Está vendo o arquivo da categoría » rúa_elduayen

O túnel de Elduayen

bretemas —  21 de Marzo de 2018 — Deixa un comentario

Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a proposta de peonalizar a rúa Elduayen:

Na presentación de «Camiñar no Vigo vello», o novo libro de Pedro Feijoo, que na sexta feira pasada reuniu a un cento de persoas na Casa-Torre de Pazos Figueroa, unha das marabillas máis antigas da cidade, situada na antiga praza Vella, ao fío da descrición das case descoñecidas catacumbas viguesas suscitouse dende o público a posibilidade de que o traxecto do túnel previsto na rúa Elduayen, que permitirá peonalizar a Porta do Sol, se alongase até o Paseo de Afonso, o primeiro miradoiro sobre a Ría. Unha medida que, sen dúbida, revolucionaría a intervención urbanística que dende hai tres décadas o Consorcio do Casco Vello ven acometendo con éxito desigual sobre o Vigo vello xa que permitiría suturar de vez a ferida existente, desde a apertura da Travesía da Porta do Sol  á estrada de Baiona (a actual rúa Elduayen), entre o Barrio alto e o perímetro urbano comprendido entre a Porta do Sol e o Berbés. Unha ampliación do túnel que, ademais, permitiría recuperar o Paseo de Afonso e a contorna da Oliveira como o salón de estar de privilexio do Vigo do novo século, sempre que fosen adiante os proxectos de recuperación da Panificadora e do Barrio do Cura, espazos (para a vergonza de todos) hoxe abandonados e cada día máis deteriorados e marxinalizados.

Dos túneles vigueses falou Feijoo na presentación lembrando o que se abriu a finais do século XIX para evitar o paso pola Porta do Sol, o famoso túnel dos Caños que conectaba para os peóns o antigo barrio do Salgueiral, onde hoxe ten a súa sede o Colexio de Arquitectos, coa rúa Vitoria. Unha catacumba da que hoxe quedan vestixios na boca cegada ao remate do canellón dos Caños, esa praciña existente á esquerda do teatro García Barbón, como outra no canellón de Juan Nogueira Alonso, nas inmediacións da Alameda. Como tamén citou Feijoo os túneles existentes baixo as rúas de Santiago, do Pracer e o Paseo de Granada, unha galería que conecta co túnel que baixaba dende o Monte do Castro até a batería da Laxe, fronte ao Náutico. Como non esqueceu tan magnífico cicerone, que tras a presentación guiou a un numeroso grupo de persoas pola rúa Real, describir o túnel do «Tren do Peixe», eses apenas douscentos metros que unían a rúa Afonso XII e a actual de Rosalía de Castro, pasando por Santiago de Vigo, itinerario polo que circulou o tren que sacaba o peixe do Berbés até a clausura das vías en 1963. Relación de túneles vigueses aos que hai vinte anos se uniu o de Beiramar, que sacou o tráfico das Avenidas na controvertida actuación de «Abrir Vigo ao Mar».

A prolongación do túnel da Porta do Sol até o Paseo de Afonso permitiría peonalizar a rúa Elduayen, que fora concibida en 1879, unha vez derrubadas as murallas, no proxecto de apertura de Manuel Fernández Soler, como un vial para aliviar o tráfico no interior da cidade, que entón saía pola rúa Sombreireiros (moito máis longa de como a coñecemos hoxe) e facilitar, en definitiva, a saída cara ao barrio da Falperra e a estrada de Baiona. Travesía de Vigo, que dende 1887 leva o nome de Elduayen, tamén o principal valedor desta primeira avenida viguesa, que unha vez aberta dividiu á metade a vella cidade. Dúas partes moi diferenciadas que, como sinala Pedro Feijoo, co paso dos anos por desgraza acabarían por correr sortes moi dispares.

Xaora, Elduayen, a pesar do seu carácter de vía de circunvalación, por onde sempre pasou o tranvía e un tráfico cada vez máis denso, coñeceu até hai catro décadas unha actividade comercial e residencial vizosa que moi pouco ten que ver coa precariedade actual, a pesar de existir unhas poucas edificacións ben recuperadas. Coa excepción de El Buen Gusto, a Corsetería Imperio e a Farmacia de Crespo, que se manteñen abertos dende hai décadas, non é difícil lembrar que nesta rúa estiveron abertas as galerías de Asefal, a moblaría de Cambón, máis de media ducia de tendas de vestiario como Paños Vergas e Confecciones Gallego (a mítica tenda de don Benjamín), o establecemento de electricidade de Santiago Vidal, librarías como Pax e a editora Cíes de Eugenio Barrientos, así como varios bazares, zapatarías e algunhas reloxarías (como a mítica de Valderas) nos baixos da praza de Argüelles.

De alongarse o túnel de Elduayen, reactivaríase a actividade comercial nesta rúa centenaria e os peóns contariamos coa posibilidade de camiñar sen o bulir dos vehículos dende o Paseo de Afonso até a Farola de Urzaiz. Un fito que alongaría o eixo comercial de Príncipe até a Oliveira, o que previsiblemente contaxiaría, como sucedeu en Pontevedra, a outras rúas próximas, tanto cara o Barrio alto, a Ferrería e a rúa San Sebastián, como cara as rúas que abrazan o barrio do Berbés. Pagaría a pena que a alcaldía valorase as posibilidades de acometer este proxecto que podería ser estratéxico para a recuperación total do Vigo vello.

