Está vendo o arquivo da categoría » partido_galeguista

Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo a figura de Olimpia Valencia e outras pioneiras:

Reparo con frecuencia na placa colocada en Príncipe nº 11 na que se lembra que alí tivo a súa consulta a xinecóloga Olimpia Valencia López, a primeira muller galega en obter a licenciatura de Medicina na Universidade de Compostela en 1925, cun expediente inzado de matrículas. Nacida nas terras arraianas do concello de Baltar en 1898 e veciña de Vigo dende os doce anos, especializouse en Madrid, onde se doutorou cunha memoria sobre a colesterinemia no sangue, e despois, grazas a unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios, trasladouse a Alemaña e Suíza onde ampliou formación científica na especialidade que exerceu en Vigo desde 1928 até case o seu pasamento en 1987. Profesión que desenvolveu na Seguridade Social, até a década de 1960, e na consulta particular que a súa chegada abriu en Príncipe, que trasladaría despois á rúa Velázquez Moreno e, finalmente, á rúa Uruguai, onde a Irmandade da Sanidade Galega e o Colexio Médico de Pontevedra colocaron en 2016 unha placa que a recorda: «Olimpia Valencia: especialista en doenzas da muller».

Vinculada ao galeguismo republicano de Vigo, polo tanto a figuras como as de Valentín Paz Andrade, a doutora Valencia tivo a afouteza de encabezar en 1931 o chamamento de apoio aos candidatos da provincia de Pontevedra do Partido Galeguista e en 1936 outro que reclamaba o Si no Plebiscito do Estatuto, ambos os dous documentos asinados só por mulleres. Sempre estudosa, inqueda e comprometida coa súa profesión e coa causa da igualdade («as mulleres podemos namorarnos por algo máis que casar», confesoulle nunha entrevista ao xornalista Johán Carballeira), participou en Vigo na fundación de entidades como a Academia Médico-Quirúrgica (1930) e a Alianza Francesa. Compromisos cívicos que lle pasarían factura en 1937 cando foi detida, acusada de pertencer ao Partido Galeguista e manter relación con xentes de esquerdas, e máis tarde nos dífíciles anos de posguerra, cando foi acusada de «roja» e mesmo boicoteada a súa consulta. Recoñecida hoxe como pioneira, unha desas mulleres que pelexaron por ocupar espazos até entón masculinos, dona Olimpia conta cunha rúa co seu nome na zona de Cabo Estai e a Universidade de Vigo escolleuna, tamén, para identificar o seu Centro de Investigacións Médicas. Apenas dous recoñecementos para unha das pioneiras viguesas máis afoutas.

A apaixonante biografía de Olimpia Valencia, que merece un lugar destacadísimo na historia de Vigo, é unha das incluídas no álbum «Pioneiras» (Xerais 2018) escrito por Anaír Rodríguez e ilustrado por Nuria Díaz, protagonizado por unha ducia de mulleres galegas que conseguiron vencer as barreiras impostas ao seu xénero e dar os primeiros pasos por vieiros transitados até ese momento só por homes. Mulleres de épocas e ámbitos sociais e profesionais ben distintos, dende Exeria, a primeira muller escritora de toda a Hispania Romana no século IV, e Isabel Barreto, a primeira almiranta do mar, participante a finais do século XVI na expedición para colonizar as Illas Salomón; pasando por Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión internacional, participante na expedición da vacina da varíola do doutor Balmis, e Sofía Casanova, a primeira correspondente de guerra; até Celia Rivas, a primeira condutora de camións, Marcela e Elisa, as mestras que quixeron casar, Irene González, a primeira futbolista nun equipo masculino, Áurea Rodríguez, a primeira gaiteira, María Luz Morales, a primeira muller directora dun xornal de ámbito estatal («La Vanguardia»), e Ángeles Alvariño, a primeira científica nun buque de investigación internacional, que traballou un par de anos no Instituto Oceanográfico de Vigo.

