Listado de la etiqueta: roberto_vidal_bolaño

De Rosalía a Vidal Bolaño

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro como se xerou a creación cultural do Día das Letras Galegas e a necesidade de achegarlle un novo pulo.

O vindeiro 17 de maio celebramos o Día das Letras Galega en homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, a figura que representa a dignidade insubornable do teatro galego, o máis prolífico autor da historia da dramaturxia na nosa lingua e un dos escritores principais da literatura galega do derradeiro cuarto do século XX. Unha celebración coincidente co sequiscentenario de “Cantares gallegos”, o libro fundacional de Rosalía de Castro, orixe tamén desta efeméride, creada a raíz do centenario da súa publicación no obradoiro tipográfico que Xoán Compañel Rivas tiña na viguesa rúa Real. A lembranza e exaltación de Rosalía e Vidal Bolaño centran, pois, o intenso programa de actividades deste día (semana e mes) das letras galegas, desenvolvido en todo o país, sobre todo dende a iniciativa civil de asociacións culturais e centros educativos, no que non pode faltar espazo para a reivindicación dun estatus de dignidade para a lingua galega.

Debémoslle a don Paco del Riego a creación do 17 de maio. Unha proeza que ten relatado en diversas ocasións. “Tendo Galicia unha lingua e unha literatura de seu, debería contar tamén cunha data simbólica consagrada á rememoración exaltatoria da mesma. Dándolle voltas ao asunto, andivemos á precura dun día que tivese un acento significativo na historia da nosa cultura. Nesa andaina, batemos co 17 de maio no que Rosalía de Castro lle adicou a Fernán Caballero, en 1863, a súa obra “Cantares gallegos”. Foi así como resolvemos identificar a data devandita, coincidente co centenario do volume rosaliano, denominándoa Día das Letras Galegas”.

Del Riego procurou o apoio da Academia Galega para esta idea, que algúns numerarios non quixeron subscribir. Si o fixeron Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo que o 20 de marzo de 1963 asinaron a proposta redactada por don Paco. Un documento para a historia da nosa lingua onde se argumentaba que o libro rosaliano fora a primeira obra mestra coa que contou a Literatura galega contemporánea, “fornecéndolle prestixio universal á propia fala como instrumento de creación literaria”. Que a celebración do acontecemento significaba “transmitir ao país a mensaxe contida nos Cantares”. Que a Academia, como órgano oficial da cultura autóctona, “debería consagrar o simbolismo da data, con carácter de perdurabilidade, nunha celebración anual”. Que se contaría deste xeito, para o porvir, “cunha xornada adicada oficialmente a honrar os libros galegos e aos seus autores”.  “Que cumpría abrir camiños para esparexer e anchear o ámbito da lectura na lingua do país”. Unha proposta irrefutable que foi aprobada por unanimidade o 28 de abril de 1963 pola xunta xeral ordinaria da RAG, sendo máis tarde autorizada polas autoridades franquistas.

A creación cultural do 17 de maio foi en 1963 outra xenialidade de Paco del Riego. Tivo unha indubidable significatividade histórica, xa que non só se celebraba a proeza de Rosalía de Castro e o editor Compañel, senón que tamén abría un vieiro (que dende entón nunca se interrompiu), coa intención de crear unha tradición de libros e escritores, “sombras exemplares que serviron a Galicia a través da lingua propia” (palabras de don Paco), poñendo en vixencia a súa obra, axudando a que “a nosa buxola non perda rumbo de continuidade”. Naquel primeiro ano, en 1963, como testemuña un foto histórica de Magar, xa houbo un acto oficial en Vigo, a entrega por parte de membros da Academia Galega dun exemplar de “Cantares gallegos” (probablemente a edición do centenario preparada por Fermín Bouza Brey e editada por Galaxia) ao tenente alcalde Varela Grandal.

O significado e a natureza da celebración da efeméride foi collendo relevancia e mudando na medida en que o fixeron as condicións socio-políticas. Un proceso no seu conxunto exitoso, mais non exento de polémicas, tanto polas figuras elixidas pola Academia coma pola rotineira ritualización culturalista coa que se celebrou institucionalmente a partir de 1991, cando a data foi declarada festiva pola Xunta de Galicia. Unha deriva felizmente quebrada pola Academia nos últimos anos coa elección de figuras como Lois Pereiro e Vidal Bodaño e coa realización de novidosas actividades de comunicación dixital.

