica sobre a obra do ilustrador, esmaltista, e fotógrafo lucense falecido en 2009. Vinculado profesionalmente como restaurador ao Museo Provincial de Lugo, Balboa ilustrou trinta libros, a maior parte de autores lucenses, como Paco Martín, Darío Xohán Cabana ou Lois Diéguez. No obstante, como ilustrador quedará para sempre na miña memoria como a man que lle puxo cara e ollos frontais (e tamén pombas) a Ramón Lamote, ese xenial profesor de chairego e debuxante de soños co que Paco Martín fundou a nosa actual literatura infantil e xuvenil. Pola súa banda, Balboa contribuíu a fundar a ilustración galega contemporánea, tanto por este traballo alboral (1985) coma polo que realizou entre 1974 e 1975, tamén ao carón de Paco Martín e Ulises Sarry, para aquel soño que foi Axóuxere. Semanario do neno galego, o suplemento infantil de La Región. Como tamén axudou, moi ao comezo dos anos setenta, á renovación do portadismo editorial galego con algunhas capas (de fasquía popeira) de Ediciones Celta de Lugo. Agardo que na nosa historia da edición galega do século XX, aínda por facer, figuras como Xoán Balboa sexan valoradas coa relevancia que merecen. Non hai dúbida que este ilustrador que «soñou pombas lixeiras, cálidas, co esperanza de aniñasen nos corazóns mozos» (palabras do seu amigo Paco Martín) debe ser incluído dentro da Xeración Lamote. Das Cousas de Xoán Balboa é un catálogo que moito merece a pena gardar na biblioteca.