Unha ducia de pioneiras, como as doutoras Valencia e Alvariño, ou como tantas outras mulleres viguesas que abriron camiño, cuxas historias merecen ser coñecidas e postas en valor. Recuperacións biográficas esenciais para a súa utilización didáctica nas aulas e para a formación nos valores da igualdade, mais tamén para as actividades do propio movemento feminista neste seu irreversible proceso de empoderamento emancipador, caligrafado nas rúas viguesas o pasado domingo por milleiros de mulleres, unha lumieira esperanzadora para erradicar as lacras do feminicidio, do acoso e das desigualdades social, laboral e económica, como raíces da sociedade patriarcal.

As conquistas do movemento feminista foron sempre conquistas para toda a humanidade; como sabemos que mudar a historia obriga a mudar as voces da historia. Secasí, se recuperamos os nomes e restauramos a memoria destas pioneiras, até agora invisibles na historia, contribuiremos a acuñar modelos e figuras femininas valoradas socialmente. Eis a necesidade de poñer en valor á doutora Olimpia Valencia e a outras pioneiras.

XG00246401Fixéronse onte 80 anos do pasamento en Compostela de Valle-Inclán, abordado no libro A morte de Valle-Inclán. O último esperpento que Xerais achegará ás librarías a vindeira semana. Dende tres olladas (a xornalística de Carlos Reigosa, a biográfica de Javier del Valle-Inclán e a teatral e literaria de José Monleón) reconstrúese con rigor documental o relato dos últimos nove meses da vida de Valle, considerado daquela «o artista galego por antonomasia», que en Galicia asumiu con dignidade e serenidade unha doenza dolorosa que sabía para el definitiva. Entre os moitos episodios relatados, ademais dos encontros de Valle con Cunqueiro, Pedrayo ou Blanco Amor, chama a atención o referido a polémica do seu enterro civil en Bosaica, nun dia no que diouvou. A mobilización do Partido Galeguista, que publicou unha octavilla chamando ao pobo de Santiago a «cumprir o derradeiro deber co artista cuia obra ha vivir namentres fique no mundo un espírito sensible á beleza e a saudade», así como a participación de Castelao clarifican un asunto que até agora semellaba litixioso.

Onte 814: Seis de nadal

bretemas —  7 de Decembro de 2013 — Deixa un comentario

A xornada de onte non foi só á efeméride da aprobación da Constitución, a peza xurídica da restauración monárquica xoancarlista. O seis de nadal os nacionalistas galegos celebramos a fundación do Partido Galeguista tras a VII Asemblea Nacionalista organizada no salón de festas do Hotel Madrid da cidade do Lérez polo Partido Galeguista de Pontevedra. Unha asemblea constituínte decisiva na que os trinta e dous grupos e irmandades presentes acordaron a disolución das Irmandades da Fala e a integración dos seus membros no novo partido; ademais de reclamar, por vez primeira na nosa historia, o dereito de autodeterminación e a redacción dun Estatuto de Autonomía para Galicia. Seis de nadal, unha data galeguista para non esquecer no «labor de acadar os dereitos de Galicia e facer dela un país próspero e glorioso».

