Está vendo o arquivo da categoría » xavier_seoane

Aforismos_do_riso_futurista_A_Coruña_07-02-2017
Case un cento de persoas participaron onte na presentación de Aforismos do riso futurista na libraría Moito Conto da Coruña. Antes que  dezaoito dos autores e autoras da obra lesen os seus aforismos, interviron Francisco Pillado e Xavier Seoane os coordinadores dun proxecto que pretende promover o xénero do aforismo na literatura galega. Pillado lembrou a presenza de aforismo nas obras de clásicos como Shakespeare, Valle Inclán ou Oscar Wilde e a escasa presenza na literatura galega de libros de aforismos coas honrosas excepcións dos de Xavier Seoane, Arca cotidiana. Irispaxaros (1984) e A rocha imantada (2009).

XG00259801Pola súa banda, Seoane explicou que o libro naceu do chamamento que se fixo aos membros da AELG de promover o xénero do aforismo en galego: “pedimos que se escribisen até un máximo de trinta aforismos que non pasasen das tres liñas, sen ningunha outra limitación temática nin formal”. “Ao noso chamamento responderon 48 autores e autoras. O resultado é un libro moi ameno e variado a nivel estético, conceptual e formal. Hai algúns textos máis achegados ao xénero poético e outros ao narrativo. Sobrancea a temática política, social e histórica, expresión da preocupación polo momento de perplexidade e de gran perigo histórico que vivimos”. “O aforismo é un xénero aditivo, que vai moito co espírito do noso tempo. Nunha frase pode condensarse toda unha visión do mundo. Vivimos un gran momento aforístico, aínda que hai un risco de que caiamos na banalidade. O libro que hoxe presentamos é unha colección aberta que abre un camiño para a publicación doutras na nosa lingua”.

Feira_do-Libro_da_Coruña_01-08-2016

Longa e intensa primeira xornada que vivimos onte na Feira do Libro da Coruña 2016 na que se lembrou a Agustín Fernández Paz. Así o fixeron Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Librarías, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, e os pregoeiros Pinto e Chinto (Carlos López e David Pintor) en cada súa intervención no acto inaugural do mediodía. Como tamén estivo presente dunha ou doutra maneira nas catro presentacións do serán dos libros de Diego Giráldez, Xavier Seoane, María Solar e Carmen Blanco.

Diego_Giraldez_Kiko_Novoa_01-08-2016

Comezou o serán cunha coa conversa de KIko Novoa e Diego Giráldez arredor de Galería de saldos, un libro que o condutor de Galicia por diante recoñeceu “se le de tirón, a pesar de que nalgúns casos remoe o estomágo”, e do que o seu autor confesou que no proceso de escritura algún relato lle custara rematalo. “O libro deume satisfaccións, está moi apegado á realidade, arranqueino en 2010 cando a crise batía con máis dureza, ten que ver tamén co cabreo”. “Tiña claro que debían aparecer reproducións de obras de artes descontextualizadas, como tamén que era necesario desconxestionar o texto co humor e múltiples referencias cinematográficas e músicais”. Rematou Giráldez afirmando que “non escribo para pasar desapercibido, a miña intención é que a xente lea os meus textos”.

Xavier_Seoane_Xabier_Docampo_01-08-2016

A segunda das presentacións foi a de Todos somos Ulises, o libro de ensaio sobre a educación de Xavier Seoane, que constituíu unha homenaxe á figura de Agustín Fernández Paz como mestre e pedagogo. O presentador, o escritor Xabier DoCampo comezou as súa intervención sinalando que “esta é a obra dun home que ama con paixón todo o que fai, a súa profesión de profesor, a súa vocación de poeta, de aforista ou de narrador, sendo a educación e a lectura dúas das súas paixóns”. Docampo definiu Todos somos Ulises como “libro denso, profundo, pensado non só para profesores e pais, tamén para toda a xente que pensa que as cousas na educación poden facerse mellor”. Xustificou despois o título e o subtítulo (“se non é democrática nin humanista é instrución, non hai educación”), xa que “para Seoane a educación é un camiño, o de regreso de Penélope e Argo, este é o libro dun filósofo sobre os camiños que conducen á sabedoría e o coñecemento”.

Sinalou Xabier Docampo diversos aspectos dunha obra que confesou moito lle interesara e lera devagariño. “Seoane apela á imaxinación e a fantasía como elementos constitutivos dunha boa praxe educativa”. “Concibe a educación como construción individual e da humanidade”. “Salienta o papel da vocación, a posibilidade de gozar, de facer aquilo que nos fai felices, reivindicando que toda persoa ten dereito a formarse e facelo en liberdade”. “Aborda o tema da excelencia afastándoa de calquera elitismo, alimentada nos grandes valores colectivos que fecunda a comunidade”. “Concibe as destrezas como un escenario para a intelixencia, a arte última da sabedoría, a plenitude do individuo, a súa felicidade”. “Reivindica a lectura como forma fulcral de achegarse ao saber, como magnífica é a lectura que fai do papel da imaxe, da palabra e da tecnoloxía”.