Coincidindo co sequiscentenario rosaliano, o 17 de maio debe reinventarse dende o alicerces fundacionais de del Riego. Precisa un novo pulo como “día da lingua, da literatura e do libro galego do século XXI”, en definitiva, unha efeméride para “anchear os vieiros da lectura en galego” como pretendía don Paco. Unha efeméride que debe ir da man da celebración do “día internacional da comunicación” e do “día de internet”, que se celebran en todo o mundo ese mesmo día. Unha oportunidade marabillosa para que vaian da man a cultura dixital e a lingua galega, superando prexuízos e gañando espazos de autoestima para as persoas que as empregan. Sen esquecer nunca, o carácter reivindicativo, mobilizador e festivo dunha data, que debe continuar sendo festiva. Neste 17 de Bolaño e Rosalía, arriba corazóns galegos!

Onte 606: RVB e a dignidade do teatro galego

Magnífica foi a homenaxe que o Club Faro de Vigo rendeu á memoria de Roberto Vidal Bolaño. Roberto Pascual, Roi Vidal e Xosé Luís Méndez Ferrín, en todas as tres grandes intervencións, lembraron a que foi trabe de ouro para o teatro nacional galego.

Comezou Roberto Pascual dicindo que «RVB defendeu unha visión holística do teatro. Foi un creador total, integral, por vontade de afirmación artística. Foi actor, autor, escenógrafo (baixo o heterónimo de Julia Brens), director». «RVB recoñecía que chegou ao teatro por casualidade. Quería dedicarse ao cine. Aos seus primeiros contactos con este medio foron dende o colectivo Lupa gravando pequenas curtas sobre festas. Bolaño quería narrar coa imaxe. A partir de gañar o Premio Abrente en 1976 con Laudamuco, señor de ningures quedou vinculado co teatro. Aquel premio reafirmouno e consolidouno co teatro e decidiu abandonar o seu traballo como bancario. Dende entón traballou pola dignidade dos oficios do teatro, por un teatro que chegase a unha maioría social, mais tamén que estimulase creativamente».

Roberto Pascual explicou despois as mudanzas na traxectoria creativa de RVB. «Ao longo dos anos oitenta sufriu un certo ostracismo, en grande medida por non sentirse arroupado pola profesión teatral no seu conflito en 1984 coa Consellaría de Cultura. Durante aquel período, coincidindo coa creación da Televisión de Galicia, dedicouse á dobraxe, mais non abandonou a creación teatral. Coa creación en 1992 da compañía Teatro de Aquí iniciou unha nova etapa e un novo manifesto teatral. RVB pretendía facer un teatro que fale da nosa realidade contemporánea. Unha nova estética, máis urbana». «Saxo tenor, un peza dramática baseada no western policial, marca o inicio desta etapa. RVB deixa o teatro de inspiración grotesca e parateatral da epoca de Antroido, a súa primeira compañía, por un teatro máis cinematográfico, que bebe das estéticas de Peter Brook e Grotowski. Durante esa época madurará na súa actividade autoral, creando para diversas institucións e escribindo por encargo. Foi este o caso da peza Integral, a súa derraeira peza, cando xa estaba ameazado polo cancro, escrita para a Escola Municipal de Teatro de Narón». Referiuse despois Pascual aos personaxes da dramaturxia boloñesa, «personaxes imposibles, outsiders aos que quere dar voz, que pretende presentar na «desgraza», un termo da sua creación, defendendo sempre a dignidade da súa condición». «O humor irónico, ao ataque, sarcástico foi sempre moi importante na súa obra. Ese humor que libera endorfinas, mais tamén activo, a arte de sermos espectadores de sermos cidadáns», rematou Pascual.

Roi Vidal dedicou a súa intervención a relatar os acontecementos que o seu pai viviu en 1984, «un ano importante na traxectoria vital de RVB». Como membro da Asociación Roberto Vidal Bolaño comezou manifestando o pesar polo feito de que Ferrín non sexa xa presidente da Academia. «RVB foi amigo de Ferrín. Na súa primeira etapa autoral preparou en 1983 o espectáculo Percival sobre textos de Ferrín. Unha peza na que o grupo Antroido acadou unha forza visual que comezaba a ser importante, mesturando actores con monicreques movidos por fíos». Lembrou que con «Percival comezara a polémica, quizais por que o texto remataba coa frase “Quremos a fronteira”. RVB foi sempre persoa incómoda». Vidal recordou como no ano 1984 se creara o Centro Dramático Galego e que RVB participara activamente no proceso de creación dunha compañía pública estable. «Foi cando “o universo mundo”, serían as palabras que utilizaría RVB, soubo que os herdeiros de Valle inclán se negaban a que fose represnetado en lingua galega». «A segunda produción do CDG encargóuselle a RVB que acabou creando a peza Agasallo de sombras, sobre a figura de Rosalía de Castro. Foi polémica por que ofrecía unha imaxe de Rosalía complexa, humana, moi diferente ao daquela santiña, a chorona, a nai da patria de Galicia, icona acuñada até entón. A peza foi polemica pola intención desmitificadora e pola abordaxe da relación entre Rosalia e Murguía». «A recepción de Agasallo de sombras foi mo mala, mesmo a algúns nomes da cultura e do nacionalismo galego pareceulles moi mal. Foi cando RVB comezou a ser incómodo, non só para o poder». «Inmerso nesta polémica, nunhas declaracións RVB propuxo que o CDG se independizase da Consellaría de Cultura».

