Artigos

Onte 1754: Camiño da pasokización

Tras a demolición da executiva de Pedro Sánchez, unha operación deseñada polo poderoso entramado mediático, empresarial e político internacional de Felipe González, o goberno de Mariano Rajoy está ás portas, xa que os que mandan dende onte no PSOE non queren nin goberno alternativo con Podemos  (meigas fóra!) nin novas eleccións. A partir de hoxe mesmo asistiremos á segunda fase da operación, a teatralización desta abstención do PSOE e á da recuperación do consenso entre as dúas sensibilidades enfrontadas de «forma apaixonada», que os medios afíns disfrazarán co argumentario das duras condicións esixidas a Rajoy polos socialistas (adiamento da LOMCE, lei mordaza, suba do salario mínimo…) como pola súa altura de miras para comprender as «razóns de estado», que non son outras que eses 15.000 millóns de euros (de recortes) esixidos polos acredores ao Reino de España.

Xaora, non é descartable que Mariano Rajoy, diante do éxito da súa estratexia de deixar que se desfagan os seus adversarios a lume lento, pretenda alongala outro mesiño forzando así a convocatoria dunhas terceiras Xerais ás portas de Nadal. Non fai falta ser adiviño para prognosticar daquela unha probable maioría absoluta dos populares e unha catástrofe histórica dos socialistas, reducidos a un partido nacionalista andaluz, que pagarían a prezo de ouro o capricho de Felipe e da súa raíña Susana. Proceso de pasokización que se completaría co inevitable ascenso de Podemos, como primeiro partido da oposición ( o soño de Iglesias), e o ascenso dos partidos nacionalistas cataláns, vascos e (desta volta, tamén) galegos, unidos pola estratexia do dereito a decidir.

Un proceso de dereitización do PSOE que non é difícil agoirar se reproducirá decontado no PSdeG-PSOE, onde probablemente reaparecerán as figuras do pasado (o eurodeputado José Blanco xa deu sinais de vida), dispostas a demoler a xestora de Pilar Cancela, o liderado parlamentario de Leiceaga e a «colaboración» cos gobernos municipais das Mareas. Un inicio de lexislatura magnífico para un Alberto Núñez Feijoo feliz, preparando as súas opcións para substituír a Rajoy cando fixese falta.

Onte viviuse un episodio dunha estratexia de alcance, a de evitar a posibilidade de conformar gobernos alternativos aos do núcleo duro conservador, no caso español o Partido Popular, ou de non houber outro remedio, dunha grand coalition con socialistas e liberais. Do que se trataba onte en Ferraz, en definitiva, era de derrubar sen piedade aos que defendían a doutrina perversa do «Non é non». Traballo feito.

Onte 1539: Esperanza incerta

resultados_xerais_2015

Os resultados das Xerais de onte provocaron a fragmentación do escenario político español, aínda que polo momento non é previsible nin a creba do réxime monárquico nin sequera a posibilidade da mudanza do modelo constitucional de 1978. Teño claro que Podemos soubo conectar coas ansias de cambio dunha parte do electorado farta da corrupción e dos recortes avalados polo modelo bipartidista, mais tamén cómpre recoñecer a importante resistencia do partido de Rajoy que cos seus resultados (123 actas no Congreso e maioría no Senado) podería intentar gobernar e, se non fose posible, canto menos bloquear nesta lexislatura calquera iniciativa de reforma constitucional.

En Galicia a Marea de Podemos tamén soubo conectar co voto do cambio entrando no espazo de todos os seus rivais. En Marea disputoulle a primeira praza ao PP nas provincias e cidades atlánticas (mesmo en Vigo, onde é a primeira forza), entrou no espazo do PSOE e noqueou á candidatura nacionalista. Un resultado excelente que, ás portas das Autonómicas do vindeiro outono, abre a posibilidade de artellar unha alternativa sólida e crible a Feijoo, que obtivo un pésimo resultado, xa que perdeu cinco actas e 250.000 apoios. Un éxito da Marea que, ademais, obrigará ao PSOE e ao BNG, se non queren quedar na irrelevancia, a refundar con radicalidade os seus proxectos, imaxe e liderados.

Xaora, neste contexto de incerteza, onde manda a dinámica estatal sobre a galega, non sería descartable que Rajoy, se na investidura non conta coa abstención de Pedro Sánchez, apurase a xogada cunha nova convocatoria ao comezo da primavera onde quizais o PP podería construír unha maioría da que hoxe carece.

Onte 1519: Debate polo centro

debate_el_pais_30-11-2015

O debate de onte organizado por El País amosou que PSOE, Ciudadanos e Podemos dirixirán todos os seus esforzos de campaña en engaiolar ao «electorado de centro».  Como o feito de que non fosen convidados nin a IU-Unidad Popular de Garzón nin ningún dos partidos nacionalistas proba que os poderes mediáticos da corte pretenden reconducir a inevitable fragmentación postbipartidista arredor dos partidos de Rivera e Iglesias. Xaora, a pesar de que Podemos abandonou a tese da creba democrática, o seu candidato foi o único que abordou con claridade unha proposta de reforma constitucional territorial como resposta ao «problema catalán», mentres Sánchez e Rivera competiron por quen defendía máis á unidade da nación española e unha estratexia máis recentralizadora. Nese contexto, non me pareceu un erro a incomparecencia de Mariano Rajoy, xa que así puxo en evidencia o seu perfil de claro favorito, mentres os seus tres rivais disputaron «un torneo» para dirimir que se facía co espazo do centro.

Recomendo a xenial crónica de Manuel Jabois.