Listado de la etiqueta: pxnl

Onte 1817: Un plan para a cultura galega

O anuncio do presidente Feijoo polo que o seu goberno se comprometía a elaborar un plan para a cultura galega foi onte moi ben recollido polos medios. Se é unha proposta crible, algo que esta altura non podemos asegurar, con certeza suporía a entrada, por fin, da problemática do sector cultural galego nos contidos da axenda pública, a que manexan as administracións e os medios de comunicación. Suporía recoñecer que en Galicia existe a cultura como sector económico con dimensións significativas no eido do emprego e da súa achega ao PIB galego (como tan retranqueiramente salientaron o pasado luns os membros de NUMAX). Como tamén sería crible o anuncio se os diversos sectores da creación e da industria cultural reciben convites para expresar as súas opinións e participar na confección dun plan (estratéxico), unha condición indispensable para a súa posta en marcha e funcionamento satisfactorio. O modelo de participación e pluralismo co que foron elaborados o PXNLG de 2004 e a Lei do libro e da lectura nos dous últimos anos do derradeiro Goberno Fraga podería agora ser emulado. Con todo, somos prudentes diante dun anuncio que, insisto, pode ser tanto esperanzoso como unha nova frustración.

Onte 1647: Trinta anos da Mesa

Estado_da_Normalizacion_1986A Mesa pola Normalización Lingüística publicaba onte o cartel de Xaquín Marín das xornadas que sobre o “Estado actual da Normalización Lingüística” se celebraron do 18 ao 20 de abril de 1986, convocadas pola AELG, ASPG, AGAL e Federación de Asociacións Culturais. Encontros a raíz do que se constituiría este colectivo cidadán en defensa da lingua galega, hoxe a asociación cultural con máis persoas asociadas en Galicia. Tres décadas decisivas para o futuro do idioma, tanto polo seu proceso de institucionalización, con fitos históricos como o consenso forxado arredor do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, como polo retroceso da súa utilización como lingua vehicular das novas xeracións. Pasos adiante e atrás que requiren de acordos amplos e medidas audaces, como hai trinta anos, cando se creou a Mesa e se aprobou o primeiro Modelo de Normalización Lingüística para o Ensino, que promovemos dende Nova Escola Galega. Beizóns á Mesa pola Normalización pola súa teimosa insistencia na defensa e fomento da lingua galega.

Onte 1099: No día europeo das linguas

Dende 2001 celébrase cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas. Promovida polo Consello de Europa, esta xornada pretende alertar á cidadanía europea de todas as idades da importancia da aprendizaxe das linguas ao longo de toda a vida e de promover a riqueza e diversidade lingüística en Europa, que debe ser preservada e valorada. A efeméride concíbese, pois, como unha oportunidade de fomento do poliglotismo e respecto pola diferencia lingüística e cultural, sobre todo, nos centros educativos aos que se convida a organizar actividades con este motivo. A súa celebración en Galicia sempre estivo moi vinculada ao proceso de normalización da lingua galega e ao cumprimento do establecido na Carta Europea das Linguas Rexionais, aprobada en 1992 e asinada polo reino de España, texto esencial, non o esquezamos, que obriga ao conxunto das administracións do estado. Nesta edición, ademais, coincide co décimo aniversario da aprobación do PXNLG, o documento no que se recolleu o consenso social máis amplo e recente sobre a normalización da lingua de todos. Nun entorno de auténtica emerxencia para o futuro do galego, cunha situación baixo mínimos no sistema educativo, sobre todo nas etapas temperás, neste Día Europeo das Linguas é oportuno reclamar un plan integral de recuperación do galego acordado e apoiado por unha ampla maioría social e política. Pagaría a pena intentalo.

