Listado de la etiqueta: triunfo

Onte 1037: Barrio do Cura

Souben onte desta peza audiovisual sobre o Barrio do Cura, alicerzada sobre o texto e a voz do poeta Xabi Xil Xardón. Unha marabilla!!! Quedei sen palabras. Afondoume. Non é ese para min un espazo calquera, no forno do señor Domingos, o noso veciño fronte por fronte, está o celme da miña nenez, moitas horas daqueles días felices, o arrecendo das empanadas e tarteiras da miña nai e os roscóns da miña avoa e miña madriña chegadas das Travesas. No Barrio do Cura estaba o estanco de Maruxa co faro de cada día, máis tamén coas novelas de mamá, as medias da avoa e, anos máis tarde, o meu Triunfo. No Bar Madrid botaba papá a quiniela e eu agardaba a Julito Bernárdez para subir para o colexio. Na ferraxaría industrial dos Sanmartín sempre había tanto balbordo como na moblaría desorde e medo, moito medo, cando morreu tan noviño o rapaz do terceiro, o fillo do carpinteiro. Nunca esquecerei a desgraza de Concha na carnizaría, nunca, nin o accidente do Dyane do meu pai no cruzamento de Llorente. No bar Mascato dicía a avoa Filo que ían os borrachóns de retirada, despois de visitar a taberna de Armando do calellón das Angustias. Máis tarde souben que os pintores e intelectuais como Laxeiro frecuentaban o Roucos para fartarse coas tortillas e as filloas larpeiras de Sira. Os ultramariños da Aldea eran moi escuros, xusto ao pé da casa da mestra onde aprendín a ler. Nos calellóns do Barrio do Cura quedou ancorada unha parte da miña memoria máis luminosa. Mágoa que sexa tan difícil evitar a desaparición deste derradeiro reduto da arquitectura mariñeira máis tradicional do Berbés. Quedan, en palabras de Xardón, as primaveras no barrio de luz e máis non dar, e nós entre ruínas. Quedan.

A miña gratitude aos autores desta peza, que para min constitúe un grande agasallo. Xardón, Miriam Rodríguez e Pablo Kaufmann, beizóns.