Artigos

Onte 1907: Presentación en Rianxo da biografía de Manuel Antonio preparada por Xosé Luís Axeitos

Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro, presentou onte no Auditorio de Rianxo diante dun cento de persoas Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía a biografía documentada e referencial de Xosé Lúis Axeitos sobre o autor de De catro a catro. Unha obra que Angueira comezou cualificando de extraordinaria, «un traballo que pon o ramo a toda a obra do profesor Xose Luís Axeitos sobre Manuel Antonio, despois da edición da poesía, da prosa e do epistolario». «Un ramo marabilloso, xa que o intelectual Axeitos ofrece un tipo de biografía pouco convencional, unha biografía de estrutura fragmentaria na que documenta de forma exhaustiva a vida dunha persoa, o que permite o achegamento máis cabal á figura do poeta Manuel Antonio».

A seguir, Angueira foi debullando as diversas mareas que Axeitos ofrece sobre a figura de Manuel Antonio. En primeiro lugar sinalou a de Rianxo, a vila onde naceu, mais na que case non viviu, xa que o fixo tamén en Padrón, Vigo e Compostela. «Practicamente non viviu aquí, mais Rianxo é a capital literaria de Manuel Antonio, a súa paixón literaria, o epicentro da súa vida. Aquí esta a súa xeración, a de Dieste e a dos primos de Castelao. Mais Rianxo non é só unha paisaxe física, é sobre todo unha paisaxe humana, aquí esta o mundo que el ama». Angueira identificou na familia a segunda marea da biografía: «no libro hai unha documentación moi exhaustiva sobre a familia, tanto sobre os Pérez como sobre os Sánchez, na que sobrancea a figura da nai coa que o poeta, a pesar da distancia ideolóxica, mantén un fío de unión ao longo de toda a súa vida». Identificou a terceira coa da formación, iniciada na escola de Padrón, instalada na mesma casa onde se criou Rosalía de Castro coa súa nai, continuada en Compostela, onde asinou o pacto de sangue co galeguismo e defendou o monolingüismo galego, e finalizada en Vigo onde estudou na Escola de Náutica.

Angueira identificou como marea determinante en Manuel Antonio a navegación por todos os mares literarios: «admírame a disciplina individual deste mociño que dende Asados está atento a todo o que pasaba no mundo, gardando todo con enorme disciplina». Particular importancia concedeu Angueira a marea de Manuel Antonio navegante, recollida nos seus diarios de navegación, «sobre todo o que escribiu a bordo do paquebote Cándido Candeira, un barco marabilloso dedicado ao transporte de madeira dende Camposancos a portos do Mediterráneo, máis tamén do transatlántico holandes Gelria e o pesqueiro Arosa». Detívose tamén Angueira na marea dos compromisos éticos de Manuel Antonio: «ao principio foi agrarista, despois nacionalista permanentemente, dos da estreliña». «Manuel Antonio asumiu encrucilladas políticas e estéticas, mantivo polémicas con Castelao sobre o papel da arte popular e sobre todo co grupo de galeguistas de Ourense, cos que nunca se entendeu, chegando a formar un grupo secreto que bautizou como “Rexurdimento”». «Na biografía tamén se aborda a enfermidade, explicándose como a adquiriu e coa discreación e dignidade coa que a enfrontou, non facendo nunca da súa doenza unha materia literaria».

Rematou o seu discurso Angueira facendo fincapé na importancia de dous documentos literarios extraordinarios, o manifesto Máis alá! e o libro De catro a catro. «Manuel Antonio pretendeu facer unha literatura grande, afastada de calquera ruralismo. A súa obra foi secuestrada durante un tempo, mais por ventura agora pode ser lida libremente. Mais a pesar do maltrato que recibiu nunca se puido secuestrar o seu rumbo. Manuel Antonio estivo aí e estará no futuro da literatura galega. estivo cando a Nova Narrativa tantaba abrirse camiño e Gonzalo Mourullo escribe a «Carta a Manuel Antonio». Estivo no 79 cando os membros do grupo Rompente reclamaron «Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio». Como estivo en 2002 cando se crearon as Redes Escarlata. Manuel Antonio foi unha figura rebelde, imprescindible».

Na súa intervención, Xosé Luís Axeitos definiu a súa obra como «unha biografía documentada en forma ensaística, na que eliminei todo o aparato crítico académico coa pretensión de facilitar a lectura», «renunciei a ofrecer moita da información que tiña, sendo consciente sempre que as biografías as fan cada un dos lectores, razón pola que nunca son definitivas». O autor confesou que manexara a documentación do arquivo da Fundación Barrié, mais que tamén consultara a do arquivo diocesano, a da Escola de Náutica de Vigo ou a do arquivo militar intermedio do Noroeste. Agradeceu, ademais, as achegas de informantes principais, como Martín Gómez González, Segismundo Zúñiga, Ramón Rodríguez Sende, Teresa Tubío, Estanislao Carou, Manuel Agrelo Figueira, Maria Luz Agrelo e Asunción Resúa.

Onte 1128: Ghalego

GhaleghoComentámolo onte con admiración na asemblea de Prolingua. Ghalegho, o vídeo de Noelia Gómez Calvo para un traballo na Facultade de Xornalismo de Compostela, constitúe un modelo interesante de intervención na rede a prol da lingua galega. Artellado coa intencionalidade de desmontar os prexuízos lingüisticos entre a mocidade e promover o uso do galego, así como defender a variante dialectal das Rías Baixas, caracterizada polo emprego do seseo e da gheada, en pouco máis dunha semana supera os 80.000 visionados en youtube. Unha cifra impresionante que dá para reflexionar sobre o valor deste soporte. Protagonizado por catro mozos e mozas dos concellos de Rianxo e Dodro, utilizando argumentos sólidos presentados de forma sinxela, botando man da retranca e da fachenda de serm galegofalantes, esta peza de pouco máis de dous minutos convertiuse nun fenómeno viral  de grande interese para recuperarmos a nosa autoestima lingüística e a esperanza en que nosa mocidade será capaz de parar o proceso actual de substitución lingüistica. Beizóns a Noelia e os compañeiros que a acompañan por esta refolada de entusiasmo.

