Listado de la etiqueta: quintana

Derrota para unha xeración

Se repasamos as liñas dos resultados do ciclo electoral iniciado en 1989, cando Fraga gañou as súas primeiras galegas, non é moi difícil agoirar que estatisticamente deberemos agardar máis dunha década (2021 ou 2025) para contar en Galicia cun goberno que devolva as boas expectativas e o alento de esperanza co que, hai case catro anos, comezou o bipartito de socialistas e nacionalistas rematando con dezaseis anos de autoritarismo clientelar fraguista. A súa inapelable derrota deixa eivada á cidadanía progresista galega durante toda unha xeración, xa que, previsiblemente, na tres ou catro próximas lexislaturas será tan difícil que algunhas das forzas obteña a maioría absoluta como que se atrevan a repetir unha fórmula de goberno de coalición, rexeitada de forma contundente pola maioría do electorado. Onte estragouse, quizais por moito tempo, unha posibilidade preciosa para que a esquerda encabezase a profunda rexeneración democrática pendente no país.

Onte, a cidadanía galega censurou a fórmula de goberno bipolar de PSdeG-PSOE e BNG, impedíndolles recuncar nas súas responsabilidades de goberno, obrigando, ademais, a ambas as dúas forzas a enfrontarse coa viabilidade de cadanseu proxecto e a dirimir a lexitimidade dos seus liderados. Velaí como primeiras consecuencias destes requirimentos a demisión de Emilio Pérez Touriño ou o período de reflexión autocrítica prometido por Anxo Quintana nas súas primeiras declaracións tras coñecer a derrota. Estes resultados tan negativos abren nos membros do bipartito unha crise profunda provocada tanto polo insatisfactorio funcionamento da fórmula acordada para o goberno de coalición como pola inadecuación da proposta política de cada unha das forzas á crise económica internacional e á comunicación política da sociedade rede.

Ao longo da lexislatura toda, o bipartito nunca conseguiu entusiasmar. A pesar do seu bo nivel de produción lexislativa e de eficacia na execución orzamentaria; a pesar dalgunhas importantes mudanzas en determinadas políticas sectoriais (sobre todo nas áreas nacionalistas), o bipartito apareceu nos medios de comunicación (e polo tanto diante da cidadanía) como un goberno con pouca cohesión interna (onde eran frecuentes pelexas feroces entre os seus membros por mor do reparto de competencias ou orzamentos) e escasa ambición para acometer os grandes retos do país. O fracaso da reforma do Estatuto, na metade da lexislatura, agravou esta percepción, convenientemente divulgada polos medios conservadores, tanto os da caverna neocón de Madrid como os galegos. Ademais, nin socialistas nin nacionalistas souberon renunciar ou substituír os privilexios e os hábitos do fraguismo na Xunta (coches, asesores, asistencias técnicas…), abrindo un foxo coa sociedade. O bipartito (en liñas xerais, que tamén houbo algunhas excepcións) non foi un goberno austero, nin próximo nin sequera apostou pola participación cidadá que permiten as novas ferramentas da comunicación dixital. Unha mágoa!

Ademais, fronte á posibilidade dun enfoque transversal na abordaxe dos grandes temas de país (lingua, territorio, paisaxe, infraestruturas, medios de transporte, reforma medios de comunicación públicos…), socialistas e nacionalistas apostaron por un modelo bipolar que proxectaba unha imaxe do goberno esgazada, rota, axiña aproveitada polos seus detractores: “non se pode confiar en dous gobernos, dous presidentes…” Un modelo que, por riba, se exportou aos gobernos de coalición formados despois das eleccións municipais. O bipolarismo venceu ao transversalismo, a obsesión por competir publicitariamente co coaligado (velaí a polémica do concurso eólico no perigoso treito final da lexislatura) levounos a minusvalorar (a esquecer) a presenza do adversario conservador que, grazas ao traballo paciente de Alberto Núñez Feijoo, foi renacendo amodiño. Ninguén do bipartito o agardaba, mais ao comezo da campaña, o PP-G estaba aí. Cando Pepe Blanco llo avisou a Touriño (convencido en ser un émulo cesarista do propio Fraga), xa non houbo tempo para reaccionar.

Ademais, cada un dos partidos ten os seus propios problemas. O proxecto que levou a Touriño á Presidencia (iniciado hai dez anos, coincidindo en boa medida co de Zapatero) chegou ao seu tope nas autonómicas de 2005 e semella agotado. A demisión de Touriño, forzada por Pepe Blanco dende Madrid, abre unha fenda enorme no partido, onde non se albiscan liderados alternativos, xa que os alcaldes socialistas (que viñeron equilibrando o poder de Touriño e o seu entorno universitario) son responsables (Caballero e Orozco, sobre todo), tamén, do fracaso electoral do 1 de marzo. Descarto que o PSdeG-PSOE vaia a repetir a experiencia de coalición cos nacionalistas como unha liña do seu desenvolvemento estratéxico. Se é así, que futuro alternativo poden agardar? Outrosí acontece no BNG. Os resultados do 1-M son os peores dende hai dezaseis anos, tanto en votos como en escanos, consolidando unha perigosa tendencia á baixa nas cidades. Estas autonómicas, despois de catro anos de experiencia de goberno, eran decisivas para a consolidación do proxecto de Quintana de promover o Partido Galeguista do século XXI. Porén, o retroceso electoral sementa dúbidas sobre a estratexia e reabre o debate sobre a viabilidade organizativa da frente. En definitiva, socialistas e nacionalistas obrigados a abrir un novo ciclo para unha nova xeración.