Listado de la etiqueta: xavier_pousa

Mantecón, pintor xeómetra

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a figura do pintor Francisco Mantecón con motivo da súa antolóxica no Marco.

Francisco Mantecón_foto MagarDespois de catorce anos do falecemento de Francisco Mantecón, a pasada semana foi inaugurada no Marco a primeira antolóxica da súa obra pictórica. Comisariada por Alberto González Alegre e Ángel Cerviño, dous grandes coñecedores da obra do pintor e deseñador gráfico vigués de espírito renacentista, a mostra ocupa toda a planta baixa do museo de Príncipe recollendo con grande fidelidade o seu espírito transgresor e racionalista. As noventa obras, correspondentes á produción das décadas dos oitenta e noventa, nas que está presente unha calculada exploración xeométrica, foron organizadas con moi bo criterio polos comisarios por secuencias e ritmos gráficos de cor, a xeito dunha peza jazzística. A pesar da súa aparente frialdade, a rotundidade e limpeza primixenia da proposta expositiva deixounos unha fonda pegada emotiva.

É ben coñecido en Vigo que Mantecón compartiu as súas actividades artísticas co seu labor docente no Instituto da Guía como profesor de debuxo. Con menos de vinte anos, participaba nas exposicións colectivas ao aire libre da Praza da Princesa, onde expoñían sen criterios previos de carácter xeracional nin estilísticos outros pintores vigueses, como Lodeiro, Xavier Pousa, Xosé Guillermo, Armando Guerra, Antón Patiño, Ánxel Huete ou Manolo Moldes, cos que “Mantecas” (así era coñecido polas súas amizades) axiña empataría. Despois de celebrar a súa primeira mostra individual na sala de exposicións da Caixa de Aforros, hoxe desaparecida, situada nas galerías Durán, marchou a Barcelona a estudar na Escola Superior de Belas Artes Sant Jordi, onde profundizou no coñecemento do fenómeno abstractivo e dos seus procesos históricos e no desenvolvemento da súa destreza debuxística, que serían decisivas no desenvolvemento da súa obra futura. Cando volveu a Vigo, a comezos dos oitenta, se integrou no grupo “Atlántica” creando unha obra pictórica singular, afastada de calquera espontaneísmo e expresionismo á moda daquela, constituíndo en palabras do comisario Ángel Cerviño “un verso libre da xeración Atlántica”.

A pictórica de Mantecón enlazou coa corrente do formalismo soviético, cando aquí estaba oculta até a caída do Muro. A abstracción conceptual, empregando técnicas sinxelas sobre papel, levouno a xogar coas formas e cos matices da cor, coas transformacións xeométricas, desmembrando planos, xogando coa percepción e coa espacialidade. Velaí a esencia da pictórica manteconiana presente no Marco: ofrecer unha arte meditada, lenta, silenciosa, esencial, simple, produto dunha reflexión permanente sobre o papel do creador, sobre o espazo e sobre as capacidades perceptivas do espectador. O de Mantecón é un abstraccionismo xeométrico onde “a regra corrixe a emoción”, escollendo unha frase de Georges Braque da que el se apropiou, onde todo ten forma e onde toda forma ten significado. Como sinalou o poeta Ramiro Fonte, “toda a obra de Mantecón está guiada por esa necesidade de tirar lastre, de desfacerse de contidos accesorios para propor unha poética de síntese”. Eis a esencia presente na mostra do Marco.

Esta mesma concepción levou a Mantecón a interesarse, a comezos dos anos oitenta, polo deseño gráfico, desenvolvendo un traballo continuado no eido do deseño de libros, da cartelaría, do deseño de anagramas, logotipos e da imaxe corporativa de entidades públicas e privadas. Outra actividade artística hercúlea, que os comisarios decidiron deixar fóra desta antolóxica, por merecer unha futura abordaxe monográfica. Debemos a Mantecón moitos elementos desta nosa segunda natureza urbana: as etiquetas das botellas de Terras Gaudas, empresa que convoca anualmente un concurso internacional de deseño gráfico na súa memoria; algúns packs de conservas Alfageme, as fachadas de Frinova e de Adega das Airas, ou o logotipo do Metropol do Areal. Este traballo comercial non lle impediu realizar o deseño, cunha vontade cívica e comprometida e sempre de esquerdas, da cartelaría de organizacións políticas e sindicais. A súa elegancia impregnou o deseño das coleccións de todo o sector editorial galego. Colaborou con Manuel Janeiro nos deseños de Galaxia; deseñou coleccións para Edicións do Cumio, Sotelo Blanco, Ir Indo edicións e Xerais. Realizou o deseño base de revistas como “A Trabe de Ouro”, o “Anuario de Estudios Literarios Galegos” ou do libro colectivo “Construír a paz. Cultura para a paz” (Xerais, 1996), un dos froitos máis logrados da súa concepción do deseño editorial, conseguindo un libro limpo, case diáfano, onde brilla o texto sobre a simplicidade da elección tipográfica.

Recomendo visitar esta exposición na que se lembra un dos artistas vigueses máis importantes do século XX. Sen dúbida, será unha das máis importantes do ano en Vigo.