Onte 491: A lingua devala nos orzamentos

O informe elaborado pola CTNL amosa que o goberno de Feijoo ten previsto dedicar á lingua galega en 2013 só un terzo do que hai vinte anos dedicaba o goberno de Fraga. Un retroceso orzamentario brutal que supón pasar daqueles 17 millóns de euros de 1993 (o 0,43 % dun orzamento total da Xunta que daquela acadaba os catro mil millóns de euros) aos apenas 5,7 millóns de 2013 (o 0,06 dun orzamento actual, a pesar dos recortes, de máis de nove mil millóns). Noutras palabras, a pesar de que nestas dúas décadas a Xunta duplicou o seu orzamento, reducíu as partidas para a lingua galega nun 66,82 %. Un retroceso moi significativo, unha perda de peso político da lingua galega que, como demostra o completísimo cadro resumo elaborado pola CTNL, prodúcese, sen excepción, en todas as partidas cos que conta a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Así, por poñer algúns exemplos do que máis directamente coñezo, as subvencións a empresas editoriais para a edición de materiais didácticos diminúen un 79,2 % con respecto á convocatoria do derradeiro goberno Fraga en 2005, xusto tras a aprobación do PXNLG, até os 250.000 euros de 2013 (unha cantidade que supón unha diminución do 16,7 % sobre o pasado ano). Outrosí sucede coa partida para proxectos de fomento da lingua galega nos centros educativos non universitarios, que diminúe un 25 % con respecto a 2012 ou as campañas de normalización que contarán en 2013 co 48,5 % menos ca no ano anterior. Máis alá de declaracións retóricas ou de xestos de mercadotecnia política, os orzamentos son o documento esencial para valorar as políticas gobernamentais, xa que é onde se fixan obxectivos e prioridades, ao tempo que se asumen compromisos. Polo que amosan estes orzamentos, xa no trámite de debate parlamentario, as políticas de Feijoo sobre a lingua galega seguirán en 2013 o seu devalo até os territorios da insignificancia. Mesmo sendo moi xenerosos, non enxergamos por ningures motivos para identificar unha posibilidade de mudanza da tendencia. Así continúan as cousas.

Expreso gratitude e recoñecmento a CTNL polo seu magnífico e rigoroso informe.

Onde quere situar Feijóo o estatus do galego?

Sei que moitos non o poderán crer: a páxina web da Xunta amosaba  na súa portada de «Goberno e Institucións» unha serie de enlaces para os símbolos do noso país: a bandeira, o escudo, o himno e a lingua (dirixida, neste caso, á páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística).

No recente redeseño que fixeron da páxina (bastante pouco elegante, tratándose dunha web institucional) retiraron da portada a lingua como un  dos símbolos de Galicia, para relegala, xunto co Estatuto de Autonomía,  a un menú interior.

Sen analizar, polo miúdo o texto referido a lingua galega, que en liñas xerais creo correcto e didáctico, rescato un dos seus parágrafos máis significativos:

O coñecemento do galego esíxese para o acceso a un posto de traballo na Administración pública, segundo se establece na Lei de función pública; igualmente, mellorouse o seu status coa aprobación, en 1997, da Lei de réxime local e doutras leis sobre os dereitos lingüísticos dos consumidores, a etiquetaxe de produtos, etc., se ben a súa igualdade xurídica co castelán aínda non é plena.

Ou moito me equivoco, ou este texto non é conforme coa política sobre o idioma do actual Goberno, xa que ben sabemos que foi o executivo de Feijóo o que eliminou o requisito de realizar unha das probas en lingua galego no acceso á función pública ( Lei 2/2009, de 23 de xuño, de modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia) ou quen instou aos concellos a eliminar o requisito de face runha proba en galego no acceso á función pública local.

Esta modificación tan sutil na web institucional da Xunta non deixa de ser significativa cando coñecimos a prohibición por parte da Consellaría de Educación do desenvolvemento dos Proxectos de Innovación Educativa que permitían aos centros de contornos castelanfalantes con máis dunha liña ofertar as familias un ensino en galego nunha delas. Foi este un programa de innovación concibido como forma de achegar a lingua galega aos seus picariños, promovido ao abeiro das medidas educativas contidas no PXNL de 2004 e valorado de forma exitosa por todos os centros que o levaron adiante até o momento.

Sexa de forma vergonzosa, relegando a presenza da nosa lingua como símbolo identitario (que o é, sen dúbida, e así o recoñeceo Estatuto de Autonomía); sexa de forma vergoñenta, eliminado a posibilidade dos programas educativos de inmersión lingüística (recoñecidos como eficaces e reequilibradores nos contextos diglósicos coma o noso), a este Goberno Galego continúa proéndolle o idioma galego. Non abonda coa aprobación do Decreto de Plurilingüismo que reduce a presenza do galego como lingua vehicular en Infantil, Primaria e ESO? Non abonda con retirar o galego  como lingua vehicular das materias científico-tecnolóxicas? Non abonda con eliminar as escasas medidas de compensación existentes para asegurar a presenza dos libros en galego nas bibliotecas escolares? Non abonda co disparate pedagóxico de considerar só ao castelán como lingua de apoio no aprendizaxe do inglés? Non abonda con reducir á metade a cantidade destinada a apoiar a edición de recursos didácticos curriculares en galego e, pola contra, apoiar a adquisición dos libros daquelas materias que se impartirán en castelán?

Diante de todas estas medidas, non podo evitar preguntarme: onde quere situar Feijóo o estatus do galego?