Listado de la etiqueta: xabier_blanco

Onte 964: A Gala das Letras 2014

2014050409034973880A Gala das Letras, na que se entregaron en Pontevedra os Premios AELG 2014, deixounos algúns momentos para conservar. O fermoso e firme discurso literario de Cesáreo Sánchez Iglesias, felizmente recuperado, foi a maior ledicia do serán. As palabras de Xabier DoCampo, cando recolleu o premio ao libro infantil e xuvenil, agradecendo o traballo e o compromiso coa lingua de todos os creadores. A defensa do xornalismo e do xornalismo en lingua galega feita por Carme Vidal, premiada como mellor traxectoria do xornalismo cultural. A reivindicación de maior atención para a edición de textos dramáticos, expresada por Roi Vidal e Avelino González, un chamamento a considerar polos editores. O discurso de Bernardo Atxaga (unha fachenda volver abrazalo) alertando sobre a importancia e fortaleza do pequeno, relatando con ironía a entrevista que lle fixo a Ferrín en Vigo durante unha noite, a súa admiración polos debuxos de Castelao, a súa gratitude a Celso Emilio Ferreiro e, sobre todo, a súa insistencia no valor da lingua, xa que «cando un perde a lingua queda nunha posición subordinada». Como o peche emocionante de Xabier Blanco, o noso admirado Gaiteiro de Moaña, xustamente recoñecido como mestre da memoria, que nos deixou un sabor dóce e un chisco saudoso. Parabéns aos responsables da organización da AELG, por tan magnífico e rigoroso traballo. Beizóns para Antía, Mercedes e Cesáreo.

Recomendo a excelente crónica a de Sermos Galiza.

Cinco cancións

Os amigos e amigas de Radiofusión tiveron a xenerosidade de ofrecerme a posibilidade de comentar cinco das cancións que me gustan. Emitirán unha cada día laborable da vindeira semana (a de entroido). Esa foi a miña escolma (tan difícil):

  1. «No woman no cry», versión de Jonathan Butler.
  2. «Que tinguen sort», Lluis Llach (memorable a versión de Verges 2007, o seu derradeiro recital).
  3. «Chega de saudade», versión de António Carlos Jobim no Festival de Jazz de Montreal de 1987.
  4. «Pasamarrúa», Xabier Blanco (segundo tema de Instrumentos pobres).
  5. «Karante Doh Due», Carlos Núñez (Almas de Fisterra).

Son cinco cancións que me emocionan todas elas, aínda que recoñezo son un chisco melancólicas de máis.