Está vendo o arquivo da categoría » xabier_paz

Anibal_e_apintora_Marco_15-02-2017

Presentamos onte no Marco, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Aníbal e a Pintora a nova novela de Xabier Paz. Un acto no que tanto a presentadora, a profesora Beatriz Suárez Briones, como o autor, salientaron o papel da pintora Artemisia Gentileschi como mestra pintora e icona feminista. A profesora da Universidade de Vigo cualificouna como “muller insólita, recoñecida en vida como artista e virtuosa, até o punto de ser admitida en pleno século XVII na Academia de Florencia con apenas 23 anos. Foi unha pintora de estudio, artista do óleo capaz de pintar aos 17 anos obras maxistrais como Susana e os vellos. Analfabeta, aprendeu a ler e escribir de adulta, tendo unha formación artesá. Xaora, a súa vida foi convulsa, perseguida pola fatalidade e polas débedas”.

XG00262001Briones salientou a documentación exquisita dunha obra que é “un pozo de erudición”. “Hai varias novelas dentro dela, está construída sobre varias voces, utilizando o artificio literario dos papeis herdados. O narrador continúa o labor de Aníbal Moreda, que caíu rendido pola admiración tola por Artemisia. É un texto que se concibe como as monecas rusas, onde unhas voces están dentro doutras, mesmo a a voz da propia pintora”.A seguir, sinalou que “a novela se converte nun tratado de saberes, neste caso sobre a pintura, a súa técnica de vernices, sobre a preparación dos lenzos, ou a utilización da cámara escura. É tamén unha lección de historia, unha recreación da vida en cidades como Roma, Florencia, Venecia, e Na´poles onde viviu a pintora ao longo da vida, Roma que vive un momento decisivo no debate entre Reforma e Contrarreforma, a Florencia dos Medici ou o Nápoles d a peste. Todo isto entusiasmoume”. “Unha novela na que a voz narradora acaba inmersa e devorada pola protagonista como o fora Aníbal”.

Porque o mundo naceu inacabado
vimos indo.

Xabier Paz, Materia de Lucrecio (Xerais, 2006)

Poema de hoxe 191: “Da orixe II” de Xabier Paz

unnamed-1

Pechamos onte a nosa participación na Feira do libro da Coruña coa asinatura de Mercedes Leobalde dos seus Funambulistas, coa presentación da novela de Xabier Paz A galera de Xelmírez e co recital de Manuel Rivas dos poemas do seu novo libro A boca da terra. Un serán literario no que a carpa quedou pequena.

bragado_paz_varela_04-08-2015

Begoña Varela, libreira e promotora de varios clubs de lectura na Coruña, presentou A galera de Xelmírez de Xabier Paz que comezou definindo como «novela de viaxes, histórica, de busca, moi filosófica e didáctica». Destacou a importancia do misterio e da intriga na viaxe que tres carpinteiros de ribeira fan de Pisa a Compostela para construír unha galera encargada por Xelmírez, ao tempo que na da presenza feminina, no papel de dúa smulleres que farán mudar a un dos protagonistas. Sinalou Varela a fidelidade coa que na novela se describe a Galicia da Idade Media, as feiras, as comidas e todo o que rodea a vida dos peregrinos. «A novela é un camiño de busca da identidade, coma Xabier xa fixera nas dúas novelas anteriores, tanto Renacer como As vidas de Nito». Rematou Begoña Varela insistindo no carácter didáctico dunha novela que recomendou moi vivamente.

Comezou a súa intervención Xabier Paz confesando que estar nos xardíns de Méndez Núñez revolvíalle inevitablemente a sentimentalidade dos seus anos de infancia e mocidade coruñesa. Explicou a xénese dunha novela que quixo facer «máis contida e sintética». Cando estaba coa raíña Urraca e Xelmírez din na Historia Compostelana coa referencia ao carpinteiro Fuxón, orixinal de Pisa, construtor de naves, e din por imaxinar que lle pasaría viaxando dende Pisa a Compostela». «Sei que o libro pode ser un pouco desconcertante, xa que utiliza un escenario histórico para facer unha reflexión sobre a identidade, quen somos cando se nos arrinca do noso medio natural.» «Con respecto ás dúas novelas anteriores, creo que é máis literaria, máis novela, hai máis tensión narrativa para averiguar que lles levou a estes personaxes a emprender este camiño.»

