Está vendo o arquivo da categoría » nolito

Campo do Fragoso CLXXX

bretemas —  9 de Maio de 2016 — Deixa un comentario

berrizzo_08-05-2016TEMPADA DE OURO

Unha das maiores grandezas do celtismo é a sobriedade para gozar das vitorias e a serenidade para asumir os resultados adversos. Actitudes forxadas partido a partido, tempada a tempada, xeración tras xeración, na vella catedral do Fragoso apoiando aos celestes na súa angueira sempre difícil, sufrindo e gozando da súa afouteza e dun xogo que, dende hai dúas décadas, aquí gusta traballado e combinado. Así foi esta tempada de ouro, a mellor da última década, onde os celtistas gozamos dun xogo de alta escola do cadro de Berizzo, mais tamén sufrimos os desacougos inevitables, froito das carencias e limitacións dun cadro, que a pesar da clasificación privilexiada continúa sendo moi humilde e conta (canteira incluída) cun número moi axustado de efectivos. Así foi tamén o partido da tarde de onte co Málaga, onde houbo instantes de cor, cando escintilou o xogo dos nosos e estoupou a ledicia da bancada, mais tampouco faltaron outros moitos minutos grises de chumbo, coma o ceo que deitou devagariño a poalla que foi enchoupando aos xogadores.

A pesar da inxusta derrota de San Mamés, Berizzo demostrou que non se rende na súa batalla polo quinto posto. Dispuxo ao triángulo chileno (Chelo, Tucu e Orellana) para soster e lanzar ao equipo, que tardou case un cuarto de hora en contar coa súa primeira gran oportunidade, tras un pase de Wass sobre un xenerosísimo Tucu Hernández que case na área pequena preferiu ceder sobre Aspas, o que evitou in extremis un defensor andaluz. O Celta teceu e teceu paciente, sen perder a confianza na posibilidade de crear superioridades, a pesar de que o Málaga incomodou aos chilenos con continuas faltas e brusquidades. Con todo, grazas a balóns longos, o Celta foi abrindo o seu xogo de ataque polas bandas, sobre todo pola de Nolito, moi comprometido durante os noventa minutos. O internacional gaditano trazou un tiraliñas interior antolóxico ao que non chegou Orellana, anunciando a marabilla que minutos despois sería a xogada do único gol do partido.

Unha xogada protagonizada pola NAO celeste, ese tridente marabilla formado por Nolito, Aspas e Orellana, á altura dos mellores goles da tempada. Iniciada por Nolito na banda esquerda cun desprazamento sobre Aspas na frontal, o xenio de Moaña cedeulla ao poeta chileno que agardou para centrar dende a banda dereita a chegada a área pequena de Nolito para que este, unha vez superado o gardarredes, tivese que empurrar a porta baleira. Un gol tremendo, unha acción redonda, comezada e finalizada por Nolito, fermosA na concepción e rotundA na execución. Uns segundos onde escintilaron as faíscas de xenialidade destes tres xogadores capaces de compartir as súas accións en instantes decisivos.

Co marcador adverso, o Málaga adiantou as súas liñas. Rubén chapou cunha pombiña elegante un magnífico saque directo de Recio que entraba pola porta. Xaora, Nolito puido liquidar o partido nunha das súas xogadas preferidas, o tiro con parábola ao pao longo, mais quedoulle curto e Ochoa atrapoullo. Tras o descanso, o poeta Orellana puido marcar nun lanzamento de falta que lambeu o pao esquerdo. Con todo, foi unha oportunidade aínda máis clara a de Aspas, que tras un servizo magnífico de Nolito, correu a banda esquerda e entrando na área debuxou unha vaselina sobre o pao dereito que o porteiro andaluz conseguiu desviar cos dedos. Outra xogada memorable.