Recuperar Elduayen

bretemas —  5 de Abril de 2016 — 1 Comment

No artigo da semana no Faro de Vigo reflexiono sobre o alcance da actuación no Casco Vello e a necesidade de abordar unha actuación integral nas rúas perimetrais como Elduayen, Carral ou Laxe.

elduayenO éxito da Festa da Reconquista reactiva o noso interese polo proxecto de recuperación do Casco Vello. Unha actuación na que a Xunta de Galicia (90 %) e o Concello de Vigo (10 %) uniron os seus esforzos en 2005 creando o Consorcio do Casco Vello coa intención de desenvolver un proxecto de rehabilitación integral do centro histórico de Vigo. Dúas décadas nas que se acometeu unha custosa actuación na súa zona alta, a máis deteriorada, o espazo comprendido polo barrio de San Sebastián, a rúa da Ferraría, a praza de Calatrava e a rúa Abeleira Menéndez, onde se construíron case un cento de novas vivendas de promoción pública destinadas á venda e se habilitaron algúns novos locais para aluguer que comezan a ofrecer as súas actividades comerciais e servizos.

Xaora, chama a atención que esta actuación urbanística no Casco Vello coincidise coa degradación imparable de Elduayen, que esgaza o barrio en dúas zonas. Unha rúa, á que inicialmente se chamou Travesía, a partir de 1887 Elduayen, na honra do deputado liberal conservador que a promoveu no marco do proxecto de derrube das murallas que cinguían o Vigo vello. Concibida como a travesía da Porta do Sol á estrada de Camposancos, supuxo a ampliación da rúa Sombreireiros e a comunicación co barrio da Falperra. Dende a súa apertura tivo algúns edificios pétreos de valía, representativos da arquitectura ecléctica de finais do XIX, algúns deseñados polo arquitecto Jenaro de la Fuente, como a Casa de Lorenzo Rodríguez (recuperada hai ben pouco na confluencia coa Porta do Sol) ou os edificios Abeleira e Arbones. Como tamén se edificaron en Elduayen algúns dos primeiros “rañaceos” vigueses, como o chantado á altura das escaleiras da rúa San Xulián, ou construcións con formidables vistas á ría.

A pesar da humanización das beirarrúas e a redución de velocidade nunha zona de tráfico intenso, magoa pasear por un Elduayen con tanto locais pechados e algúns edificios arruinados. Lembramos a rúa en todo o seu fulgor comercial, tanto na man da Ferraría como na da banda do mar. Case podería recitar os establecementos da miña nenez, que ían dende a Droguería La Única até o comercio Los Chicos (de Ferro), situado nos baixos do edificio que pecha a praza de Argüelles. Lembro Paños Vergas, Mobles Cambón, a tintorería, o bazar, a Casa das Medias, a librería Tetilla (onde Eugenio Barrientos tivo a sede da editorial Cíes), a reloxaría Valderas ou a farmarcia de Crespo e a pastelaría de El Buen Gusto, os dous últimos resistentes. Como da man da oliveira do Paseo de Alfonso lembro as Galerías Asefal e as oficinas de seguros La Fe, Confecciones Gallego (o comercio de don Benjamín, onde mercaba miña nai), a tenda de electricidade de Santiago Vidal, o estanco, a inesquecible libraría Pax, a Corsetería Imperio (aínda aberta) e un par de reloxarías e comercios de roupa.

Aquel bulir comercial de Elduayen desapareceu. Sen apenas poboación residencial, con algunhas oficinas abertas, a actividade da rúa quedou case arrasada pola crise do pequeno comercio, mais tamén polos efectos paralizantes da actuación fracasada no Barrio do Cura (liquidada pola sentenza recente do TSXG) e pola incapacidade do plan do Casco Vello de convertela en ponte e punto de encontro entre as dúas partes do barrio. Problemas semellantes aos que sofren as rúas Carral e Laxe, nacidas tamén a finais do dezanove coa intención de comunicar a Porta do Sol co porto. Tres rúas que forman parte da liña perimetral do Casco Vello. Tres rúas que poderían ser potenciadas como espazos residenciais, comerciais e de oficinas coa intención de consolidar poboación e actividades económicas. O que axudaría a proxectalas sobre o interior do Casco Vello.

Despois de dúas décadas de “actuación rexeneradora” e bastantes millóns investidos, hai indicios abondos que alertan sobre a existencia de carencias no proxecto do Casco Vello, que priorizou a terciarización hoteleira na zona baixa e a xentrificación na alta, onde son evidentes as dificultades para facer viables os novos negocios e actividades alí instaladas. Máis alá do “éxito” popular de transformar a praza da Constitución nun espazo de terraceo privado ou de converter cada fin de semana a praza da Colexiata nun botellón de deseño, convén non esquecer que no Casco Vello existen aínda zonas deterioradas, como hai dificultades para ofrecer un futuro esperanzador para o conxunto dos habitantes do barrio, tanto os recén chegados como os residentes, tanto os que viven en situación acomodada como aqueloutros que sofren da maior precaridade. Tras dúas décadas de actuación no Casco Vello, convén avaliar o que e como se fixo, ao tempo que debater sobre o que cómpre facer no futuro. Ademais de actuar sobre a fachada do Berbés, entre as novas propostas eu apostaría por deseñar unha actuación integral específica para Elduayen.