Listado de la etiqueta: violencia_de_xénero

Erradicar a violencia machista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao 25-N, xornada contra a violencia machista:

Mañá, 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, convocadas polos colectivos de feministas galegas, celébranse diversas mobilizacións e actividades coa intención de combater a lacra da violencia machista como unha prioridade de saúde e visibilizar o que continúa sendo invisible nesta causa. Aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999, escolleuse a data do 25 de novembro en memoria das irmás Mirabel (Patricia, Minerva e María Teresa) asasinadas ese día de 1960 na República Dominicana por orde do seu ditador Rafael Leónidas Trujillo. Unha data de sensibilización sobre a violencia contra a muller que a Declaración das Nacións Unidas de decembro de 1993 define como «todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico», así como «as ameazas deses actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen no ámbito público como na privado». Violencia machista contra a muller que conforma tamén en España un feminicidio incesante con 1.074 vítimas dende 2003, ao que segundo o Ministerio de Igualdade se engaden 41 no que vai de ano, dúas delas en Galicia. Cifras dramáticas ás que no mesmo período hai que engadir 37 vítimas menores e 301 orfas e orfos.

Violencia machista que, segundo datos da Delegación do Goberno en Galicia, contabiliza na nosa comunidade 3.733 casos activos de violencia de xénero e nos nove primeiros meses do ano 2.561 chamadas ao 016, o teléfono institucional de atención a vítimas de malos tratos por violencia de xénero. Datos inquietantes que se completan coas 1.188 ordes de protección ditadas en Galicia, segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial, das que case un milleiro contaron no primeiro semestre de 2020 con medidas de atención por parte da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia. Cifras que apenas supoñen a punta do iceberg dunha lacra que, a pesar do Plan de Continxencia contra a violencia de xénero ante o Covid 19, durante os meses de confinamento obrigou á convivencia forzosa das vítimas cos seus agresores, o que dificultou as súas posibilidades de solicitar axuda e paradoxalmente levou a unha diminución durante o segundo trimestre do ano do número de denuncias por malos tratos presentadas no Xulgado de Violencia sobre a Muller número 1 de Vigo, aínda que se incrementasen as ordes de protección.

Data a do 25N que como outras efemérides cívicas se celebra con particular intensidade nos centros educativos coa intención de sensibilizar ao alumnado sobre esta problemática e vencellalo emocionalmente na loita colectiva contra a violencia de xénero e a prol da igualdade real e dos dereitos humanos. Unha intervención educativa necesaria dende os niveis primeiros de Educación Infantil, onde segundo Amada Traba, profesora de Socioloxía da Educación da UdV, é preciso desmontar o sutil modelo de desigualdade acuñado desde antes do nacemento das criaturas. Un enfoque igualitario que as familias poden abordar dende o propio berce desbotando os códigos diferenciados a través dos sentidos, dos xogos e xoguetes, da actividade física e do propio vestiario, nos que se forxa dende os primeiros meses un pensamento moral diferenciado. Intervención coeducativa que debe abranguer tamén a educación afectiva e sexual e a navegación segura por internet como primeiras ferramentas para a prevención da violencia sexual. Sabemos que o consumo de contidos pornográficos e violentos dispoñibles na rede, dende idades cada vez máis temperáns, así como as condutas de ciberacoso por motivos de xénero, sobre todo por parte dos nenos, reforza o desenvolvemento de condutas machistas e violentas que se van perpetuando dende a mesma preadolescencia.

Erradicar a lacra da violencia de xénero e das agresións sexuais de todo tipo é unha tarefa revolucionaria xa que supón fender a cultura e estrutura do patriarcado, onde abrolla a semente de todas as violencias machistas e homófobas, e propoñer unha igualdade real nunha sociedade de mulleres libres e empoderadas. Unha causa que no actual entorno da pandemia require da disposición de máis recursos das administracións públicas, que fagan efectivas as medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e outras formas de violencia sobre a muller. Mais tamén obriga, como tamén se fixo evidente coa actual crise Covid, a deseñar unha nova política pública de coidados, que veñen recaendo até agora sobre as mulleres, tanto das criaturas como das persoas maiores ou doentes. E, sobre todo, require do compromiso de toda a cidadanía para denunciar calquera tipo de conduta violenta, explícita ou sutil, contra as mulleres facendo visible o que até entón era invisible.

