Está vendo o arquivo da categoría » teresa_moure

Mulleres no rueiro

bretemas —  27 de Decembro de 2017 — Deixa un comentario

Dediquei o artigo da semana no Faro de Vigo ao empoderamento das mulleres e a reclamar un rueiro paritario nas nosas cidades:

2017 foi un ano de empoderamento das mulleres. Unha nova esperanzadora no entorno dun tempo de incerteza e conformismo. Trinta e nove anos despois que Marilyn Gloden acuñara o termo “teito de cristal”, referido ás barreiras aparentemente invisibles que limitan o desenvolvemento das mulleres nas empresas e na vida social e política, son moitas as iniciativas feministas que en todo o mundo se desenvolveron para loitar contra as lacras das violencias machistas e acadar unha igualdade real. Campañas de empoderamento como #Metoo (#EuTamen), ao fío das denuncias do abuso sexual en Hollywood, ou @BBC100women, que identifica as mulleres máis influentes no mundo e os seus problemas principais; o éxito de series feministas como “O conto da criada”, baseada na novela de Margaret Atwood; ou o feito de que a palabra “feminismo” sexa a máis buscada no dicionario americano “Merrian-webster”, amosa que se estaría dando en todo o mundo un impulso para enfrontar os problemas das mulleres.

Iniciativas tamén nacidas na sociedade galega, onde tamén hai exemplos deste empoderamento. Eis o programa “Mulleres en acción. #Violencia zero” promovido pola Deputación de Pontevedra no marco do seu Plan de Igualdade. Eis as diversas iniciativas no eido da cultura, sobre todo no mundo editorial galego, coa publicación das coleccións “Mulleres bravas da nosa historia” de Urco, “Contos pola igualdade” de Baía ou os álbums que reinterpretan os contos clásicos de Xerais, destinadas ao público infantil; como do calendario 2018 “Mulleres de Pacheco” e do proxecto “Pioneiras. Galegas que abriron camiño”, ambos os dous de Xerais. Eis a celebración da xornada “Desfacendo a raia”, organizada por Galix e centrada na memoria das mulleres na LIX e a elección do tema “Mulleres de conto” por o Salón de Pontevedra para render homenaxe ás mulleres neste eido. Eis a acollida entusiasta entre o lectorado dos novos libros de escritoras como María Xosé Queizán, Ledicia Costas, María Reimóndez, Eli Ríos, María Canosa, Rosa Aneiros, Elena Gallego, Teresa Moure, María Solar, por ventura, entre outras moitas, ou o ingreso, por fin, na Real Academia Galega de tres mulleres, Marilar Aleixandre, Chus Pato e Ana Romaní, sen esquecer a homenaxe a María Victoria Moreno o vindeiro Día das Letras Galegas.

Iniciativas feministas que se desenvolven tamén no marco dalgúns dos concellos das nosas cidades que nos seus plans de Igualdade pretenden galeguizar e feminizar espazos públicos e edificios con nomes de muller rematando con outra das moitas discriminacións, aparentemente invisible, a dos nosos rueiros. É un feito que as rúas galegas non teñen nome de muller, e, cando o teñen, a maior parte das veces é de carácter relixioso ou están vinculadas á realeza, apenas outra herdanza dunha visión androcéntrica da nosa historia. Sucede en Ourense, onde das 349 rúas con nome de persoa apenas o 16 % teñen o nome de muller. Outrosí acontecía en Pontevedra, onde de 196 con nome só 20 o tiñan feminino, anomalía que a concellaría de Cultura do concello capitalino pretende subsanar de forma enérxica coa incorporación de vinte e sete mulleres ao rueiro, escollidas entre os nomes da historia e da memoria colectiva dos diversos sectores de actividade. Nomes como os de Isabel Barreto, a primeira navegante (século XVI), Josefina Arruti e Virxinia Pereira, pasando polos de Dolores Trabado, primeira taxista da cidade, ou Dolores Calviño, lavandeira do Pontevedra, acompañarán aos da escritora María Victoria Moreno e a profesora Ernestina Otero no novo rueiro pontevedrés, que pretende ser un pouco máis equilibrado e menos androcéntrico.