Roi Vidal continuou relatando os acontecementos daquel fulcral 1984. «O seguinte espectáculo do CDG foi Follas novas, tamén sobre textos de Rosalía de Castro. A súa directora, Dorotea Bárcena, quixo que RVB formase parte do elenco, mais cando se ía asinar o contrato impediullo unha orde da Consellaría de Cultura. Entendeuse que fora un veto do propio conselleiro Vázquez Portomeñe. RVB decatouse, entón, da forza que pode ter o poder, se se lle permite. Convocou unha asemblea de traballadores do CDG para palpar o estado de ánimo da profesión e formuloulles a seguinte pregunta: “O conselleiro de Cultura ten dereito a impedir traballar a unha persoa por unha cuestión de opinión?”. RVB non foi apoiado. Tanto el, coma a súa compañeira Laura Ponte, sentíronse decepcionados polo comportamento dos seus compañeiros de profesión». «Foi en 1985 cando estreou Caprice des dieux cando se puxo por vez primeira o nariz de pallaso, utilizándoo coma unha máscara de defensa (e ataque). Nesta peza, un monólogo que dirixe ao conselleiro, contou os acontecementos que lle sucederan dende Percival. En 1999, coincidindo co ano xacobeo,  volveu poñer o nariz no escenario. Monologou co mesmísimo apóstolo Santiago, denunciando as complicidades da Xunta de Galicia e todos os males da sociedade galega daquel momento». «O trazo máis característico de RVB foi o da dignidade do cómico, o do bufón can grande sentido crítico». Roi Vidal, xa no treito final do seu discurso, fixo referencia a Rastros (1998), «quizais o seu mellor espectáculo, un axuste de contas coa súa xeración, a do 68, e co fracaso das súas utopías debido a complicidade co poder dos propios soñadores. RVB foi crítico co poder máis tamén con nós mesmos». Rematou Roi Vidal afirmando que «RVB foi o primeiro indignado, unha persoa digna».

Rematou a quenda de intervencións Xosé Luís Méndez Ferrín. Confesou que «era a primeira vez que falo de teatro en público, fóra das aulas. Fágoo dende a convicción de que existen xéneros literarios e que deben ser respectados, sendo de todos eles o máis irredutible o teatro». Utilizou Ferrín na súa intervención maxistral o esquema de comunicación de Jacokbson para amosar que RVB irrompe no teatro dende todos os ángulos. «Como autor escribe textos literarios excepcionais e ten unha traxectoria de transformación, un dos grandes valores do autor. Foi un autor prolífico, que encheu o noso teatro». Despois referiuse Ferrín ao galego de RVB; «un galego embebido do galego popular das grandes universidades populares que son as feiras. Vía como todos os xoves se formaban as feiras de Santa Susana, os días nos que o idioma galego invade Santiago de Compostela, cando é dominante no Berbés ou nos curros, cando a lingua da lareira se convirte en lingua de masas. Un galego rico, natural e culto». Ferrín abordou tamen o carácter político do teatro de Bolaño: «RVB tivo que rebelarse contra os que tiñan unha idea pauperista que pretendían que o teatro politicamente correcto tiña que ser realista. Ese non é o teatro excelente de RVB que realizou obras nas que se reúne a vangarda e a innovación cos principios políticos da esquerda e do nacionalismo e e mesmo do independentismo. RVB foi directo cara a complexidade, transgredindo, coma o de calquera escritor que quere ocupar o seu lugar». Rematou Ferrín relatando como coñeceu a RVB, «foi un azar de formar parte do xurado do premio de teatro Abrente na que apareceu, coma quen tira un croio nunha pucharca, Laudamuco, señor de ningures. Daquela cruzáronseme nomes como Brecht, Valle Inclán, Jarry, Arrabal…, todo o teatro que eu quixera que houbese en Galicia apareceu alí». «Recordareino, tamén, por que tras a discusión que se mantivo no xurado, ese día abandonei a ANPG», rematou Ferrín.

Onte 605: O teatro para RVB

Preparando unhas notas para ler no acto de homenaxe a Roberto Vidal Bolaño no Club Faro de Vigo din co magnífico espazo web da Asociación Roberto Vidal Bolaño e coa páxina de recursos da CGENLG sobre o autor de Saxo tenor. Dous recursos didácticos utilísimos para estas vindeiras semanas nas que nos centros educativos se intensificará o traballo sobre unha figura principal na creación do teatro nacional galego.

