Listado de la etiqueta: vento_e_chuvia

Onte 1984: «O exército de fume» de Manuel Gago, presentación en Compostela

Presentación memorable a de onte en Cronopios na que estreamos en Compostela O exército de fume, a segunda novela de Manuel Gago. As intervencións da libreira Mercedes Corbillón, do historiador Lourenzo Fernández Prieto e do autor, precederon a unha emocionantísima e inesquecible sesión de contos de guerra e resistencia de Soledad Felloza, Celso Fernández Sanmartín e María da Pontragha.

Foi a de onte, tamén unha oportunidade para expresar a nosa gratitude e recoñecemento a Manuel Gago, un autor co que me sinto identificado no seu proxecto de refundación da novela histórica e de ampliación dos límites dos públicos para a narrativa galega. Desque en 2013 publicou Vento e chuvia. Mitoloxía da vella Gallaecia, un libro de narración, dificilmente clasificable, compartimos con Gago a experimentación de formatos de edición estendida e de formas diversas de comunicar co público lector. Cada novo título publicado con Manolo Gago é unha oportunidade para o editor de aprendizaxe e reflexión. Cada nova entrega é un reto para ampliar os públicos utilizando os recursos dunha ficción histórica de longo alento, alicerzada sobre unha documentación rigorosa, tecida sobre tramas trepidantes e textualidade engaiolante. Tanto na súa estrea na colección Narrativa, O anxo negro, como nesta segunda entrega, O exército de fume, Gago ofrece unha ficción orientada a recuperación dunha identidade galega esquecida ou agochada, nun concienciudo labor de construción de memoria. Un proxecto no que está moi comprometido como un dos nosos mellores divulgadores históricos e culturais, que emprega diversos soportes e formatos para o seu labor.

Se n’O anxo negro abordaba o expolio do noso patrimonio e o heroísmo dun grupo de humildes para recuperalo, n’ O exército de fume fusiona na primavera de 1942 dous fitos históricos: a presenza dos submarinos alemáns na costa e portos das cidades galegas e as actuacións dos membros da guerilla antifascista na provincia da Coruña. A partir de feitos transformados en lenda, Gago constrúe unha ficción sorprendente utilizando os ingredientes xustos de intriga, aventura,  amor, política e historia. Sería absurdo entrar a valorar escenas e acontecementos, algúns extraordinarios, narrados con fidelidade a unha documentación moi coidada, nin tampouco explicar as claves da presenza nazi en Galicia. Xaora, é moi difícil resistirse a non expresar admiración polo tratamento que a novela achega das persoas fuxidas no monte, homes e mulleres, ou de personaxes históricos como Urbano Lugrís, o pintor das grandes máns, que coma ningún outro pintou as mariñas do exilio interior.

Onte 920: Noite da Edición 2014

Gala AGE 2014. Premiados

A situación crítica do sector editorial galego e o temor provocado no sector do libro educativo polo anuncio da Xunta de Galicia de experimentar a «dixitalización completa» nalgúns centros do último ciclo de Primaria e do primeiro da ESO estiveron moi presentes nas intervencións da Noite da Edición que celebramos onte en Betanzos, no fermoso edificio que fora concibido para Arquivo do Reino de Galicia. Porén, máis alá destas treboadas, ás que cómpre facerlles fronte con serenidade e firmeza, a noite dos premios dos editores galegos constituíu unha excelente oportunidade para comprobar a calidade, rigor, excelencia e diversidade que a pesar destes tempos difíciles mantén a edición en galego. Unha inxección de autoestima e responsabilidade gremial, que boa falta nos facía.

