Está vendo o arquivo da categoría » paco_martín

Arquitecturas_debuxadas_14-12-2016

Máis dun cento de persoas participaron na presentación que onte fixemos no Círculo das Artes de Lugo de Arquitecturas debuxadas. Lugo, o fermoso libro do arquitecto Santiago Catalán Tobías. Un acto no que o escritor Paco Martín, un dos prologuistas da obra, xunto a Jaureguizar, fixo unha emocionante homenaxe á cidade de Lugo e chufou o libro de Catalán da que dixo “contribúe a despertar a curiosidade intelixente”. Recuperando unhas palabras de Rof Carballo, Martín afirmou que “Lugo é a cidade perfecta, xa que posúe o armazón perfecto da cidade”.

XG00261201Santiago Catalán desvelou que a orixe do libro foi un proxecto no que pretendía facer un caderrno de apuntes de viaxe de Lugo, utilizando acuarelas, “comprendín que non era o meu camiño e comecei a facer debuxos arquitectónicos, atté os setentas que finalmente forman parte destas Arquitecturas debuxadas“. “O libro xorde pola fascinación por esta cidade, á que cheguei en 1980, nunha mañán de néboa mesta. Unha cidade que posúe unha trama urbana moi complexa e contraditoria, onde se mesturan os trazados medievais cos romanos”. “O libro naceu, tamén, dunha ollada sentimental, emocional, sobre os edificios e espazos urbanos de Lugo que máis me impresionaron”. A seguir, Santiago confesou que “a preparación da obra axudou a reprensarme como cidadán de Lugo, xa que me obrigou a poñerme no papel de vistante interesado en coñecer e descubrir unha cidade”.

catalán definou Lugo como “unha cidade de escala contida, onde todo é pequeno e ten un pouso histórico, o que se nota nos edificios e na arquitectura”. Lamentou, porén, que dende a metade dos anos cincuenta do século XX entrou nunha fase de arquitectura triste, Lugo no tivo moita sorte nese período, a pesar de que foi unha cidade na que dende a época barroca traballaron os máis importantes arquitectos de Galicia, moitas veces antes de irse a Santiago”. Despois de citar a algúns dos arquitectos que deixaron máis pegada na arquitectura luguesa, rematou expresando a súa confianza en que “esta obra contribúa a valorar maís este Lugo noso”.

Presentamos no serán de onte na Libraría Trama de Lugo De paraugas, os relatos que escribu Paco Martín a partir das fotografías de Daniel Puente Bello. Foi Xabier DoCampo, autor do epílogo da obra, quen chufou aos autores e salientou a súa singularidade. Comezou DoCampo confesando que o libro lle fixera moita graza: “Comprobei que tiña razón miña nai cando dicía que os de Lugo tiñan unha forma distinta de levar os paraugas, debaixo do brazo e co picho cara arriba”. Sinalou a seguir Xabier que “o libro era moi cunqueirán” e “que non puidera evitar lembrar na lectura “os quitasoles de Merlín e familia, branco, marelo e colorado, baixo os que sucedían grandes prodixios, quitaban o sol e as tebras, xa que pola noite deitaban luz”. “De paraugas é un libro que escribiría Cunqueiro, se hoxe vivise. Cunqueiro estaría presente nestas páxinas polo feito de entender a existencia dunha relación entre galegos e galegas que teñen un xeito de ser e as literaturas que nos contan. Se as nosas vidas non se fan relato, é coma se non existisen. Se Cunqueiro ten hoxe un continuador, ese é Paco Martín, sobre todo nesa medida tan difícil que é a narración breve, a que está máis próxima á poesia”.

XG00259401Sinalou Xabier que no libro había “un humor manifesto e declarado que vai máis alá do sorriso, xa que provoca as gargalladas”. “Un libro nacido das fotografías de Daniel e que Paco conectou cada unha delas cunha súa imaxe mental que axiña lle disparaba unha historia, algunhas vividas por el, outras relacionadas con ese mundo que lle apasiona que é o dos paraugas”. Rematou DoCampo referíndose ao “paraugas comunal”, “aquel que é de todos cando chove a cachón”. “Neste libro os paraugas dan para moitas anécdotas, pero se converten en literatura”. “De paraugas é un libro que se desfruta en cada parágrafo, que emociona cada páxina, é unha auténtica delicia”. Pola súa banda, Daniel Puente relatou como xurxiron as fotografías, “froito dun camiño de observación do xeito que a xente leva os paraugas, sobre todos nas feiras, como as de Parga e Guitiriz”. Mentres que Paco Martín advertiu que “este era un libro de paraugas no que non chove, que é cando o paraugas ten personalidade propia, o que permitiu que o libro tivese certa graza”.