Continuou Xabier Paz sinalando a importancia da sensualidade e do corpo nesta novela, como tamén sucedía nas anteriores. «Sei que hai continuidade nos temas de fondo. Escribo sobre o que me importa.» Ocupouse despois o autor d’ As galeras de Xelmírez de explicar a importancia que na historia naval de Galicia supuxo o cambio do tipo construción que se reflite na novela. «Até entón as naves construíanse con táboas superpostas con clavos de cobre, o que conlevaba importantes limitacións de tamaño. Os pisanos conseguiron facer unha construción a tope, ou mediterránea, con táboas xuntas e calafateadas. Permitíalles construír naves máis grandes, nas que podían navegar até cen persoas. Esta nova tecnoloxía naval utilizouse en Iria. Interesoume considerar Galicia como un lugar de tecnoloxía punta, a pesar de que hai poucas referencias á tecnoloxía na nosa historia. Non podemos esquecer que unha das cousas boas do noso pasado foi a comunicación coa Europa por medio dos nosos portos. A Coruña aparecía nos mapas dos beatos como Faro, era unha referencia física, como Compostela era unha referencia cultural atraínte.»

unnamed

Manuel Rivas definiu A boca da terra como «un libro que quere mostrarse». «Aínda hai moita terra que se esconde, invisible, oculta, como sinala Luis de Camõens. Todos temos unha zona secreta. Preténdese descubrila, sentila, compartila, non esmagala. A poesía ten unha condición de inmadurez, como a primeira lingua comeza co tatexo, que permite este descubirmento sen dominar, sen esmagar.» «A poesía é excéntrica, non quere estar no centro, móvese arredor coma a velairiña sobre a lámpada.» «Esta libro de poemas é un lugar de descuberta, mais tamén de agocho», sinalou Rivas antes de comezar o seu recital, seguido con impresionante silencio e emoción.

Agradecemos a Xurxo Lobato as fotos do recital de Manuel Rivas e a Pablo Sánchez Mato as que publicamos nas crónicas dos tres días de feira.

Pechamos onte a participación de Xerais na Feira do Libro de Vigo coas presentacións dos libros de Silvestre Gómez Xurxo, De cristal, e Xabier Paz, A galera de Xelmírez.

Vigo_09-07-2015

A lectura dun texto do crítico Ramón Nicolás, que non puido participar, iniciou a presentación do libro de relatos de Silvestre Gómez Xurxo, que contou ademais coa participación de Pablo e Magoia, mestres gaiteiros do grupo Treixadura, que ao remate do acto estrearon a «Muiñeira da moa», en homenaxe ao autor. Nas súas palabras Silvestre explicou que a fraxilidade e vulnerabilidade humanas eran o centro dun libro, pouco convencional na literatura xuvenil actual.» «Creo que a vulnerabilidade é unha lei universal, todo o que existe desaparece. Eu teño esa visión. Tanto as persoas coma os animais son fráxiles e vulnerables.» «Percibimos a nosa existencia de forma máis primitiva grazas á amígdala, o centro das nosas atencións, que fai que reaccionemos sen pensar diante dos perigos, coma fan o resto dos animais. Ás veces temos medo de máis e prodúcese o “secuestro amigdalar”, e non sabemos reaccionar, quedamos bloqueados, sexa polo sentimento de culpa como polo propio medo.» Continuou Silvestre explicando que «por fortuna contamos cos lóbulos frontais que nos permiten planificar, aprender, facernos fortes fronte o abuso, grazas a eles temos posibilidades de ser máis resilientes, de aumentar as nosas defensas». Rematou Silvestre Gómez Xurso parafraseando un título memorable dunha novela de Kenzaburo Oe: Dinos como sobrevivir á fraxilidade.

A-galera_de_Xelmirez_Vigo_09-07-2015

A profesora da Universidade de Vigo Camino Noia ocupouse da presentación d’ A galera de Xelmírez. Comezou o seu discurso sinalando que na novela de Xabier Paz «as dúas versións da viaxe dos protagonistas, Fuxón Bonincontro e Stephano Bognoli, que camiñan de Pisa a Iria para construír unha galera para o arcebispo Xelmírez, ocupan un tempo narrativo distinto; Stephano conta cando regresa da viaxe e Fuxón apenas unhas horas antes da súa morte, explicando algúns detalles que sirven tamén para interpretar os comportamentos das persoas». «Fuxón coñece o mundo da sexualidade e das drogas que o leva a despreocuparse da misión que o leva a Compostela. En todo caso, a deles é unha viaxe con consecuencias tráxicas para ambos os dous. O relato da construción da galera é episódico. O actante é a viaxe polos camiños de Compostela, o que centra toda a historia. A viaxe é unha vía de autocoñecemento e autodestrución.»

