Listado de la etiqueta: observatorio_piratería

Cultura corsaria

No artigo da semana en Faro de Vigo, a partir dos datos publicados polo Observatorio da Piratería e hábitos de consumo de contidos dixitais, reflexiono sobre o futuro da distribución do contido dixital.

A publicación do informe correspondente ao ano 2013 do «Observatorio de piratería y hábitos de consumo de contenidos digitales» amosa que en España durante o último ano non diminuíu de forma significativa o número de descargas ilegais de contidos dixitais culturais. Promovido pola «Coalición de Creadores», unha entidade que agrupa a case todas as entidades de xestión españolas e asociacións empresariais do mundo do música, o cine, os vídeoxogos e o libro, a pesar de ser un estudo de parte e non contar con outros datos comparativos oficiais ou académicos, este observatorio ofrece datos suficientes para ser considerados, canto menos, como tendencias significativas sobre unha cuestión moi polémica.

De inicio chama a atención da lectura destes datos que a metade da mostra de internautas consultados admite acceder a contidos culturais de forma ilegal, xustificando este comportamento, entre diversos motivos, polo feito de considerar caros os contidos dixitais, pola rapidez e facilidade do seu acceso, “por estar ao día no que sae”, pola incertidume de se lles vai gustar, “porque non é unha actividade ilegal nin censurable” ou, sinxelamente, “porque o fai todo mundo, xa que non pasa nada”. Como tamén son moi salientables outras cifras do informe, como a que sinala que durante o pasado ano o 84% dos contidos dixitais descargados en España o foron de forma non legal e sen outro custe para o usuario que non fose o que paga ao proveedor de internet.

O observatorio pon de manifesto que de 2012 a 2013 só diminuíron as descargas de contidos musicais, que pasan do 32% ao 27%, mentres se mantén o das películas no 43%, e aumenta o dos vídeoxogos, que pasa do 7,9% a 9,8%, e sobre todo o dos libros de ocio do 12,4% ao 20,5%, onde se incrementan tanto as descargas de libros dixitais como de libros impresos escaneados, a pesar de que o sector editorial é onde se produce un menor número de descargas dixitais. En todos os casos os produtos de novidades, os que teñen menos dun ano no mercado, son os máis descargados ilegalmente, o 35,8 % no caso dos libros, o 50,8 % no da música e o 31,2% no das películas. Tendo en conta, ademais, que o famoso “top manta” no que se ofrecen discos e películas pola rúa (fenómeno sobre o que se acuñou até agora o fenómeno da “pirataría”) é a esta altura unha canle de distribución de contido dixital ilegal en desuso, xa que apenas o 1% dos enquisados admite utilizala decote.

Estas descargas non legais provocan unha importante perda de ingresos para a industria dos contidos estimados para o pasado ano en 1.326 millóns de euros, sendo a música con 513, o cine con 450 e os vídeoxogos con 284 os máis prexudicados, mentres que na industria do libro a cifra deste lucro cesante sería de 79 millóns (o 4% do seu valor), dos que nós estimamos que corresponderían a Galicia 4,26 millóns de euros. Impacto negativo destas descargas non legais que afecta tamén aos postos de traballo nun sector cultural que conta con 63.578 empregos directo e aos ingresos anuais do estado en impostos e cotizacións sociais que poderían incrementarse en 526 millóns de euros anuais.

É moi difícil reconducir en España o problema das descargas gratuítas e ilegais en internet que ameaza con arruinar a todos os sectores da industria cultural e facer insostible o seu inevitable proceso de hibridación, tanto no deseño dos seus produtos coma nos seus procedementos de distribución. Un comportamento corsario (para evitar o termo “pirata” e as súas connotacións pexorativas) que -como se pode inferir dalgunhas opinións de usuarios de internet recollidas no observatorio, que o consideran un dereito do internauta a compartir os seus arquivos- ten que ver coa súa interpretación errada dos lexítimos dereitos de propiedade intelectual de autores e editores que identifican co produto analóxico (soporte físico) mais que non asumen no dixital, ao que pola súa natureza virtual asocian co acceso libre e gratuíto. Unha actitude á que tampouco é allea a escasa valoración que da cultura e da creación artística se foi instalando na nosa sociedade, fose pola irresponsable desimplicación con ela dos actuais poderes públicos ou pola adscrición dalgúns dos seus produtos coa industria do lecer e da frivolidade.

Non abondará coas modificacións da Lei de Propiedade Intelectual e dos seus regulamentos a este teor, se non se vai modificando tamén no conxunto da cidadanía, dende os escolares ás persoas maiores, o valor e o respecto da cultura no soporte dixital. Non hai dúbida que iso sería unha auténtica revolución en relación co funcionamento actual de internet, na que os poderes públicos non poden manterse inanes. Como tamén que a industria cultural ten a obriga de realizar o maior esforzo para mellorar a súa oferta dixital e facela máis accesible e asequible para todos.