1406078031-656x403A chamada de Ledicia Costas para dicirnos que lle concederan o Premio Nacional de literatura infantil por Escarlatina coincidiu cando estaba rematando a lectura do primeiro capítulo d’ O último día de Terranova, a novela de Manuel Rivas que publicaremos para Culturgal. A ledicia da noticia foi enorme xa que supón un importante recoñecemento para unha novela cuxo tema principal é como unha familia enfronta a morte e o duelo do avó. Mais tamén este premio é unha oportunidade para a visibilidade dos textos e autores e autoras da literatura infantil e xuvenil en galego como para o protagonismo dos milleiros de lectores e lectoras (moitos máis dos oito mil exemplares que levamos vendidos) que ao longo do último ano proporcionaron tantos azos e agarimo á autora cando visitaba os centros escolares. Este novo premio para Escarlatina é, tamén, o primeiro grande recoñecemento para unha autora da Xeración da Esperanza (ou do Novo Século), situando a Ledicia Costas cos grandes da  Xeración Lamote, Paco Martín con Das cousas de Ramón Lamote (1985), Xabier DoCampo con Cando petan na porta pola noite (Xerais, 1995), Fina Casalderrey con O misterio dos fillos de Lúa (1996) e Agustín Fernández Paz con O único que queda é o amor (Xerais, 2008), os únicos que até agora obtiveran este galardón con efectos canonizadores. Ademais, este novo nacional, o vixésimo segundo da literatura e edición galegas (cinco de lix, cinco de tradución, tres de narrativa, dous de textos dramáticos, dous de ilustración, un de cómic, un de ensaio, un de poesía, un de teatro e un ao mellor labor editorial) e o décimo para obras publicadas por Xerais, constitúe un aliciente para o conxunto da edición galega e para os profesionais do sector que, a pesar de tempos tan difíciles, non deixamos de teimar nesta fantasía. Xaora, non deixa de ser unha coincidencia explicable pola providencia laica (esas causalidades e causalidades das que fala Manuel Seixas) que a novela que comezaba a revisar de Manuel Rivas se desenvolva nunha libraría e estea protagonizada por unha familia de contrabandistas de libros e por editores defensores, como Ledicia Costas, da consistencia esférica do libro. Parabéns a Ledicia pola súa proeza que agardamos repita decontado a literatura e a edición galega.

paco_martin_lugo_16-05-2015
Onte na presentación na Feira do Libro de Lugo d’ A rula, o peluche e a nena, o conto de Paco Martín ilustrado por Belén Martín Franco, lembramos dous importantes aniversarios: os corenta anos transcorridos da publicación de Axóuxere. Semanario do neno galego, o suplemento de La Región en galego promovido por Martín, no que participaba o seu amigo o ilustrador Xoán Balboa; e os trinta da publicación Das cousas de Ramón Lamote, a novela coa que gañaría un ano despois o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, adral dun subxénero que dende entón se desenvolvería con ansias de normalidade.

XG00234601Na presentación, Paco confesou que «este foi o conto que un avó fixo para cumprir o seu papel básico, que non é outro que o de contar.» «Cando eu escribín este conto, Jimena, a miña única neta, estaban por nacer e pedinlle a súa tía que o ilustrase.» «É o conto dunha rula, Airosiña, que non quería emigrar, xa que quere coñecer o segredo da vida. Isto vaille provocar problemas para sobrevivir as baixas temperaturas. Quixen lembrarlle aos pequenos que a rula pasa o mar. Teño predilección polas rulas, dende os vinte anos, cando en Cádiz vin ao pé do mar que había cantidade de xente apuntando para matalas ao seu paso, era tremendo. Pensei que xa non quedarían rulas que chegasen a Lugo!!!» «A rula representa a ansia de liberdade, que tamén ten o peluche, que vive arrombado no cuarto da nena, mais ao que lle gustaría viaxar e coñecer o mundo, o que conseguirá grazas a axuda de Voandeira, outra rula viaxeira. Pensei que a rula e o peluche facían unha simbiose bastante agradable.»

As presentacións d’ A illa de todas as illas, o libro de Xabier DoCampo ilustrado por Xosé Cobas, están sendo unha oportunidade para que os membros da Xeración Lamote compartan angueiras arredor da causa da lectura. Mentres na Coruña foi Agustín Fernández Paz quen glosou o texto de DoCampo, onte na librería Biblos de Lugo foi Paco Martín quen o fixo, quedando Xavier Senín de facelo o 13 de febreiro na libraría Couceiro de Santiago.

Paco Martín leu un texto moi divertido e fermoso arredor do libro, no que acreditou unha «escrita limpa e directa, na que se nota a pegada do cine un dos amores do autor». Tras glosar a peripecia dos personaxes do relato e os libros citados, rematou resumindo que «as illas esquecidas son todas as que están nesta illa Navalleira, na que os protagonistas experimentan asombros descoñecidos, novos medos, saberán da esperanza e do retorno dunha viaxe iniciática da man de John Silver».

Pola súa banda, Xabier DoCampo, despois de expresar a súa satisfacción por poder compartir esta presentación con Paco Martín, confesou que o tema do libro é a lectura, os libros e a paixón de ler. «Este é un libro de libros, un libro dendrítico (como foi definido nun artigo por Xavier Queipo), un libro porta (como sinalou na presentación da Coruña Agustín), un libro que nos comunica con outros libros». Sinalou que «ler é encontrar nos libros o que hai de ti, o que os libros din de ti, ler é buscarse nos libros para saber o máis posible dun mesmo». Recontou, despois, os libros presentes na novela, dende A illa misteriosa, «a máis fermosa da snovelas de Verne, na que o capitán Nemo está sempre presente, a pesar que só aparece ao remate», Robinson Crusoe, «a novela que representa o simbolismo das illas e o concepto de civilización», pasando por O señor das moscas e A illa dos arroaces azuis, até A illa do tesouro. «Quero reivindicar o valor destas obras clásicas da literatura infantil e xuvenil, quero reivindicar que se lean, quero alertar que estas obras existen, que se as lemos é posible vivir nunha illa deserta, quero proporcionar un camiño para ler os libros e as películas baseadas nelas». Rematou DoCampo falando da súa colaboración co ilustrador Xosé Cobas: «buscamos unha obra conxunta, un libro común».