Listado de la etiqueta: p.p.k.o

O soño de «Tetilla» e outros editores vigueses

Dedido o artigo da semana en Faro de Vigo á segunda entrega da historia da edición viguesa, centrada sobre os editores Eugenio Krapf, José Cao Moure e Eugenio Barrientos:

Eugenio Krapf foi o primeiro dos editores vigueses do século XX. Impresor e libreiro vigués nacido en Zürich, establecido na rúa Policarpo Sanz, ademais de publicar innumerables tarxetas postais sobre Vigo e a ría, pasou á historia polas súas edicións de fermoso feitío tipográfico de obras clásicas como «La Celestina» (1900) de Fernando de Rojas ou «El diablo cojuelo» (1902) de Vélez de Guevara.

No primeiro terzo do século XX, a pesar de existir en Vigo moitas imprentas, a maior parte delas dedicadas ás publicacións periódicas, como «Faro de Vigo», «La Concordia», «Vida Gallega» ou «La Ráfaga», a edición de libros decaeu. Foi, sen dúbida, o editor máis destacado dese tempo José Cao Moure, propietario da editorial P.P.K.O, situada en Príncipe 30, un auténtico home orquestra, defensor afervoado do carácter cosmopolita da nosa cidade, que publicou, entre outros moi fermosos libros ilustrados, «Catálogo de Vigo» (1921) e «Vigo en 1927» (1928), auténticas alfaias recuperadas por ventura polo Instituto de Estudios Vigueses.

Como non convén esquecer as achegas que nos anos vinte e trinta fixeron a Litografía e imprenta Roel, que iniciou en Vigo a edición a cor de guías turísticas, e os talleres onde se imprimiron os xornais «Galicia» (1922) de Valentín Paz Andrade, e despois «El Pueblo Gallego» (1926), onde se imprimiron os oito primeiros relatos que Rafael Dieste publicou baixo o título «Dos arquivos do trasno» (1926), co que Vigo recuperaba a edición en galego iniciada por Juan Compañel en 1863.

Eugenio_barrientosDespois do alzamento militar, Vigo recuperou a edición de libros grazas á figura do maragato Eugenio Barrientos López, o propietario da editorial Cíes, que dende 1941 a 1958 tivo a súa sede na Libraría Tetilla da rúa Elduayen, dedicada a publicación de postais de Vigo. «Tetilla», como era coñecido popularmente Barrientos, foi un auténtico xenio da edición, aínda non abondo recoñecido. Inventou na triste España de 1945 o formato da novela de peto («bolsilibro») e dun curioso sistema de distribución por kioscos, no que tanto se vendían como se prestaban os libros.

Axudado polo famoso editor catalán Ramón Sopena, Barrientos comezara o seu labor editorial publicando novelas policiais e románticas. Cando coñeceu en Portugal as novelas americanas de «pulp fiction», puxo en marcha senllas coleccións de novela popular, «Biblioteca X» (200 títulos de novela policial) e «Rodeo» (800 títulos de novela do oeste), que pasaría á historia como a colección deste tipo por excelencia, na que publicaron os seus dous principais autores: Marcial Lafuente Estefanía e Fidel Prado. Sen esquecer a Corín Tellado, a famosísima autora asturiana, que tamén publicou as súas primeiras obras en Cíes, na colección «Princesita» de novela sentimental (200 títulos), na que o propio Estefanía chegaría a publicar algún baixo pseudónimo feminino.

editorial_ciesOs libros de Cíes creábanse en Vigo, as xeitosas portadas a cor preparábanas en Barcelona os ilustradores Moreno e Tomás Porto, eran impresos e encadernados con fío cosido en Bilbao por Artes Gráficas Grijelmo ou en Madrid pola imprenta Maeza e, finalmente, distribuídos para toda a España dende o almaceniño da editorial en Elduayen onde un encargado e dúas rapazas facían os paquetes que se enviaban por correos. Un incrible modelo de edición popular periférica en tempos de dura posguerra, que desenvolveu un catálogo de case 1.500 títulos, estimándose que puido chegar a publicar seis millóns de exemplares das súas novelas veloces de xénero romántico e de vaqueiros que formaron como lectores e lectoras a millóns de persoas. Cíes solicitaba escritores en anuncios nos principais xornais de España baixo o lema: «Editorial Cíes. Creadores de rotundos éxitos».

56114764_31864753_rot1460623409A editorial Cíes publicou, ademais, libros de literatura xuvenil de rancio sabor franquista, en coleccións de edición acartanoda como «Amenus» ou «Galatea», ademais de series de banda deseñada como «El pirata cobra blanca» (1947), «Máscara verde» (1949) ou «Rodeo infantil» (1947-1949), auténticas pioneiras do xénero.

A incrible aventura do editor Eugenio Barrientos López rematou en 1958. Con anterioridade, en 1951, Marcial Lafuente Estefanía, o seu autor estrela, instalado nas casas de Pernas de Travesas, non puido rexeitar unha importante proposta económica da editorial Bruguera de Barcelona, a principal competidora de Cíes. Aquel soño de «Tetilla» de edición popular en tempos difíciles (lembrando a Juan Farias), a pesar de durar apenas catorce anos, constituíu o fito máis destacados da historia da edición en Vigo na primeira metade do século XX, que merecería ser recoñecido pola cidade. Un soño que proseguirían os editores galeguistas como Xosé María Álvarez Blázquez e Francisco Fernández del Riego.