Listado de la etiqueta: o_xogo_de_babel

Onte 1901: Crónica da Feira do Libro da Coruña 2017

Rematamos onte tres días de intensa participación na Feira do Libro da Coruña. Seráns literarias todas moi concorridas  e interesantes nas que presentamos algunhas das novidades recentes de Xerais dirixidas a públicos diversos.

Comezamos o martes 1 de agosto con Costa do Solpor. O regreso da Illa do tesouro nunha sesión audiovisual na que Xosé María Lema presentou os espazos e os personaxes desta versión publicada en Fóra de Xogo da novela coa que o de Bamiro homenaxea o clásico de Stevenson, a comarca da Costa da Morte. Continuou Elena Gallego Abad, que conversou coa escritora e crítica Mercedes Queixas sobre O xogo de Babel, unha novela publicada na serie de fronteira Milmanda, na que a creadora da serie «Dragal» explora o xénero romántico, a intriga psicolóxica e a literatura de viaxes, tan pouco frecuentes en galego. Pechou a primeira xornada Xurxo Mariño que engaiolou ao público coa presentación audiovisual do seu periplo arredor do planeta recollido en Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, publicado en Básicos Ciencia, e no seu blog fotográfico Vagamundeando. Mentres que Anxo Fariña asinou exemplares na libraría Lume de 4 xinetes.

Protagonizaron a segunda xornada, a do mércores 2 de agosto, Carlos Callón, Pedro Feijoo e Ledicia Costas. Callón tirando de moita retranca presentou o seu ensaio Galegocalentes e galegofalantes, publicado na colección Crónica, e defendeu a necesidade da activación dos galegofalantes e da unión dos galegocalantes como claves para o futuro do idioma. Xaora, os minutos de ouro dunha intervención moi vibrante de Callón foron os que dedicou a denunciar a identificación que os medios de comunicación galegos fan do galego coa delicuencia. A seguir conversamos con Pedro Feijoo sobre Os fillos do lume, a novela que recibida de forma entusiasta pola crítica lidera tamén de forma indiscutible todas as listas dos libros máis vendidos en galego. Feijoo defendeu a importancia da memoria no conxunto da súa obra e a súa intención de ofrecer outra visión de acontecmentos claves da nosa historia, como a Guerra de Galicia, mal chamada da Independencia. Mentres que a escritora Ledicia Costas asinou no stand de Lume exemplares da súa obra.

Onte, na nosa derradeira xornada, foron protagonistas Xurxo Souto, Manuel Rivas e Miguel Vázquez Freire. Souto presentou a cuarta edición de Contos da Coruña, un clásico, publicado hai dezaseis anos, que constitúe un auténtico compendio de épica cascarilleira, lembrando á poeta Luisa Villalta, que morreu en 2004 sen poder presentar En concerto, o seu libro póstumo. As repichocas e os contos de Xurxo emocionaron a un público que rendido celebrou a palabra coruñesa perfecta: ORZÁN. Desenvolveuse despois a agardada homenaxe arredor de Os libros arden mal de Manuel Rivas, recoñecida co Premio Mondoñedo 10 como a mellor novela galega da década (2006-2015). Antes da lectura de tres fragmentos, Rivas defendeu «a memoria conxugada como un presente recordado, a utopía de seres que exercen o dereito a soñar», insistindo en que «o corpo da linguaxe é a liberdade», e «a literatura debe funcionar como un biodetector, capaz de desvelar zonas de misterio», para finalizar citando a John Berger: «hai que ter un pouco de esperanza».

Pechou a participación de Xerais a presentación de Demos de verán, o regreso á narrativa galega, despois de case dúas décadas, de Miguel Vázquez Freire. Foi o xornalista Tino Santiago quen presentou unha novela que definiu como de lectura moi intensa. Na súa intervención Miguel confesou que tardara dez anos en escribila, «abandoneino moita sveces, case pode comigo como escritor, mais conseguín finalizala». Desvelou que foran tres as fontes da obra. A primeira os sucesos de malos tratos a menores acaecidos en 1984 e coñecidos como o caso Edelweiss; asegunda, un encontro fortuíto que tivo en Roma, que lle permitiu crear o personaxe de Radia Ludescu e desatascar a novela; e o terceiro, a proliferación de ideas, que levaron á humanidade ao desastre, difíciles de erradicar. «Quixen facer unha novela paródica das novelas esotéricas, ao xeito d’ O péndulo de Foucault, uha novela de misterio con fondo esotérico». Rematou Miguel anunciando a apertura do blog da novela onde publicará contidos estendidos.

 

Onte 1887: «O xogo de Babel» de Elena Gallego

O_xogo_de_Babel_11-07-2017

XG00268201Resumiuno de marabilla Elena Gallego nunha frase pronunciada onte na presentación en Bueu d’ O xogo de Babel: «Non se pode normalizar unha lingua como a galega e non escribir nunca “Quérote”». A autora de Dragal explicaba así as razóns de ofrecer unha novela centrada na historia dun triángulo amoroso, afastada do politicamente correcto e capaz de sorprender pola súa estrutura complexa e os xiros constantes da súa trama. E abofé que Elena amosa que é unha narradora arriscada publicando o que lle peta e procurando gañar novos públicos para a nosa narrativa. O xogo de Babel transita polos vieiros da novela de viaxes e da novela romántica, localizada nun tempo preciso, xusto o anterior ao da creación das redes sociais, o que lle ofrece outro valor engadido. O xogo de Babel é unha obra que o mestre Anxo González Guerra cualificou de «novela de amores que se le dunha tirada». Unha aposta de Elena Gallego moi traballada. O amor e o desamor tamén poden formar parte da nosa narrativa.