Camino Noia salientou despois que «como nas novelas anteriores, Xabier Paz quere amosar o devir dos seres humanos que sometidos a condicións adversas sofren transformacións. Xabier é un autor máis preocupado pola introspección ca polo argumento, presenta máis caracteres ca acontecementos, non pretende arrastrar aos lectores a saber que pasa, senón o que serve para afondar na reflexión sobre cada un dos personaxes.» «A gran pregunta da novela é: “quen somos fóra do noso medio familiar e profesional?”, “como imos reaccionar?”»

«A galera de Xelmírez non é unha novela histórica, se entendemos por tal a que desenvolve episodios da Historia. Aínda que de fala de feitos reais, o espazo e o tempo é real, polo que se pode falar de “novela de aproximación histórica”. Descríbense moi ben as incipientes vilas do século XII, a vida das feiras, dos titiriteiros. Como tamén parece histórico o personaxe de Fuxón.» «Outro valor da novela é a descrición das paisaxes, que coinciden coas do Camiño francés de Santiago. As plantas, as partes dos barcos, o estado do mar son descritas con minuciosidade, como corresponde o gusto do autor como biólogo.» Rematou Camiño Noia resumindo que «este é un relato de experiencia, unha novela de viaxe moi ben escrita e de coidado espírito narrativo.»

Pola súa banda, Xabier Paz confesou que «este libro naceu como un empeño de síntese, un libro que pode entenderse de xeografías e identidades.». «Abordo o concepto de identidade como o da formación da conciencia, como somos e que cousas son as que nos ameazan, mais tamén a identidade dende o colectivo.» Explicou despois a xénese do libro. «naceu nun momento no que estaba ocupado con Xelmírez e a raíña Urraca, dúas figuras que entendo foron desenfocadas na nosa historiografía. Lendo na Historia Compostelana atopei a noticia da construción dunha galera por un tal Fuxón. E ocorréuseme desenvolver o que pensaría aquel mozo pisano.»

A seguir falou Xabier da importancia dos portos galegos no século XII e no traspaso da tecnoloxía naval daquela época na que se substituíu o sistema de construción das embarcacións. «Hai no libro unha vontade de poñer en contacto a cultura do país coa europea da época, a través do Camiño de Santiago.» Por último, explicou que pretendeu que o título da novela fose descritivo, «a galera simboliza o compromiso social, a responsabilidade profesional, a obriga que tensiona e xustifica a viaxe e o comportamento dos dous personaxes principais.» «Quixen facer un libro ameno e sintético», rematou.

antoniagamallo_1362227675_82Tras diversos comentarios e conversas comprendín que non estiven moi acertado cando definín a Xeración da Esperanza só polo criterio da idade. Sen dúbida é máis axeitado para confeccionar esta nómina de narradores e narradoras utilizar a data da súa primeira publicación individual arredor do inicio do novo século.

Dese xeito, á relación anterior habería que engadir a narradoras como Medos Romero (2000), Eva Moreda (2002), Dolores Ruíz (2002), Anxos Sumai (2003), An Alfaya (2003), Chelo Suárez (2003), Teresa Moure (2004), Begoña Paz (2004), Rexina Vega (2007),  Mariña Perez Rei  (2007), María Solar (2008), Elena Gallego (2010), Goretti Fariña (2011); así como a narradores como Manuel Veiga (1998), Xabier López López (1999), Xesús Fraga (2000), Hixinio Puentes (2000), Xabier Quiroga (2002), Xosé Monteagudo (2002), Miguel Anxo Fernández (2002), Xesús Constela (2003), Xerardo Agrafoxo (2003), Adolfo Caamaño (2004); Anxo Fariña (2004), Daniel Ameixeiro (2004), Sechu Sende (2004), Marcos Calveiro (2006), Xurxo Sierra Veloso (2006),  Agustín Agra (2006), Rafael Laso (2006), Domingo Villar (2006), Héctor Carré (2007), Carlos Freire (2007), Silverio Cerradelo (2007), Xosé Manuel Pacho Blanco (2007), Juan Tallón (2007),  Xabier Paz (2008), Alberto Canal (2008), Jorge Llorca (2009), Manuel Portas (2010), Iván García Campos (2010), Ignacio Silva (2011),  Xaime Toxo (2011), Manuel Iglesias Turnes (2012), Ignacio Vidal Portabales (2013), Xosé María Lema (2013), Pere Tobaruela (2013), Manuel Gago (2013), entre outros.

En definitiva, son máis de setenta as narradoras e narradores en lingua galega –aos que con certeza habería que engadir algún nome que queda atrás (polo que pido desculpas)– que iniciaron o seu vieiro co novo século. Unha noticia para a esperanza da nosa narrativa en tempos de difíciles.