Como atención merece o caso do rueiro vigués que, a pesar de contar con 50 nomes femininos, despois da incorporación hai dez anos dos de seis mulleres da memoria (entre as que estaban A Calesa, Urania Mella e Mercedes Núñez), continúa esquecendo os nomes das mulleres, xa que segundo datos da Concellaría da Muller, supoñen apenas o 12 % dos correspondentes a nomes de persoas e actividades e case o 3% dos topónimos vigueses de rúas, camiños, prazas e parques. Unha discriminación de xénero inadmisible xa que se pretendemos construír unha cidade para habitar en igualdade é imprescindible, tamén, que a presenza feminina sexa paritaria á masculina. Unha desigualdade que, como no caso de Pontevedra, podería ser atacada cunha estratexia que, sendo compatible coa conservación de topónimos e microtopónimos tradicionais, promovese a incorporación de nomes como os das escritoras Xela Arias, Begoña Caamaño, Xohana Torres, a oceánografa Aida Fernández Ríos, a xornalista Carmen Parada ou tantas outras mulleres viguesas que forman parte da memoria da cidade e merecen ser lembradas.


Presentamos onte na Libraría Pedreira de Compostela o proxecto Bolxeviques 1917-2017 / Bolcheviques 1917-2017, coordinado pola escritora Teresa Moure e editado por Xerais e Através editora. Un libro colectivo no que participaron 23 autores e autoras, que escriben en ortografías diferentes, presentado en dous volumes distintos publicados por dúas editoras que compartiron formato, deseño de cuberta (realizado por Ricardo Cabanelas) e interiores, así como axenda de lanzamentos. Nesta primeira presentación do proxecto acompañaron á coordinadora dous dos coautores, o xornalista Joel Gómez e o historiador Justo Beramendi.

XG00268601capa bolchevique v3 baixaNa súa intervención Teresa Moure desvelou que o proxecto de edición do libro tivera a súa orixe na proposta que fixera na reunión na que fora convidada polo Comité galego para a celebración da revolución bolxevique. “Aquel comité nunca chegou a ser presentado, mais o proxecto do libro foi adiante. Foron convidadas figuras importantes da historiografía, especialistas en diversas disciplinas (como as artes ou a comunicación), así como figuras da militancia comunista, relación de persoas participantes corrixida con criterios de xénero co obxectivo de conseguir paridade”. Despois de referirse aos contidos do proxecto, onde a palabra clave é “respeito”, entendida como “ollar dúas veces, ollar calmo”, e ao movemento editorial que comeza a existir na celebración do centenario da revolución, explicou como foi abordada a cuestión ortográfica e agradeceu o traballo das dúas editoras, Teresa Moure rematou salientado que “esta obra non é un panfleto propagandista do comunismo, é un ensaio que pretende contribuír a necesaria revisión do bolxevismo, ao tempo que non oculta o conflito normativo”.

Pola súa banda, o xornalista Joel Gómez, despois de salientar o interese do proxecto Bolxeviques / Bolcheviques , lembrou a Ernesto Guerra da Cal, figura sobre a que fixo a súa tese de doutoramento. “Foi un exilado, un perdedor da guerra que ficou en Nova York dende 1938, cando alí representaba ao goberno da República. Dende entón tivo unha traxectoria de éxito como profesor de lingua e literatura ibéricas en varias universidades”. “O seu fillo, Enric Ucelay-da Cal, profesor de historia contemporánea da Universidade Pompeu Fabra,confesou no ano 2011, que o seu pai tivera carnet do Partido Comunista dende 1932 e que preparara un relatorio sobre os acontecementos de Albacete. Mais o curioso do caso é que Ernesto Guerra da Cal sempre enfatizou o seu galeguismo e ocultou a súa militancia comunista, intentou construír unha biografía na que se ocultase esta cuestión”.

Justo Beramendi confesou que o encargo de Teresa Moure levouno a volver sobre as súas orixes, “ao meu primeiro traballo, que en 1974 conseguiu pasar a censura franquista, Miserias de la Economía, que publiquei con Eduardo Fioravanti, no que esculcabamos na orixe económica do marxismo e do marxismo leninismo”. “Eu de mozo fun bolxevique, pero non relixioso, achegueime ao bolxevismo con mentalidade crítica. Atraiume a vontade científica social do marxismo, o seu afán de construír unha ciencia da historia e das realidades humanas coa intención de transformalas”. “Daquela, en 1974, xa diciamos que o estado soviético non era unha sociedade sen clases. Con aquel espírito de revisar dogmas e teorías debemos achegarnos hoxe á revolución soviética para saber que leccións podemos tirar da súa experiencia”. “A revolución soviética aínda afecta ás nosas vidas, non desapareceu a sociedade de clases nin o estado para garantir a súa pervivencia. Debemos determinar qué ideas continúan tendo a súa operatividade, o que resulta difícil achegarse  a elas sen prexuízos. Un risco inevitable para os historiadores medianamente decentes”.