Onte 935: Irmandade do Libro 2014

Irmandade_do_libro_Rianxo_05-04-2014

No magnífico auditorio de Rianxo entregáronse onte os premios Irmandade do Libro 2014 da Federación de Libreiros de Galicia. Ouvirmos, Galaxia, Rosa Aneiros, Chus Pato, a libraría Ramón Cabanillas de Cambados, a biblioteca de Redondela e a do CEIP do Rosal foron as gañadoras dun serán onde apenas se fixeron referencias á situación precaria da libraría e do libro en Galicia. Por ventura as palabras de Pilar Rodríguez Álvarez, a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, lembraron que existen dificultades para o libro de texto, motivadas pola competencia dos contidos dixitais, así como a necesidade de formación do sector libreiro para afrontar as mudanzas do novo paradigma. Non obstante, nas conversas durante o viño, respirábase entre moitos libreiros o alento do medo sobre a incerteza da vindeira campaña de texto, da que todos sabemos depende a sobrevivencia da libraría de proximidade. Confeso que saín de Rianxo moito máis preocupado do que cheguei.

Onte 684: Feira do Libro en Rianxo

Recollemos o fío do traballo e viaxamos a Rianxo para participar nos actos da Feira do Libro instalada na praza do concello. Tras a desgraza tan grande de Angrois, que truncou a vida de dúas persoas veciñas de Asados, a programación prevista entre Noite Aberta de Rianxo e a Feira do Libro quedou reducida aos actos literarios que se celebraron no salón de plenos da vila: primeiro a intervención de  Xosé Neira Vilas, que presentaba os seus dous libros máis recentes, Cancela aberta en Xerais e Aquel neno en Embora; despois o debate «A noite no deserto», entre Antón Riveiro Coello e Chisco Fernández Naval, moderado por Xerardo Agrafoxo.

Diante dun público moi numeroso, que deixou pequeno o salón, Pepe Neira confesou estar moi ledo en Rianxo, «Anisia e mais eu vivimos oito días na casa de Rafael Dieste, despois do seu falecemento, acompañando a Carmen Muñoz». «Alédame tamén polo carácter literario de Rianxo, terra de grandes escritores dende Paio Gomez Chariño, Manuel Antonio, Rafael Dieste, Castelao até o poeta Faustino Rey Romero, a quen coñecín tamén en Arxentina». Referiuse despois a Cancela aberta, o quinto volume na colección Crónica de Xerais de compilación doutros cen artigos dos publicados en El Correo Gallego. Definiu o libro como «un cento de artigos de 1.500 matrices sobre temas variadísimos, galegos e internacionais, mais coa intención de que perduren, evitando que sexan efémeros». Tras lembrar unha frase de Miguel de Unamuno, «non teño tempo para escribir artigos curtos», confesou que «a brevidade e a limitación do espazo obriga a unha condensación e a utilizar un estrutura de conto, o xénero narrativo que máis me agrada».

Falou despois de Aquel neno, o libro publicado por Embora, «un libro que tivo un embarazo moi rápido, case setemesino, que acabei de escribir a pasada semana, que se acabou de imprimir onte e que vin por vez primeira hoxe». «O libro naceu da idea de que todo home leva de por vida un neno dentro de si, e toda muller unha nena». «Neste libro están todos os meus nenos literarios, Moncho, Toño, Lelo, mais tamén está a miña infancia, os meus soños e as miñas lembranzas. Sei como dicía o poeta José Hierro que cando falo de min, falo tamén dos demais». Antes de ler unha decena das 160 estampas, Neira Vilas gabou as viñetas coas que Xosé Vizoso ilustrou cada un dos textos. As súas palabras finais foron para lembrar que «cando un escribe ten que facer idioma, este foi tamén o meu esforzo con este libro».

Onte 142: Serán en Rianxo

Da man de Barbantia presentamos en Rianxo o Poñente de Pere Tobaruela. Foi bonito escoitar alí a Pere falar na lingua de Castelao –un exercicio de galeguidade co que o escritor catalán salientou o carácter do galego como lingua universal– para facer súa a doutrina de  Josep Plá: «Quero explicar ao mundo o que sucede na miña terra». Tobaruela ben sabía que Rianxo non é un sitio calquera, é unha das  vilas literarias galegas por excelencia, como Mondoñedo, Celanova, Padrón ou Noia. É un auténtico prodixio que en menos de cen metros atopemos as casas natais de tres dos nosos máis grandes escritores: Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio, o noso grande poeta do mar; mais se esquecer nin a Paio Gómez Chariño «O señor de Rianxo» nin a Faustino Rey Romero. Unha centramina que debería ser recoñecida como «espazo da memoria galega» e constituír un lugar de peregrinaxe obrigada. Adolfo Muíños, o agarimeiro alcalde de Rianxo, teima en converter esta vila arousá nunha referencia cultural en Galicia. Eis o programa arredor do aniversario de Castelao, que se desenvolve esta fin de semana. Eis a inauguración, tras o remate da presentación de Poñente e o pequeno concerto do formidable Antón Alcalde, da exposición de esculturas de Nuco Losada arredor de Castelao. A pesar do frío severo, foi un magnífico serán.