Durante os vinte minutos finais, coincidindo coa entrada no terreo de Juanpi, o Málaga desenvolveu o seu mellor xogo. Sufriron os de Berizzo. Camacho encarou en dúas ocasións con claridade a Rubén, mais o noso xove gardarredes soubo aguantalo. Só faltando cinco minutos, cando máis apretaban os de Javi Gracia, a bancada desentendeuse das incidencias do xogo e comezou a cantar coa emoción dos grandes momentos a Rianxeira e a celebrar a extraordinaria clasificación europea. Unha tempada de auténtico ouro, onde compartimos o celtismo da humildade e da afouteza, o do xogo de salón e o do fair play, o que sofre e o que goza coas súas cores. Estamos de volta.

Campo do Fragoso CLXXIX

bretemas —  26 de Abril de 2016 — Deixa un comentario

aspas_granadaEUROCELTA

Conseguido o obxectivo matemático da clasificación europea o celtismo deu onte á noite unha lección de responsabilidade extraordinaria. Contido no seu lexítimo entusiasmo, despois de acadar un soño tan lonxano como é regresar a Europa despois dunha década, a bancada sostivo ao equipo durante os noventa minutos dun partido moi difícil, con momentos de ledicia, mais tamén de sufrimento, fronte a un valente Granada que xoga neste derradeiro treito do campionato no tan perigoso arame do descenso. Unha magnífica expresión de animación celtista, mais tamén de ambición deportiva, xa que nin o cadro técnico nin o de xogadores nin a afección renuncia a sumar máis de sesenta puntos, cos que moi probablemente aseguraría a quinta ou a sexta praza.

Xaora, tras un campionato memorable, o Celta de Berizzo apenas celebrou onte a súa proeza clasificatoria. Demostrou que aspira a máis, mesmo a desputarlle praza de Champions ao Vilarreal de Denís Suárez. Con este afán, Berizzo plantou na lameira un equipo de curte moi ofensivo, coa conexión chilena dirixindo o medio do campo e co tridente marabilla, detrás de Guidetti, preparado para abrir espazos dende as bandas. Transcorrido apenas un cuarto de hora, chegou o penalti sobre o noso internacional sueco, que con moita pillería se anticipou a Biraghi obrigando ao lateral italiano a derrubalo. Aspas asumiu a responsabilidade do lanzamento e marcou con toda a confianza.

Coa táboa de marcas por diante, o Celta despregou o seu catálogo ofensivo, sostido por Marcelo Díaz e un Tucu Hernández, que cada vez namora máis á bancada viguesa. Aspas motivadísimo, quizais lembrando as leas cos nazaríes de hai cinco tempadas, cando desputaban unha praza de ascenso a primeira, buscou a Guidetti e as liñas interiores de Orellana e Nolito, que non tiveron a súa mellor noite. Porén, os de Berizzo deixaron vivos aos andaluces, que conseguiron chegar con moito perigo e facilidade nun par de ocasións. A cabezada de Lombán ao longueiro enmudeceu Balaídos cando case remataba a primeira parte. Aínda que pouco despois, outra de Tucu Hernández quedase lixeiramente alta.

 Coa renaudación, o Granada espremeu todas as súas opcións. Subiu liñas, roubou o balón e acurralou aos nosos diante de Rubén. A bancada comprendeu que o Celta vivía moi serias dificultades e intensificou o seu apoio. Nunha ocasión clarísima, Peñaranda abriu un corredor enorme pola súa banda, mais cando encarou a Rubén o noso gardarredes soubo aguantalo in extremis. Porén, o inevitable gol andaluz chegou tras un rexeite que aproveitou o galego Fran Rico, nunha acción de auténtica potra, mais merecida pola teimosía atacante do seu equipo.

Mais cando todos os ventos semellaban propicios para os visitantes, tras a incorporación de Wass, unha conexión máxica entre Orellana, Nolito e Aspas facilitou o segundo gol do de Moaña, que liquidaba as opcións nazaríes. Faltaban aínda máis de dez minutos, mais os de Berizzo souberon aguantar con acougo a un Granada que subiu con todo e deixou espazos para uns cantos contraataques celestes que puideron ampliar o marcador. Foi só entón cando a bancada comezou a cantar o miudiño e a festexar unha vitoria que sitúa ao Celta moi preto do seu ceo soñado. Rematado o encontro a ledicia esvarou das bancadas a lameira, adiantando as celebracións que sen dúbida viviremos co peche da tempada co Málaga. Un partido, pois, traballado, discreto no xogo, excelente no resultado, que vai pechando a que é, sen dúbida, a mellor tempada celeste da década.