Xavier Seoane recoñeceu que “este non é libro coxuntural, razón pola que non utilicei cifras sobre o estado da educación, que sempre son penosas”, “quixen facer un libro de educación máis sobre os fins ca sobre os medios, xa que estou convencido que na educación a tecnoloxía somos nós, os fins somos nós”. “Estase traballando erradamente xa que o que pretenden as políticas ultraliberais é preparar profesionais, unha concepción economicista, unha forma restrictiva desalmada, carente de valoree humanos, que pretende formar aos alumnos só nas destrezas bñasicas, mais onde non hai interes para espesar o coñecemento”. Lembrou Seoane que “xa Habermas dicía que o círculo da vida é moito máis grande que o círculo de ferro da empresa”. Seoane insistiu na súa defensa da excelencia para todos, “hai que darlles elevados niveis de ensino a toda a xente, no marco dunha formación xeralista”. Rematou as sáus palabras reivindicando o papel do profesorado, “acutalmente laminado, como todas as persoas con pensamento”: “Vexo aos profesores sós, non se lles escoita, a pesar de que son o axente fundamental da educación”.

MB_Maria_Solar_Luis_Pousa_01-08-2016

A terceira das presentacións foi a d´As horas roubadas, a novela de María Solar, O presentador, o escritor e xornalista Luís Pousa, destacou da obra que “estamos diante dunha novela de formato clásico, moi ben construída, unha historia dun amor perdurable, maduro, de vellez que se desenvolve a ambos lados de Galicia, retratando moi ben un tempo, o do ano 1979, onde se respiraba a atmosfera dun país algo cutre e miserable, afastado do modelo típico da santa transición edulcorada dos Alcántara”. Luís Pousa salientou despois que “non cría no salto entre os xéneros nin nas etiquetas entre xéneros, como demostraba os libros de Casares ou Agustín Fernández Paz que navegaban entre as etiquetas da literatura infantil e xuvenil e da chamada adulta como acontece agora con María Solar, todo é literatura”.

Carmen_Balnco_XAM_01-08-2016

Pechou o serán de presentacións o da monografía histórico O volframio en Varilongo de Carmen Blanco Ramos que foi introducida por un discurso de Xesús Alonso Montero, presidente da RAG e prologuista do libro.

cando a miña alma se erga e voe sobre o mar
hei de voltar para contarche a fortuna do retorno dos paxaros
e a choiva de primavera sobre os campos

Xavier Seoane

Poema de hoxe 196: “Cando a miña alma se erga” de Xavier Seoane

umbral_de_vidaconsólame, cónsolame na terra

non agardo outro reino

Xavier Seoane, Umbral de vida (Esquío, 1996)

Poema de hoxe 47: Xavier Seoane, «Umbral de vida»

Magnífica première do Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias nas Portas Ártabras da Coruña. As grandes intervencións dos poetas Antía Otero e Xavier Seoane presentaron o que tras trinta e cinco anos de traxectoria supón o décimo sexto libro de poemas do actual presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Comezou Antía Otero o seu discurso salientando «a calidade coa que Cesáreo se achega aos autores e autoras novos, preocupándose pola súa situación». Citou Nilo. Cartas de Exipto, o libro publicado por Flaubert en 1850, no que a viaxe se concibe como camiño común. Insistiu na vontade contar, de deixar rexistro presente en todo o Caderno do Nilo, onde Cesáreo «reconstrúe a viaxe de xeito contundente e dupla, a primeira a das lecturas do lugar, a segunda a da viaxe en si, á que habería que engadir unha terceira, o ronsel que deixa a memoria da crónica». Antía rematou o seu texto sinalando que «Cesáreo vive a arte de ver coa de escribir, nun descubrimento continuo».

Pola súa banda, Xavier Seoane comezou calificando a obra de Cesáreo como «longa e variada». «Traballa en verso libre, ofrecendo libros unitarios. Melómano empedernido posúe unha voz lírica con carácter contemplativo. ademais dunha dimensión ontolóxica, existencial e transcendente. Cesáreo é un poeta telúrico, da paisaxe, interesado polo antropolóxico e etnográfico, iniciático. É un lector e viaxeiro empedernido, interesado pola cultura doutros países, procurando alteridade, interculturalismo, é un galego polo mundo». Referiuse despois a Caderno do Nilo, «un libro no que hai unha filosofía da viaxe, no que se experimenta a transformación do eu, coa intención de ver o descoñecido, o que non somos». «Cesáreo é un viaxeiro documentado, capaz de asumir un certo risco. Viaxa cos ollos abertos, onde teñen moita importancia os sentidos, as sinestesias, os sons, os olores». «Este libro lembroume aquilo que dicía Novalis “a poesía é o real absoluto”, xa que é un intento de verbalización da experiencia vivida na viaxe». «Caderno do Nilo ten unha dimensión narrativa, dietarista, ensaística, coma unha visión de todo un mundo. É un libro que partindo da poesía ábrese xenericamente». Sinalou Seoane o ritmo devalante da escritura, que lle lembrou ao mestre Otero Pedrayo, «unha escritura ao ritmo do río, unha especie de pálpito». Non esqueceu salientar Xavier os aspectos estilísticos do libro, «as descricións son impresionistas, perceptivistas e sensibles», «este é un libro moi de pincelada, de alento». «A adxectivación é moi nutrida e as personificacións expresan a respiración da vida». Citou despois algunhas das metáforas que máis lle aquelaron: «A xeometría crea a divindade», «viaxo ás preguntas»… «No libro hai unha ollada de poeta na que xoga entre o real e o irreal, o aprender e o desaprender, entre o grandioso e a escala do detalle, a beleza fronte a beleza, a soidade impregnando para que todo fecundase». Rematou Seoane a súa intervención salientando que o libro concibe «a viaxe como unha experiencia cultural e creativa na que se crea outro tempo mías humano».

Antes de dar comezo o seu recital, Cesáreo agradeceu  as intervencións dos presentadores e confesou que «sempre viaxou para que a nosa cultura volvese enriquecida, toda viaxe é anterior ao centro da propia soidade».