Listado de la etiqueta: revista_luzes

Onte 944: «Luzes» no taxi

Luzes_13-04-2014Subo nun taxi e atopo na bolsa do asento varios numeros da revista Luzes a disposición do viaxeiro. Marabilla! O taxi como espazo para a lectura sosegada entre o rebumbio da cidade revolcada. Eis unha fórmula inédita de fomento da lectura e de xanela para a visibilidade do xornalismo impreso de calidade. Cando vou pagar a carreira solicito ao condutor permiso para tirar unha foto, ao tempo que abeizoalo entusiasmado pola súa iniciativa. Quedei pampo cando me asegurou que o seu non era un caso único, que os exemplares de Luzes estaban rulando noutros taxis vigueses. Asegureille cun aceno cómplice que os suscritores axiña contariamos co exemplar do mes de abril. Abofé que esta cidade sempre depara sorpresas e ledicias inagardadas.

Onte 849: A miña lectura de «Luzes» 2

Aproveitei boa parte da tarde de onte devorando o segundo número da revista Luzes. Tres excelentes reportaxes e dúas entrevistas políticas potentes alicerzan esta entrega que gaña en profundidade e interese con respecto á presentada no pasado Culturgal. Gostei moito do tratamento que Luzes está dando á reportaxe, o seu xénero estrela, probablemente tamén o máis xenuíno do xornalismo inconformista que precisamos. É conmovedor o relato de Débora Campos da afouteza teimosa de Darío Rivas, coma excelentes polos seu rigor son os de Pablo López sobre o complexo conflito de Porto Cabral e o de Diana Mandiá sobre a vida infame dos roms nos arrabaldes de Marsella. Gostei moito tamén dos sete estralos sobre a lei de patada na boca de Marga Tojo (un texto sintético, didáctico e contundente) coma das conversas de Xosé Manuel Pereiro con Carlos Martínez-Buján sobre a sentenza do Prestige e de Iago Martínez con Amador Fernández-Savater, textos capaces todos os tres de deitar luz sobre eidos opacados na axenda pública actual. Nas páxinas de «República» interesoume o retrato que Carolina Díaz fixo de Lola Díaz-Baliño, a pintora esquecida, ampliando así a nosa ollada sobre o contemporáneo. Balance entusiasta dun segundo número que supera con moito as miñas mellores expectativas. Como editor un chisco maniático que son suxiro que os deseñadores de tan elegante e coidado produto gráfico estuden para o vindeiro número subir medio corpo a tipografía, sobre todo dos pés de fotos (aínda que non lle viría tampouco mal ao corpo todo do texto), presentado para lectores e lectoras que non padecen as incomodidades da presbicia. Sinto fachenda de formar parte dun país onde se edita unha revista coma Luzes, na que intúo que o mellor aínda está por chegar.

Onte 808: Culturgal 2013, día grande

Foi o sábado o agardado día grande do Culturgal 2013. Dende primeira hora da tarde o público familiar petou o Pazo da Cultura pontevedrés. Para nós, o grande protagonista da xornada (na que se desenvolveron medio cento de actividades moi diversas) foi o escritor Manuel Rivas (un clásico nas seis edicións de Culturgal). No espazo infantil contou e cantou O raposo e a mestra diante de varios centos de pequerrechos, axudado pola incrible sonorización musical que do seu relato fixo o xenial Cé Orquestra Pantasma. O pasecorredoiras final de ambos os dous foi memorable. Despois, Rivas participou na presentación da revista Luzes, que agotou os seus exemplares na fiera, un detalle máis ca esperanzador para este proxecto xornalístico. As asinaturas posteriores e as magníficas conversas de Teresa Cuíñas con Riveiro Coello, Berta Dávila, Pedro Feijoo e Diego Ameixeiras foron seguidas por centos de persoas. Hoxe domingo Culturgal 2013 ofrece unha xornada de peche tamén moi atractiva con case corenta actividades. Pola mañá contaremos coa presenza do grande Agustín Fernández Paz e pola tarde coa conversa de Anselmo López Carreira con Montse Dopico e coa presentación de Vento e chuvia de Manuel Gago e Manel Cráneo, un dos libros máis solicitados na feira.