“Con ese espírito revisitei a revolución bolxevique no meu traballo. O marxismo foi unha diagnose correcta sobre o sistema capitalista cando aínda estaba moi incipiente e apenas estaba apuntando. Outra cousa ben diferente foi cando pretendeu predicir o futuro”. “A revolución tiña que producirse nunha serie de países máis avanzados para consolidarse como tal. Só se produciu no imperio do tsares, un conxunto de pobos e territorios, algúns tan atrasados que vivían no Antigo Réxime. É certo que había illas como San Petersburgo, onde funcionaba unha fábrica que contaba con 40.000 obreiros, e en menor medida outras cidades como Moscova ou Kiev”. Relatou, a seguir, Beramendi como se xestou a revolución, desque en febreiro de 1917 o pobo comezou a pedir pan e paz, tras o colapso que para a economía ruso supuxo o esforzo da guerra. “Foi daquela cando en San Petersburgo se creou o soviet, asemblea de obreiros e soldados, comezando a dualidade de poderes até a toma no mes de outubro polo soviet do Pazo de Inverno”. “A pregunta que podemos facernos é como facer unha revolución socialista nun país onde o 80% da poboación era campesiña atrasada. De aí ven o descubrimento da fouce como como símbolo do campesiñado, posterior a súa utilización polas nosas Irmandades”.

Rematou Beramendi valorando as achegas da revolución bolxevique ao noso tempo. “O cpaitalismo mundial non conseguiu afogar a revolución, pero si illala. Creou as condicións dunha revolución imposible e unha revolución imprevista que non estaba contemplada nos manuais de marxismo. Na revolución bolxevique houbo cambios de discurso, xustificando a bondade do socialismo nun só país. Foi capaz de crear unha nova economía até convertir en só trinta anos á URSS nunha potencia industrial e militar. Foi o seu un sistema con curva evolutiva en forma de campá de Gauss, tanto en produtividade económica e felxibilidade política. Foi un sistema demasiado ríxido que acabou coa implosión da URSS ou evolucionando cara un auténtico Frankestein como é o actual da China”. “Xaora, a revolución bolxevique tivo un efecto moi beneficioso para os países de Europa que desenvolvero a súa sociedade do benestar, que non sería posible sen o medo á expansión do socialismo soviético. O avance que experimentaron as clases traballadoras europeas despois da segunda guerra mundial en parte funcionou como unha vacina da revolución bolxevique”.

 

NOvas_Collazo_Nicolas_30-09-2016

Acompañamos onte a Ramón Nicolás na presentación d’ O espello do mundo en Bueu, acto organizado pola sempre dinámica Librería Miranda. Foron as presentadoras as escritoras e profesoras  Iria Collazo e Lucía Novás, alumnas no seu día do autor, que fixeron dúas lecturas moi luminosas da novela.

Iria Collazo destacou a exhaustividade do traballo da documentación da novela que permitu que as dúas protagonistas, Ona Guiomar Méndez e Hildegarda von Bingen, sexan tan próximas á lectora. «A fluidez da narración fai que nos insiramos na súa relación, abordada dende unha óptica feminista, como toda a novela». «A empatía con elas é moi de agradecer. Son personaxes afoutas, valentes, nunha época que non era propicia para as mulleres que ostentaban poder». «Mulleres que comparten a súa sabedoría, os seus coñecementos sobre o campo, sobre a súa identidade e sobre o seu propio traballo». Collazo sinalou que na novela atopara concomitancias con Herba moura de Teresa Moure e Circe ou o pracer do azul de Begoña Camaño. Confesou que recoñecera a Ramón na utilización dun léxico coidado, marabilloso, «capaz de conseguir que a obra funcione de forma independente». «Foi un verdadeiro pracer ler esta novela», concluíu.

Lucía Novás destacou que a novela abordaba o mundo dos cenobios femininos do século XII, cando as mulleres xa perderan certo poder, aínda que pervivían estes mosteiros como o de San Pedro de Ramirás, onde está localizada a novela. Detívose en salientar a figura de Hildegarda von Bingen, «creadora da lingua ignota, experta en botánica, protomedicina ou ilustración, unha figura fascinante que recupera Nicolás». Concluíu confesando que para ela «o mellor da novela son os textos sobre os seres máxicos, o dragón e o unicornio, onde Ramón Nicolás expresa o seu carácter de poeta».

