Está vendo o arquivo da categoría » trazo_de_xiz

presas_facilesCada novo título de Miguelanxo Prado, o máis internacional dos nosos narradores, xunto a Manuel Rivas, é un acontecemento para a edición e creación galega. Asi sucedeu esta semana, coincidindo coa celebración do Saló Internacional del Cómic de Barcelona, con Presas fáciles, a súa contundente resposta á degradación moral e política que vivimos na última década. Ao fío do estremecedor suicidio de dous maiores estafados polas preferentes, cando ían ser desafiuzados, Miguelanxo recupera a súa expresión máis realista, tanto no que atinxe á trama como á representación (detalladísima) dos espazos da Coruña, a súa cidade, para ofrecer un dos seus libros máis memorables, á altura de Ardalén ou Trazo de xiz. A corrupción e a impunidade coa que actuaron as entidades financeiras son denunciadas nesta novela gráfica como formas de violencia avaladas polo estado cando non defende aos máis débiles. Recomendo moi vivamente.

Aproveitando unha horiña que quedou entre xuntanzas, visitei onte Mar interior, a exposición retrospectiva da obra de Miguelanxo Prado instalada no segundo andar do Museo das Peregrinacións das Praterías. Comisariada por Fausto Isorna e producida por El Patito Editorial, a mostra de 59 pezas orixinais está dividida en dúas salas, a primeira dedicada aos seus traballos iniciais de ilustración e animación, a segunda aos protagonizados polo mar. Produciume particular emoción ver os orixinais das ilustracións de libros publicados por Xerais, dende as da edición de Retorno a Tagen Ata de 1986, pasando polas de Cos pés no aire, Contos de nadal, até as máis recentes de Fantasmas de luz. Como gustei das de Pedro y el lobo, sempre un dos meus traballos preferidos de Miguelanxo, ou da presenza fachendosa daquel Xabarín que entusiasmou a xeración de picariños galegos dos noventa. Xaora, a cerna da exposición está na segunda sala, onde se presentan algúns orixinais de Trazo de xiz de 1993, un dos títulos centrais na obra de Prado, así como os seus universos oceánicos, primeiro o da película De profundis de 2007, despois o de Ardalén, obra mestra coa que obtivo o Premio Nacional de Cómic do pasado ano. Aquí podemos gozar de todos os matices do seu universo mariño, traballados sobre o seu cromatismo lírico e o seu trazo narrativo tan característico dun contemporáneo con espírito de clásico. En ambas as dúas salas hai sorpresas e curiosidades, entre outras, algunhas edicións internacionais dos libros de cómic, os orixinais de cartelaría de festivais ou os deseños dos personaxes de Men in Black da factoría Spielberg. Mar interior constitúe un dos acontecementos culturais e literarios do ano en Galicia. Ben sería que puidese itinerar polo país adiante.