Campo do Fragoso CLXXVIII

bretemas —  18 de Abril de 2016 — Deixa un comentario

europa-tiroCELTA XENEROSO

Os empates recentes co Deportivo e co Betis en Balaídos demostran que acadar o quinto posto non vai ser un camiño de rosas para o Celta de Berizzo. A exhibición celeste de xenerosidade e voracidade atacante en ambos os dous partidos, nalgúns momentos transformada en precipitación e ansiedade diante da portaría rival, noutros en desorde e inferioridade defensiva na propia, non abondou para gañar a dous equipos que tamén precisaban puntuar. Cómpre recoñecer que en ambas as dúas noitiñas o Celta careceu das doses de equilibrio e acougo nos momentos decisivos coas que acadou a clara vitoria do Molinón.

Diante do Betis aos de Berizzo abondáronlles cinco minutos para abrir todo o seu catálogo de xogo ofensivo. Foi o tempo que tardou John Guidetti en enviar unha taconazo de moitos quilates ao pao, tras unha parede anterior dentro da área de Nolito e Planas que centrou tras percorrer toda a banda. O Celta arriscaba presionando con intensidade e moitos efectivos na liña de dous terzos, situando moi adiantados aos dous laterais, o que facilitaba as recuperacións no territorio bético. Así chegaron outras dúas ocasións para o noso internacional sueco, en centros de Beauvue e Planas, que chegaba con moita facilidade á liña de fondo.

Xaora, a partir do cuarto de hora inicial, o Betis espertou devagariño, aproveitando instantes de confusión do centro do campo galego, onde frouxeaba Wass (lesionado no nocello dende o inicio) e o poeta Orellana non collera aínda o seu punto de caneo. Así chegou o gol bético, tras unha internada na área do antipático (e perigoso) Rubén Castro, a quen os celestes non souberon defender coa contundencia que un xogador das súas características require. Montoya aproveitou un rexeite frouxo de Cabral e dende a liña de fondo da área pequena enviou o pase da morte para que N’Diaye marcase. Unha xogada moi mal defendida que case derrubou aos nosos. O Celta sen o control da bóla sufriu durante os vinte minutos que restaron até a reanudación. O veterano Joaquín puido liquidar o partido nunha xogada individual na que enviou o balón ao pao longo, imitando a acción preferida de Nolito. Con todo, o Celta tamén tivo a súa oportunidade de ouro nunha galopada de Beauvue, antes de caer gravemente lesionado, que centrou en carreira para que Nolito cabezase dende o punto de penalti. Mágoa que Orellana a porta baleira non aproveitase o rexeite no chan do afortunado gardarredes andaluz.

Coa entrada na lameira de Aspas e Marcelo Díaz, que substituíron a Wass e Beauvue lesionados, o Celta desenvolveu unha heroica estratexia de asedio, asumindo os riscos de deixar espazos baleiros polas bandas, sobre todo na cobertura dos numerosos saques de recanto. Foron corenta e cinco minutos emocionantes onde o gol axexou ambas as dúas portarías. Os béticos tiveron grandes ocasións. Case no inicio, Rubén Castro puido sentenciar o marcador nunha longa carreira en solitario finalizada cunha vaselina que quedou longa só uns centímetros. Pouco despois, o noso porteiro evitou in extremis un precioso gol olímpico dun Joaquín inspiradísimo. Como Cabral defendeu na mesma liña de gol un remate de Rubén Castro, cando o porteiro céltico xa estaba superado. Outro tanto sucedeu na outra área, onde baixo a batuta de Marcelo Díaz as chegadas celestes eran continuas. Coa mellor xogada de Nolito chegou o gol anulado (inxustamente) a Guidetti, o que aumentou a frustración da bancada cunha arbitraxe ruín que facilitou as continuas interrupcións do xogo provocadas polos visitantes. A entrada nos minutos finais de Tucu Hernández achegou decontado a dose de claridade que até entón faltara nos celestes. O seu gol magnífico, froito dun soberbio pexegazo ao pao corpo, tras un servizo maxistral de Jonny, fixo xustiza ao esforzo xeneroso dos nosos.

