Listado de la etiqueta: ribadainsua

Onte 1934: Presentación en Lugo da novela de Xabier Docampo “A nena do abrigo de astracán”

Emotiva foi a conversa que mantivemos onte na Libraría Trama de Lugo con Pepe Coira e Xabier DoCampo arredor d’ A nena do abrigo de astracán. Máis de medio cento de persoas ateigaron a libraría lucense para recibir o que Coira definiu como “unha novela maior”, “unha novela realista que ofrece un cadro moi fiel dun momento da nosa historia, mais que tamén visita o territorio dos faiados da memoria e do fantástico, sen menoscabo de constituír unha grande homenaxe ao cinema contanto sete películas clásicas, todas proxectadas en Lugo durante os anos 47 e 48, os mesmos nos que se desenvolve a historia, ademais d´ A noite do cazador, que se cita na dedicatoria”.

Foi, Pepe Coira, tamén, quen desvelou a orixe da novela en 2002, cando DoCampo fora pregoeiro das festas de Rábade, o concello onde naceu: “Agasalláronlle cun libro de fotografías antigas onde aparecía unha nena pequena sentada que vestía un abrigo de astracán, a mesma foto que Xabier escolleu agora para ilustrar a cuberta do libro”. “Aquel día falamos da retratada, que resultou ser Susa, unha muller moi amiga da nosa casa, que para min sempre me parecera que era a quinta esencia do amor polo cine, xa que ninguén contaba as películas mellor ca ela. A historia de Susa prendeu en Xabier que comezou unha investigación asombrosa sobre o cinema en Lugo de finais dos corenta”. Rematou Coira definindo a DoCampo como “un mestre do contar en todas as súas expresións, dende a oral a teatral e radiofónica, dende a escrita a todas as manifestacións do relato”, “nesta novela maior conseguiu a partir de apenas unha anécdota mover e crear un mundo”.

Nas súas intervencións, Xabier confesou que “nunca vira unha nena tan triste como a daquela fotografía que coñeceu en Rábade”: “Pepe Coira contoume quen era e en febreiro de 2002 abrín a libreta desta novela. Despois coñecín a Amparo, a nai dos Coira, e a Susa, a súa amiga, a quen gravei moitas horas coa súa historia. De aí naceu a novela que me levou quince anos de redacción nos que traballei sobre máis de cen películas de época, nos que consultei moitas veces a colección de El Progreso daqueles anos. Finalmente quedei con sete films. Non podía faltar unha película de John Ford nin unha infantil, O mago de Oz. Quixen abrir a novela cunha comedia, Historias de Filadelfia. Como tiña que estar A ponte de Waterloo, a preferida de Susa. Outras viñeron ao fío da trama da novela como Rebeca, A luz que agoniza ou A loba, que escollín para pechar a novela e abordar o tema do mal. Non creo na banalidade do mal, que me perdoe Hannah Arendt, como sinalei en Cando petan na porta pola noite, o tipo máis malo do mundo ten remorso”.

Referiuse Xabier aos personaxes, sobre todo aos femininos, como Paulina, Antonina, Engracia, Xaquina ou a propia Susana, “capaces de romper aquel tinglado de silencio, que constitúe outro dos temas principais da novela”, así como a outros como Isidoro, o alfaiate que preparaba os ollais, ou O Estorniño, que encarnan a bondade”. Falou DoCampo da memoria, “xa que nos faiados gardábase o oculto, aquilo que non se podía amosar, o que molesta. Subir aos faios da memoria é sempre encontrarse co oculto, como a voz do Estorniño”. Xustificou que a propia vila de Ribadaínsua encarnase a voz narradora para salientar o carácter coral da novela. Rematou as súas intervencións Xabier lembrando ao seu amigo Agustín Fernández Paz: “aínda que el dícía que todas as novelas están escritas cos fíos da vida, eu engadiría que a literatura, as novelas nacen desfiañando a vida, que é o que facemos a posteriori de ter vivido”.