Como na rede unha cousa leva a outra, din co número de RDL de 1 de decembro de 2005 dedicado a RVB, no que colaboran Manuel Quintáns, Antón Dobao e Rubén Ruibal. Tres traballos máis que recomendables que formaban parte do suplemento de Galicia hoxe que coordinaba Antón Lopo. Lendo neles anotei no caderno dúas referencias do que entendía RVB por teatro que me pareceron moi clarificadoras para comprender a dimensión da figura de Bolaño. A primeira recolleuna Quintás: «para RVB o teatro tiña de ser un medio de comunicación reivindicativo da condición humana, defensor da liberdade e doutros dereitos; pero tamén un fenómeno estético e unha forma de expresión da cultura na que ten de afondar obrigadamente as súas raíces». A segunda, recolleuna o seu discípulo e amigo Rubén Ruibal: «RVB traballou toda a vida para defender o dereito a expresarnos con imaxes en movemento».

Onte 488: @AcademiaGalega

Excelente noticia foi a incorporación dende onte da Academia Galega a twitter (@AcademiaGalega). Coa súa presenza nesta rede informativa, a nosa Academia profundiza e mellora a súa comunicación dixital e o seu servizo público, un proceso que iniciara hai dous anos coa renovación do seu agora modélico espazo web e a apertura do seu utilísimo dicionario en liña. A conformación da identidade dixital da Academia Galega únese a outros moitos e importantes proxectos de modernización e presenza social da institución centenaria impulsados pola actual presidencia de Xosé Luís Méndez Ferrín, que neste 2013, entre outras iniciativas, homenaxeará a Roberto Vidal Bolaño e conmemorará o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos. Para desenvolver esta decisiva e enorme tarefa de dinamización cultural por todo o país, como a súa responsabilidade no eido da investigación lexicográfica, literaria e histórica, a Academia precisa contar con recursos suficientes. Razón pola que o financiamento da nosa primeira institución cultural constitúe unha das responsabilidades principais das políticas culturais de todos os poderes públicos en Galicia, dende o Goberno de España, a Xunta de Galicia até as administracións locais. Neste contexto, non hai argumentos que xustifiquen os recortes brutais das achegas públicas previstas para este 2013 que poñen en perigo o funcionamento da institución e, ao tempo, amosan unha desconsideración para a nosa lingua e para a nosa cultura. A pesar das presións desesperadas dos sectores galegofóbicos, é perfectamente posible para o Goberno Galego reconducir a situación e asegurar un financiamento digno para a entidade. O futuro da Academia Galega, un patrimonio da nación, será tamén o futuro de Galicia.

Onte 452: Calendario do libro e da lectura 2013

Gustoume moito o deseño do Calendario do libro e da lectura 2013 editado pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación. A peza constitúe un utilísimo recurso didáctico, ademais dunha guía que axuda a orientar o traballo dos profesionais do sector da lectura, editores, libreiros e bibliotecarios. Ademais das efemérides habituais, nas que destaca o 17 de maio a homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, no vindeiro 2013 celebraremos, entre outros aniversarios literarios, o 150 da edición de Cantares Gallegos, o 150 do nacemento de Manuel Lugrís Freire e o 50 do pasamento de Gonzalo López Abente, así como o centenario do nacemento de don Paco del Riego. Un recurso de difusión moi recomendable.

Vía Caderno da Crítica, moitas grazas.

Onte 288: Vidal Bolaño 2013

A elección de Roberto Vidal Bolaño como autor das Letras Galegas 2013 é outro gran acerto da actual xeira da RAG presidida por Ferrín. Con certeza suporá a popularización do escritor dramático en lingua galega máis importante do século XX, un dos creadores do teatro nacional galego, unha figura insubornable na defensa da lingua, da cidadanía e da nación. Unha figura que, ademais, participou na fundación do noso sector audiovisual como actor e de quen o pasado ano foi levado ao cinema o seu texto DoentesA escolla de Roberto para o 17 de maio debera axudar, por fin, á edición da totalidade da súa estensa obra dramática, proxecto xa en marcha por Edicións Positivas, así como ao regreso á escena de todo o país dos seus textos, escritos para ser representados polas súas compañías, dende aquel Grupo Antroido da nosa mocidade universitaria, até o seu Teatro do aquí dos anos noventa, onde se formaron ao seu carón o que son hoxe os seus continuadores. Este ano Vidal Bolaño é unha oportunidade, que non se pode estragar, para achegar novo pulo ao teatro galego actual, que vive unha situación de enorme precariedade, crise tremeda para as compañías e os seus profesionais, semellante á do resto das industrias culturais galegas, debido a ausencia de políticas culturais das administracións públicas. En definitiva, unha elección da RAG, sen menoscabo da importancia doutras candidaturas, que todos debemos abeizoar.