Campo do Fragoso CLXIX

bretemas —  30 de Novembro de 2015 — Deixa un comentario

tercio-liga-3PEQUENA FOCHANCA

Tras os tres últimos partidos, as derrotas co Valencia e Coruña e a vitoria apurada co Sporting, non hai dúbida que o Celta caíu nunha pequena fochanca. A pesar dos tres valiosos puntos, na noitiña do sábado a maioría dos xogadores de Eduardo Berizzo ofreceron unha imaxe borrosa, sobre todo na primeira media hora da segunda parte, moi lonxe daqueloutra luminosa das xornadas de fulgor coa que comezaron esta magnífica campaña. Un retroceso na calidade do xogo que quizais poida ser explicado quizais por unha certa rixidez táctica de Berizzo ou como efecto dun baixón físico colectivo, tamén comprensible tras un inicio onde o equipo despregou unha intensidade grandiosa e onde foron moi escasas as rotacións e mesmo os trocos. Xaora, semella que, por ventura, nesta tempada esta crise de outono queda moi lonxe daqueloutra da pasada que conxelou ao equipo durante unha decena de xornadas.

O sábado Berizzo demostrou que é consciente da existencia do problema e intentou afrontalo. Modificou o seu once clásico e deixou a Aspas e Wass no banco. Porén, a entrada de Bongonda, Guidetti e Planas non mellorou a situación, sendo a reincorporación de Cabral a que axudou a recuperar certa orde e serenidade defensiva. Xaora, o Celta nunca foi capaz de mandar co seu ritmo de xogo nin establecer unha conexión fluída entre as súas tres liñas. O Celta funcionaba sen harmonía e sen partitura combinativa. Apenas as aparicións e conducións de Hernández, o mellor dos celestes, permitían trazar algunhas liñas interiores profundas sobre a dianteira. Así naceu o gol de Orellana, transcorrido apenas un cuarto de hora, despois dun servizo diagonal de Nolito, froito da primeira chegada combinada. E moi pouco máis podemos reseñar na produción atacante celeste durante a hora seguinte, discretísima se lembramos partidos anteriores.

Os de Abelardo, en clara superioridade no medio do campo, souberon incomodar a Augusto Fernández, que tivo enormes dificultades para sacar a pelota en superioridade. A pesar dos esforzos polo centro de Hernández, o Celta non conseguía xuntar as súas liñas, mais aínda cando non funcionaba a nova disposición das súas bandas, fose por que Bongonda non entendeu aínda a caligrafía do encerado do seu adestrador, fose por que Nolito non se asocia con Planas coa mesma facilidade coa que adoita facelo con Jonny. Tras o descanso, o Celta pareceu que se ía a pique, pero non naufragou. O gol xixonés chegou cunha cantada antolóxica de Sergio que entregou un saque de porta a biqueira de Carlos Castro. Un erro garrafal, síntoma da falta de confianza que nas últimas xornadas arrastra o porteiro de Catoira, un problema xa imposible de agochar, que obrigará ao adestrador a tomar unha decisión sobre quen debe asumir esa responsabilidade.

Mais na noitiña do sábado non todos os nubeiros foron adversos e algunha das fadas foron propicias para os nosos. O Sporting chegaba con facilidade diante de Sergio, mais sobráballe inxeleza no remate. Faltando un cuarto de hora, Berizzo entendeu o caso e incorporou a Iago Aspas. O de Moaña reivindicou o seu liderado e revolucionou o partido: deulle acougo ao equipo baixando a pelota, creou espazos entre os centrais e proporcionoulle un balón longo a Nolito que marcou o gol da vitoria tras un rexeite do meta asturiano. Un partido ruín no xogo, que se resolvía nun aparente golpe de fortuna.

Esta primeira crise da tempada evidencia algunhas carencias do Celta que ten un equipo (apenas trece ou catorce xogadores) moi xeitoso, mais un cadro moi curto e con escasas alternativas. Quizais sexa o momento ideal de botar man da canteira ou de reforzarse no mercado de inverno nas posicións máis precarias.

