Listado de la etiqueta: senegal

Locutorio Khewal

O locutorio Khewal estivo na rúa Elduayen, fronte as escaleiras que dan acceso á Ferrería. A comezos do ano 2000 foi o primeiro que se montou en Vigo para inmigrantes. Un local pequeno, apenas vinte metros cadrados, no recanto onde noutrora estiveran ubicadas, nun quiosco modernista, «Mi bebé», «La Rosa de Oro» (unha mercería moi ben surtida que lle facía a competencia a «la Favorita») e a churrería «La Vallisoletana», a que inventou os churros de pico que vendían en cucuruchos do Faro. Ao locutorio –«khewal» significa «sorte», na lingua wolof, que falan os senegaleses– acudían, especialmente os domingos pola tarde, os inmigrantes procedentes de Senegal, Ghana, Nixeria, Angola, Perú, Colombia ou Ecuador.

Moitos dos vigueses que traballaron en Hamburgo, Zurich ou Xenevra lembrarán os locutorios dende os que eles chamaban, en contadas ocasións e con grande esforzo económico, á familia que aquí agardaba. O locutorio Khewal non era moi diferente daqueles que pisaban os emigrantes galegos dos setenta: tres cabinas telefónicas diminutas, onde non cabe sequera un tallo nin unha cadeira, presididas por unha fotocopia dos prefixos telefónicos do mundo e por un moderno tarifador dixital que, a pesar da «tarifa plana», marca inexorable o tempo da despedida. Un fax público, unha fotocopiadora e unha oficina da Wester Union (que xa utilizaba Anais Nin, como conta nun dos seus diarios) para enviar ou recibir cartos en todo o mundo, sen necesidade de tarxeta de crédito ou conta bancaria, completan os servizos que se ofrecen nestes establecementos pensados para os inmigrantes. Paradoxicamente, nestes tempos da telefonía móbil, proliferan estes locutorios da telefonía tradicional; son verdadeiros espazos de encontro onde matan saudades as persoas que tentan entre nós de inventar novas vidas como mariñeiros, vendedores ambulantes de chilindradas, traballadoras do servizo doméstico ou  peóns ocasionais daqueles traballos que aquí, a pesar dos 260.000 desempregados e da Gran Recesión, ninguén quere.

Léopold Sédar Senghor, o poeta que foi presidente da República do Senegal até a súa renuncia voluntaria en 1980, autor de poemarios formidables como Cánticos de sombra ou Hostias negras expresou nas Cartas da invernada as súas saudades da  estación das chuvias na súa terra natal que comeza en xuño para rematar na segunda quincena de outubro. Aquela invernada, que evocou poeticamente Senghor como «iuiubos que rezuman fragrancias, enchidos do zunido de abellas solares», son as saudades que esta tarde (do chamado por nós e pola nosa mercadotecnia «día da nai») identifiquei volvendo para casa nas olladas duns emigrantes mozos que agardaban a súa quenda á porta do agora ciberlocutorio que funciona no local do pioneiro Khewal de Elduayen. As súas olladas deitaban «fragrancias enchidas de suor e salitre».