Polo que correspondeu a Xerais, celebramos os premios recibidos por Vento e chuvia de Manolo Gago, como mellor libro educativo do ano, e Tastarabás de Antón Cortizas, como mellor obra editorial, senllas obras ao coidado do noso compañeiro Ramón Domínguez, que amosan as moitas posibilidades que o proceso de hibridación ofrece. Como tamén celebramos o recoñecemento a Berta Dávila, como autora do ano, tras a sorpresa que supuxo a publicación do poemario A raíz da fenda, do que estamos preparando a terceira edición, e o posterior premio de narrativa curta O derrardeiro libro de Enma Olsen. Mención á parte merece o premio para Carme Couceiro e Pepe Díaz, os libreiros da Libraría de Couceiro da praza do Libro da Coruña, co que recoñecemos, cando chegan a súa xubilación, o seu compromiso co libro galego durante máis de tres décadas. Premios ben merecidos como os recibidos por Alvarellos, Galaxia e Kalandraka no resto das categorías.

Lonxe de calquera conformismo paralizante, os editores galegos amosamos onte que hai razóns para a esperanza e para a recuperación do sector do libro.

Onte 817: Presentación na rede de «Vento e chuvia»

Onte fixemos a nosa primeira presentación en Internet dun libro. Empregando o hangout de Google +, Manuel Gago argallou unha presentación para a diáspora galega de Vento e chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, coa participación do ilustrador Manel Cráneo. A experiencia moito pagou a pena, tanto polo feito de que foi seguida por streaming (apenas cun minuto de retardo) por máis de corenta persoas, dende lugares ben diversos do mundo, dende Euskadi e Barcelona, até Nova York, coma pola posibilidade que nos proporcionou de explorar esta nova utilidade de you tube. Nin sequera faltaron as preguntas dos seguidores do acto, que fixeron por twitter e fb. Os corenta e pico minutos da presentación quedaron recollidos nunha peza audiovisual moi interesante que pode ser utilizada como recurso didáctico e informativo. Unha modalidade de presentación que con certeza repetiremos.

Onte 800: Libro galego visible

No serán de onte Xerais celebrou cinco presentacións simultáneas das súas novidades. Pedro Feijoo presentou A memoria da choiva na libraría Libraida de Gondomar, Quique Costas O valego no Museo do Humor d eFene, Manuel Gago e Manel Cráneo Vento e chuvia na Couceiro de Compostela, Xosé Álvarez Pontevedra anos anos do medo na libraría Nós de Sanxenxo e Marina Mayoral ditou unha conferencia sobre O anxo de Eva na Biblioteca Pública de Foz. Actos que coincidiron, ademais, coa cerimonia de entrada na RAG de Fina Casalderrey, a quen tanto queremos na editorial. Un esforzo promocional teimoso e constante (levamos 280 actos en menos de ano e medio) que pretende contribuír a facer o libro galego máis visible nos espazos públicos e nos soportes dixitais. Un programa dirixido a públicos diversos, como pretendemos sexa a nosa oferta, que a vindeira fin de semana centraremos en Culturgal 2013, a gran cita anual da produción cultural galega, dirixida a todos os públicos, con especial atención ao familiar. Abrir espazos máis amplos de visibilidade social para o produto cultural galego é unha tarefa imprescindible, máis aínda en tempos de crise e precariedade das políticas culturais públicas, que convoca o esforzo de creadores, produtores e distribuidores da nosa industria cultural.

Onte 763: «Vento e chuvia»

Manuel Gago desvelou na noitiña de onte Vento e chuvia, un proxecto editorial de edición estendida sobre a mitoloxía da antiga Gallaecia. Ilustrado por Manel Cráneo introduce ao lector e lectora na Idade de Ferro, reemerxendo dende a investigación arqueolóxica con vida anovada dez deuses galaicos daquel tempo. Un proxecto que aventuro supoñerá un fito cultural, tanto polo seu contido sorprendente coma por asumir sen complexos a hibridación coma fórmula para a súa distribución. A presentación espectacular multimedia na igrexa da Universidade de Compostela, prevista o 30 de outubro ás 20:00 horas, coa participación dun importante elenco de actores e actrices, desvelará a totalidade dun proxecto editorial mimado en todos os seus detalles polo meu compañeiro de Xerais Ramón Domínguez. Con certeza, tempo haberá para falar devagariño de Vento e chuvia.