3b9434e5-0439-45b8-80ae-1fe4a6acf8e6Foi unha honra acompañar onte a Teresa Moure no lanzamento da súa Ostrácia na libraría Andel de Vigo. Ostrácia é unha novela na que Moure, despois de dez anos da publicación de Herba moura, condensa moitas das súas preocupacións de expresión libre, rebelde, feminista e militante. Ao fío do relato da relación de Inessa Armand e Lenine, ofrécese unha reflexión sobre as relacións entre amor e política, para as que a autora reclama entrega total, absoluta, case sen condicións, xa que só así poden transformar a realidade. Tras a peripecia biográfica de Inessa Armand, militante bolxevique, nai de seis fillos, xornalista, promotora de círculos feministas, auténtica muller árbore de folla perenne que sofre o desterro, o exilio e a soidade agóchase a presenza da araña e o lobo ártico; dous animais que expresan a sumisión e a liberdade, o conflito nunca resolto entre Lenine e Armand, entre a erótica e a política.

Ostrácia paga moito a pena como novela histórica, que reconstrúe con rigor documental e alento narrativo o complexo proceso de debate político interno e intervención social que levou ao partido bolxevique ao poder en outubro de 1917. Ostrácia merece tamén o interese do lectorado como coidadísimo farrapo literario no que a voz da narradora se vai ganduxando con textualidades diversas (cartas, entrevistas, poemas, ensaios politicos), facilitando así unha lectura alternativa á diacrónica, ao xeito de rayuela cortazariana. Mais e sobre todo, Ostrácia é unha obra moi valiosa pola súa indagación sobre as marxes, os límites e os territorios da exclusión voluntaria. Ostrácia é unha reivindicación da natureza salvaxe da auténtica política, mais tamén dunha nova amoroloxía, novo concepto acuñado pola nosa autora. Ostrácia e, pois, un territorio fértil para a liberdade e a disidencia. Recomendo moi vivamente estoutra gran novela de Teresa Moure.

antoniagamallo_1362227675_82Tras diversos comentarios e conversas comprendín que non estiven moi acertado cando definín a Xeración da Esperanza só polo criterio da idade. Sen dúbida é máis axeitado para confeccionar esta nómina de narradores e narradoras utilizar a data da súa primeira publicación individual arredor do inicio do novo século.

Dese xeito, á relación anterior habería que engadir a narradoras como Medos Romero (2000), Eva Moreda (2002), Dolores Ruíz (2002), Anxos Sumai (2003), An Alfaya (2003), Chelo Suárez (2003), Teresa Moure (2004), Begoña Paz (2004), Rexina Vega (2007),  Mariña Perez Rei  (2007), María Solar (2008), Elena Gallego (2010), Goretti Fariña (2011); así como a narradores como Manuel Veiga (1998), Xabier López López (1999), Xesús Fraga (2000), Hixinio Puentes (2000), Xabier Quiroga (2002), Xosé Monteagudo (2002), Miguel Anxo Fernández (2002), Xesús Constela (2003), Xerardo Agrafoxo (2003), Adolfo Caamaño (2004); Anxo Fariña (2004), Daniel Ameixeiro (2004), Sechu Sende (2004), Marcos Calveiro (2006), Xurxo Sierra Veloso (2006),  Agustín Agra (2006), Rafael Laso (2006), Domingo Villar (2006), Héctor Carré (2007), Carlos Freire (2007), Silverio Cerradelo (2007), Xosé Manuel Pacho Blanco (2007), Juan Tallón (2007),  Xabier Paz (2008), Alberto Canal (2008), Jorge Llorca (2009), Manuel Portas (2010), Iván García Campos (2010), Ignacio Silva (2011),  Xaime Toxo (2011), Manuel Iglesias Turnes (2012), Ignacio Vidal Portabales (2013), Xosé María Lema (2013), Pere Tobaruela (2013), Manuel Gago (2013), entre outros.

En definitiva, son máis de setenta as narradoras e narradores en lingua galega –aos que con certeza habería que engadir algún nome que queda atrás (polo que pido desculpas)– que iniciaron o seu vieiro co novo século. Unha noticia para a esperanza da nosa narrativa en tempos de difíciles.