Terrorismo machista

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo ao terrorismo machista:

lafoto1_669303_0x0_izdaO asasinato de María José Mateo García “Sesé”, tras a explosión de gas butano provocada na súa casa de Chapela pola súa ex-parella Emilio Fernández Castro, é o máis recente atentado de terrorismo machista na área metropolitana de Vigo. Un crime executado a sangue frío, tras un plan concienzudamente preparado en todos os seus detalles, que amosa a ferocidade deste asasino que puxo todos os medios para impedir que a muller puidese escapar ou defenderse. “Sesé” foi outra vítima a engadir á lista de 17 mulleres (de todas as idades) asasinadas en España polas súas parellas ou exparellas dende comezos de 2017, período considerado como o peor de violencia machista na última década. Un fenómeno terrorista que, a pesar dos esforzos de concienciación social, repunta no seu número de vítimas e, segundo fontes policiais e xudiciais, no seu nivel de violencia.

Sabemos que esta lacra de morte e moita dor (canto menos tres mulleres foron asasinadas en Galicia en 2016 e 45 desde 2007) non vai ser doada de erradicar. As cifras son moi teimudas e demostran que nos últimos anos non se mitiga o número de casos e de denuncias relacionadas coa violencia machista (arredor de 15 diarias en Galicia, das que 3 corresponden ao xulgado de Vigo) medrando o número de mulleres obrigadas a vivir baixo algunha medida de protección (máis de tres mil), das cales máis de mil teñen protección policial activa. Datos que son apenas orientativos, xa que os criterios de contabilización de vítimas do feminicidio varían en función do organismo público que os realice (Consello Xeral do Poder Xudicial, Ministerio de Sanidade, Ministerio do Interior ou a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia), cinguíndose aos casos contemplados na Lei 1/2004 de Medidas de Protección Integral de Violencia de Xénero, na Lei 8/2015 de protección da infancia e adolescencia e na Lei 11/2007 galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, ou dos utilizados polas organizacións feministas que contemplan todas as formas de violencia e agresión sobre as mulleres.

A violencia sobre as mulleres é unha ferida que se agranda e da que os asasinatos son apenas o iceberg desoutra perigosa doenza do machismo, cultura relacional inoculada de forma explícita ou implícita nos máis diversos eidos da vida social. Un machismo que lonxe de mitigarse continúa estando moi presente, xa dende o berce, na educación familiar que diferencia entre o universo azul dos nenos e o mundo rosa das nenas. Machismo falocéntrico consolidado nos modelos actuais de amor romántico adolescente, simbolizados polo cadeado e a sumisión feminina, cuxas formas de sometemento e exaltación do control están presentes nas letras dalgunhas cancións de moda e son aceleradas pola utilización de Whatsapp e outras redes sociais. A educación na igualdade dende o berce, tanto no eido familiar coma escolar, semella a longo prazo a única vacina eficaz para erradicar os comportamentos machistas que están na orixe desta violencia contra as mulleres.

Mais esa revolución educativa pola igualdade require de tempo e dun gran consenso social e institucional aínda por forxar capaz de sensibilizar ao conxunto da cidadanía que vivir en igualdade non só é posible, senón a única forma digna de facelo. Un proceso que pretende erradicar a violencia contra as mulleres que debe ser acelerado por un gran pacto galego contra a violencia machista. Acordo (por ventura) aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia hai un mes, a proposta de Ana Pontón, no que, entre outras, se contemplen as medidas de protección e asistencia das vítimas, o recoñecemento do concepto de feminicidio, a mellora dos medios e recursos xudiciais, a intensificación de medidas de prevención,  a colaboración cos concellos, a potenciación do funcionamento do Observatorio Galego de Violencia de Xénero e a implicación dos medios de comunicación social públicos e privados no combate á violencia machista evitando o morbo e o sensacionalismo no seu tratamento informativo. Un pacto galego cuxas achegas deben ser incorporadas a esoutro imprescindible Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Erradicar o terrorismo machista obriga á cidadanía a participar de forma activa promovendo comportamentos en igualdade, visibilizando a súa repulsa, denunciando aos agresores e arroupando con firmeza e agarimo ás vítimas. Unha obriga que para os poderes públicos e os medios debería ter a consideración de “cuestión de estado”. Por acción ou por omisión todos e todas podemos contribuír a parar este feminicidio, que é perfectamente evitable.