Listado de la etiqueta: sondeseu

Onte 212: ENFO, concerto memorable

O longo concerto do serán foi memorable, inesquecible. A TradAlp piamontesa, a Sibelius Folk Big Band finesa e a nosa Sondeseu ofreceron no escenario do Auditorio de Beiramar un espectáculo extraordinario, que nos fixo vibrar, aplaudir, cantar e emocionar. Promovido de forma exemplar polo profesorado da E-Trad, a fundación Sondeseu e polo concello de Vigo (hoxe enunciamos un «bravo» polo apoio de Abel Caballero, en tempos de crise, onde ninguén achega un can á cultura), o encontro de ENFO, do que formaba parte o concerto, demostra que é posible outra Europa, a que utiliza a caligrafía universal da cultura, neste caso a da música en forma de polca e mazurca. Un cento de músicos xeniais, vencellados pola música tradicional, amosaron a viabilidade deste proxecto de encontro de orquestras folk que convertíu a Vigo durante unha semana na capital da música europea tradicional. Unha condición ben merecida grazas ao traballo incrible, paciente e rigoroso, que dende hai décadas se ven desenvolvendo na e-Trad, unha tarefa histórica para a cultura galega, aínda non recoñecida, como tantas outras que se veñen facendo da mesma forma na abella da ribeira. Escoitar onte as pezas arranxadas por Xaquín Xesteira Losada, membro de Treixadura, ese inigualable gaiteiro ao xeito Rías Baixas, interpretadas ao xeito sinfónico por Sondeseu, fíxome bagoar de emoción. Fun consciente que tiña o privilexio de asistir a unha proeza da música de noso. Quen pode ter valor para coutar o futuro dunha cultura que ofrece proxectos da calidade de Sondeseu, a primeira orquestra folk do mundo? Non esquecerei o serán de onte.

A Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/kLnmb1Bi2n0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/ug0kEwY-m2w" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Paga a pena coñecer estes dous vídeos de presentación da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo (E-Trad Vigo), ubicada na Escola de Artes e Oficios e dependente da Concellaría de Educación de Vigo. A experiencia da E-TRAD e de Sondeseu merecen as nosas beizóns.