Campo de Fragoso CLXVIII

bretemas —  25 de Outubro de 2015 — Deixa un comentario

nolitoKEYLORAZO

O Celta perdeu onte co Real Madrid por mor dunha primeira media hora onde foi superado con toda claridade polo equipo de Rafael Benítez. Porén, o resto do tempo de xogo, sobre todo desde que quedou en inferioridade numérica a comezos da segunda parte, os de Eduardo Berizzo mereceron, canto menos, a igualada na táboa de marcas, o que impediu unha memorable actuación do gardarredes Keylor Navas e na que influíu a desafortunada actuación arbitral de Clos Gómez, un dos colexiados preferidos polo equipo madrileño.

De inicio, Benítez gañoulle a Berizzo a batalla no encerado táctico. O Madrid saíu coma un ciclón, intenso, concentrado e potente en todas as súas liñas disposto a monopolizar o xogo. Desde os primeiros lances a anticipación de Casemiro conseguiu que nin Augusto nin Wass puidesen cheirar a pelota, mentres que os seus laterais, sobre todo Danilo, procuraban as costas de Nolito e Jonny. Sen o contacto coa bóla, a valente proposta de Berizzo naufragou, o Celta descompúxose defensivamente e non tardaron en chegar os goles. Cristiano atopou un furado na marcaxe de Jonny que lle permitiu desprazarse en paralelo á portería até atopar a posibilidade de xutar con certa comodidade e bater a Sergio. Un golazo no minuto sete co que o madeirense pechou a súa actuación en Balaídos.

Con todo, grazas á velocidade e mobilidade de Orellana, que de cando en vez pasou á media punta, e á participación de Augusto, o Celta comezou a recuperar a pelota e a chegar á porta de Keylor. Tras un magnífico xutazo do poeta chileno, desviado polo costarricense na súa primeira estricada felina, Marcelo e Jesé viron que Nolito non recuaba na súa marca da banda esquerda, burato que aproveitou Danilo para abrir o seu corredor e anotar o segundo. Xaora, a pesar dunha táboa de marcas tan adversa, o Celta non se entregou. Nolito encoraxado, unha vez que conseguiu liberarse do pesadelo de Lucas Vázquez, probou de novo a Keylor, que volveu parar o imposible. O que despois repitiría o iluminado porteiro centroamericano até en cinco ocasións, nun saque directo de Wass, nun remate de Jonny, noutro de Iago e nun pexegazo de Hernández. Imposible superar semellante muro de aire.

Tras a reanudación e, sobre todo despois da polémica expulsión de Cabral, o Celta en inferioridade recuperou o control da bóla, demostrando que é un equipo teimoso con corazón de aceiro e con moitos quilates de talento nas biqueiras dos seus futbolistas. Foi o Madrid o que desta volta colleu medo, atrasando liñas, embarullando as xogadas defensivas, repartindo empurróns e confiando en pechar o resultado ás posibilidades dalgunha carreira de Ronaldo, onte moi discreto, ou de Isco, que substituíu a Lucas Vázquez.

Nese novo contexto, Nolito, motivadísimo, liderou a reacción celeste fabricando na proximidade da área un par de xogadas de moi alta escola. Na primeira o seu xute foi despexado por Marcelo debaixo dos paus. Outro gol malogrado que xa cantaba a bancada! Mais na segunda, faltando apenas seis minutos para o remate, superou a Keylor cun dereitazo que entrou pola escuadra do primeiro pao. Un golazo tremendo que abriu a posibilidade dunha remontada heroica. Mais o tanto do noso internacional chegou un chisco tarde, como os trocos dun despistado Berizzo no minuto oitenta, cando entraron na lameira Guidetti, Radoja e Planas. A pesar do Keylorazo, da gran actuación do porteiro madridista, onte o Celta puido e mereceu conseguir un punto e continuar invicto. Non obstante, a pesar desta primeira derrota, os celtistas non podemos queixarnos desta extraordinaria primeira cuarte parte da tempada onde gozamos da intensidade e a beleza do xogo do equipo en case todos os partidos.