Listado de la etiqueta: rescate

Onte 895: Rescate de Aguirre

Cruceime onte en Compostela con Quique Alvarellos e Olivia Rodríguez cando ían camiño da Fundación Torrente Ballester para presentar Recuerdos de Agosto, o libro no que se recolle a obra poética de Aurelio Aguirre. A recuperación do corpus literario do noso poeta romántico por excelencia, un dos bardos do Banquete de Conxo, constitúe un fito significativo no proceso aínda inconcluso de investigación sobre a memoria literaria galega do século XIX. Máis aínda cando esta edición inclúe oitenta poemas inéditos (dous libros manuscritos e un fato de follas volanderas), ademais dunha edición textual moi coidada a cargo de Olivia Rodríguez e un estudo histórico do contexto de Xurxo Martinez. Parabéns ao editor Henrique Alvarellos que na súa modélica colección «Rescate» está demostrando que hai moita agra por labrar cos clásicos galegos.

Onte 276: Rescate (para as palabras)

Rajoy pretende evitar a ferro e fariña que os 100.000 millóns do rescate poidan estragarlle a lexislatura. O camiño escollido para evitalo volve ser a utilización perversa do eufemismo, torcendo o valor das palabras. O rescate, unánime para a prensa internacional, convértese para Rajoy e o seu goberno apenas nunha «inxección de liquidez aos bancos en condicións privilexiadas». A solicitude do rescate, considerada polos mercados de débeda como unha claudicación do estado intervido, nas palabras de Rajoy transfórmase nun «éxito do Euro» e nun obxectivo acadado, previsto dentro do plan económico da lexislatura, destinado a promover o crecemento e a creación de emprego. Afirmacións insostibles dende a racionalidade, mais que Rajoy pronuncia con certa vacilación e os altofalantes gobernamentais promoven  sen aparente vergonza. Non fai falta ser Krugman para saber que este rescate aumentará a débeda e incrementará o déficit por mor dos intereses que haberá pagar o Estado. Inevitablemente, chegará a subida do IVE, o endurecemento do calendario de xubilación ou a redución das prestacións de desemprego. Rescatar o significado das palabras é, neste contexto, imprescindible para comezar a desmontaxe desta estratexia de engano. A presenza do presidente no palco polaco, coma seareiro do equipo de Del Bosque, non é unha anécdota menor, xa que para el visualizaría a celebración de semellante «éxito».