Está vendo o arquivo da categoría » premios_xerais_2017

Premios_Xerais_2017

A lembranza de Agustín Fernandez Paz durante a presentación de Un mundo de palabras e o discurso luminoso de Xurxo Mariño, A pedra negra, marcaron o ton emocionante e sereno da cerimonia dos Xerais 2017, que celebramos no serán de onte (por décimo terceira vez) na illa de San Simón. A magnífica intervención de Isabel Soto, a editora literaria do libro que reúne os ensaios de Agustín sobre o libro e o fomento da lectura, insistiu na idea de que para el a lectura é unha causa que a todos nos convoca, da que ninguén pode sentirse alleo. Como despois moito nos emocionou a interpretación que A Banda dos Cueiros fixo da canción “O rastro que deixamos”, xa que detrás de cada verso, un título de cada un dos libros de Agus, forxáronse moitas complicidades e horas de lectura.

Xurxo_Mariño_03-06-2017Xaora, o discurso de Xurxo Mariño imprimiu outro rexistro ao serán, reclamando a cultura científica e tecnolóxica e a cultura humanística como unha única cultura. Primeiro, Mariño fixo un percorrido sintético e engaiolante pola historia da ciencia e das artes, defendeu a convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como compoñentes dunha única cultura, reivindicando tanto o coñecemento humanístico para os científicos como o coñecemento experimental para artistas, poetas e novelistas. Mariño rematou co relato abraiante da orixe dun meteorito, a pedra negra que tiña na man, unha lectura poética que a todos entusiasmou.Foron excelentes todas as intervencións do ditame dos tres premios, tanto por parte dos membros dos xurados como da gañadora do Premio Merlín, María Canosa por Muriel, como do Jules Verne, Manuel Lourenzo por Ceiba de Luz, e do Premio Xerais de novela, Santiago Lopo por A arte de trobar.

Non faltou, como é adoito, a expresión humilde das nosas gratitudes para todas aquelas persoas que acudiron ao noso convite, activistas, a maior parte, desa revolución aínda pendente que é a da lectura literaria en galego. Sentímonos particularmente agarimados onte pola presenza das presidencias da AELG, da Federación de Librarías e de GALIX, que se solidarizaron con esta nosa causa. Sei que esta reunión anual de San Simón contribúe a tecer unha rede de afectos e complicidades, un xeito esperanzoso de enxergar un mellor horizonte para a creación literaria na nosa lingua.

Agradezo a Xurxo Mariño a fermosa fotografía de grupo que forma parte dun álbum magnífico que recomendo visitar.

Guardar

Guardar

Guardar

mbragrado_f-656x403

Moito agradezo a Lourdes Varela a entrevista que publicou onte no Faro da Cultura con motivo da celebración do ditame dos Premios Xerais 2017. Gustoume que a xornalista insistise no protagonismo da sociedade lectora, como un dos eixos que singularizan os nosos premios, como na importancia da lectura literaria, esa revolución pendente á que pretendemos contribúa o noso traballo de edición. Agradezo tamén a Eli Regueira foto moi xeitosa.

Agustín Fernández Paz-3-RetoqueXG00273301

Lembramos onte a Agustín Fernández Paz no día que se cumpriron 70 anos do seu nacemento en Vilalba. O do seu aniversario era un día de ledicia que Agustín celebraba coa intención de revivir os días felices compartidos coas persoas queridas. Así tamén pretendemos que sexan todos os 29 de maio do futuro, para nós o día de Agustín Fernández Paz, unha xornada para compartir azos e ensinanzas dunha figura humana e literaria extraordinaria. E nada mellor que lembralo cun novo libro ou cunha nova edición da súa obra, aínda aberta. Neste ano facémolo con Un mundo de palabras, a obrano que o mestre reuniu, coa axuda de Isabel Soto, os seus textos sobre o libro e a lectura; un libro de ensaio importante na súa traxectoria como autor literario e como mediador, dous dos seus labores principais. Presentarémola o vindeiro sábado 3 de xuño, na illa de San Simón, no serán dos Xerais, onde queremos agarimalo. Sempre con Agustín no noso corazón e memoria.