Onte 347: Mestre don Avelino

bretemas —  21 de Agosto de 2012 — Deixa un comentario

A figura de Avelino Pousa Antelo convoca simpatía unánime en sectores sociais ben diferentes da sociedade galega porque simboliza o galeguismo pacífico até o lirismo, ao que convocaba Castelao na súa Alba de Gloria.  O pasamento do mestre don Avelino, un carballo case centenario sempre ao servizo da causa de Galicia, supón que politicamente se apagou o derradeiro facho da xeración do Partido Galeguista, as Irmandades da Fala e a Xeración Nós; fendeuse de vez o elo que unía ao nacionalismo contemporáneo co proceso de construción nacional iniciado naquel tempo republicán de soños e entusiasmo. Don Avelino non fixo outra cousa ao longo de case oito décadas que contribuír a alicerzar o soño dunha Galicia dona de seu, orgullosa da súa lingua e da súa cultura (que defendeu até o seu derradeiro salaio), confiada nas súas propias posibilidades e na determinación dos seus cidadáns. Traballou por este soño coas únicas armas posibles para un patriota galego coma el, a confianza cega nas posibilidades da educación pública e da acción política por medio da palabra. Mestre adiantado da renovación pedagóxica da escola rural (socio de honra de Nova Escola Galega), promotor da Escola Granxa de Barreiros, impulsor do cooperativismo agrario, cando se xubilou dedicou as tres derradeiras décadas da súa vida a defender a dignidade da nación de forma insubornable percorrendo os seus camiños e vieiros até onde a súa presenza venerable era requirida e participando como home de acordos en institucións claves do galeguismo nacionalista como as Fundacións Castelao, Bóveda ou a do Pedrón de Ouro. Don Avelino foi un modelo ético dunha peza, espello de honestidade, rectitude, fraternidade, solidariedade, amizade, valores polos que a súa persoa concita o maior agarimo e respecto. Adeus para sempre adeus, don Avelino! Sempre bo e xeneroso, irmán!

Esta anotación foi publicada en Faro de Vigo.

)

Como é adoito cada 17 de agosto lembrouse na Caeira o fusilamento de Alexandre Bóveda, o que foi o motor organizativo e medula política do Partido Galeguista da Frente Popular. Unha lembranza imprescindible para manter o facho da memoria republicana de Galicia, como a que se volverá acender mañá 19 en Cacheiras para recordar a Ánxel Casal, o libreiro e editor de Nós, tamén alcalde de Compostela en 1936, de quen Castelao dixo que «fixo máis por Galicia ca todos nós». Como merecen a nosa lembranza as oito persoas socialistas e republicanas fusiladas contra as tapias do cemiterio de Pereiró o 27 de agosto: o alcalde de Vigo, Emilio Martínez Garrido; os deputados socialistas Antonio Bilbatúa Zubeldía e Ignacio Seoane Fernández; o impresor Heraclio Botana; o mestre Apolinar Torres; o médico Ubaldo Gil Santóstegui; o que fora alcalde de Lavadores José Antelo Conde e o funcionario da Casa do Pobo de Vigo Ramón González Brunet. Na memoria de todas estas persoas e de todas aqueloutras vítimas da represión fascista a Irmandade Galega de Bos Aires fundada por Castelao acordou en 1942, hai agora setenta anos, declarar o 17 de agosto como «Día dos Mártires Galegos», como anuncia a revista A Nosa Terra o 25 de xullo de 1942:

«A Irmandade Galega, nunha felis inspiración patriótica, tomou o acordo de instituír como Día dos Mártires Galegos a data do 19 de agosto [un erro evidente de imprenta]. Nun día como ise do ano 1936, as forzas negras da reaución nemigas da liberdade de Galicia e treidoras a República Hespañola, fusilaron ao mártir máisimo da Patria Galega: Alexandre Bóveda, segredario do Partido Galeguista. Ningunha data máis axeitada que isa, pra nela lembrar e honrar aos milleiros de galegos que foron fusilados polo seu ‘delito’ de querer a Autonomía de Galicia e de ser leiales a República Hespañola. Isa data, Día dos Mártires Galegos, ficará consagrada na ialma do pobo galego como xusta eisaltación dos que deron o seu sangue e a súa vida pola nosa sagra Terra e ficará como eterna maldizón para os treidores de Galicia e pra os que decretaron i executaron as mortes dises milleiros de irmáns nosos».

Con ese espírito de integración republicana e galeguista deberían celebrarse todos os actos na memoria dos Mártires Galegos. As miñas beizóns para Mini e Mero por manter ese lume sempre aceso.