Está vendo o arquivo da categoría » oasis

Despedimos o 2017 un chisco desacougados, mais non queremos estragar a cadea do blog e celebramos o serán de San Silvestre cun tema de Oasis, os rapaces pelexados de Manchester. E como sabemos que para conservar a tradición precisa de mudanzas, escollín esta versión jazz de «Wonderwall» na voz da cantora arxentina Karen Souza, incluída no disco Cool Jazz Blends (2014) de The Cooltrane Quartet, no que fan versións de éxitos pop dos noventa.

A mítica canción de Noel ten moitas outras versións marabillosas, como estoutra que moito me gusta de Ed Sheeran, como mesmo outras jazz, tinguidas todas elas dunha doce melancolía na que identificamos as dificultades de percorrer camiños, que se tornan confusos, seguindo luces cegadoras, que aparentemente nos guían.

Os meus votos para que en 2018 contemos todos e todas co noso «wonderwall».

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Foi este 2016 un ano difícil, no que choramos aos nosos admirados Agustín e Fermín, dous mestres na vida e na causa galega. Xaora, non perdemos os bos costumes e celebramos o serán de San Silvestre cun tema de Oasis. Escollín este ano un clásico dos de Manchester, «Some Might Say», o primeiro sinxelo de (What’s the Story) Morning Glory, o seu segundo elepé (1995). Unha canción escrita por Noel Gallagher, propia dos que como Agus e Fermín, e tantas outras amizadess, acreditamos no optimismo da vontade para guiar as nosas vidas:

Algúns deben dicir, que acharemos un día máis brillante.
Algúns deben dicir, que acharemos un día máis brillante.

Algúns deben dicir
Algúns deben dicir

Some might say
Some might say

Os meus votos para que todos e todas achemos un 2017 máis brillante e esperanzoso.

Saúde, amor e boas lecturas galegas!

Continuemos soñando os nosos soños

bretemas —  31 de Decembro de 2015 — 1 Comment

Cada tarde de San Silvestre procuro un temazo de Oasis para compartir azos e esperanzas para o novo ano. Neste 2015 escollo «Little by little» (2002), unha canción na que Noel Gallagher apela a continuar loitando polos nosos soños:

«Somos xentes loitando pola nosa existencia. Non tratamos de ser perfectos, mais somos libres soñando sós os nosos soños sen resistencia, consumíndonos como as estrelas que desexariamos ser» «Por que pouco a pouco demos todo o que sempre soñamos, pouco a pouco as rodas da túa vida desapareceran devagariño.»

Con todos os meus votos de ventos portantes de esperanza para o 2016!

No 2015 seguiremos no camiño

bretemas —  31 de Decembro de 2014 — Deixa un comentario

Acredito na posibilidade de crear tradicións modernas. Acompañar cada serán de San Silvestre cun temazo de Oasis é unha das miñas angueiras. Este ano escollín «Stop Crying Your Heart Out» (2002) xa que entendo apela a continuidade no noso camiño. Benvida a xoldra efémera do aninovo! Cos meus votos de esperanza para 2015.

http://vimeo.com/16944129

Recupero «Don’t Go Away» (1997), un dos meus clásicos preferidos de Oasis, unha tradición de fin de ano en brétemas. Todos precisamos máis tempo para acertar as cousas, para compartir afáns, angueiras e afectos. Benvido o aninovo! No 2014 acenderemos unha estrela.