Está vendo o arquivo da categoría » nazis

IES_Laxeiro_16-12-2015

XG00245101Presentamos onte no IES Laxeiro de Lalín Izan o da saca de Xabier Quiroga. Tras seis novelas e 2.416 páxinas publicadas en trece anos, tras un Losada Dieguez e dous premios da Crítica, tras numerosas reedicións de varias das súas obras, Quiroga é un dos novelistas máis sólidos da narrativa galega actual. Nesta entrega recente, protagonizada por Reiniña, o simpático taxista investigador do Saviñao que xa aparecera n’ O Cabo do Mundo, ofrece unha narración trepidante sobre a presenza dos nazis en Galicia, «A rota das ratas», desde o embarco das tropas da Lexión Condor en Vigo, pasando polas torres de Arneiro, as minas de volframio ou o accidente aéreo de Córneas, até a posibilidade de que se agochasen no mosteiro de Samos ou na aldea da Cova da Ribeira Sacra. Cunha arquitectura extraordinaria, un rexistro lingüístico moi meritorio e traballado, unha trama histórica no xusto punto de equilibrio, Quiroga ofrece unha das súas novelas de lectura máis engaiolante.

Vigo alemán

bretemas —  18 de Novembro de 2014 — Deixa un comentario

No artigo da semana en Faro de Vigo lembro a pegada que a colonia alemá deixou en Vigo na primeira metade do século XX, ao fío da publicación recente de catro libros.

46182_502736929744688_1810682281_n

Catro obras recentes salientan o carácter de Vigo como cidade internacional durante a primeira metade do século XX, con especial importancia durante a Segunda Guerra Mundial. Así o testemuñan dúas das últimas publicacións do Instituto de Estudos Vigueses, “Vigo y su colonia alemana durante la Segunda Guerra Mundial”, o primeiro dos volumes da monumental triloxía na que traballa o historiador Antonio Giráldez Lomba sobre Vigo e a Segunda Guerra Mundial, e “Vía Vigo. El Cable Inglés. El Cable Alemán” de José Ramón Cabanelas, nas que se pon en evidencia a importancia da colonia alemá en Vigo e o seu papel na industrialización da cidade e no desenvolvemento do comercio marítimo e comunicación transoceánica.

Como así tamén recollen esta dimensión cosmopolita dúas obras literarias en lingua galega de lectura engaiolante, a de Carlos G. Reigosa, “A vinganza do defunto” (Xerais 2014), e a de Fran P. Lorenzo, “Cabalos e lobos”, premio Blanco Amor de novela longa 2014, outorgado a pasada semana no concello de Redondela. Outras grandes novelas de Vigo que dende perspectivas ficcionais moi diferentes recuperan farrapos de memoria dun tempo no que nas rúas e cafés de Vigo competían os servizos secretos británicos e os da Xestapo. Unha cidade na que desfilaban as tropas da Lexión Cóndor, a forza de intervención alemá que viñera en auxilio do bando franquista, da que formaban parte os pilotos da Lufwaffe que bombardearon Gernika, e se homenaxeaba ao General Aranda. Aquel Vigo, como relata Fran P. Lorenzo na súa novela, onde a orquestra filharmónica de Berlín tocaba a terceira de Bethoven no teatro García Barbón, pouco antes do seu derradeiro concerto en Viena, para unha colonia alemá numerosa e aínda poderosa. Unha cidade onde se dirimía episodios decisivos da guerra económica do volframio e da batalla submarina atlántica.

Dende 1873 e durante setenta anos, como relata no seu libro José Ramón Cabanelas, Vigo convertiuse en referente das telecomunicacións internacionais, grazas ao establecemento da compañía do Cable Inglés primeiro e, máis tarde, a partir de 1896, do Cable Alemán, que compartían oficinas no edificio da casa Bárcena de Policarpo Sanz e a estación do cable de Roade en Alcabre. Dúas cableiras que puxeron a Vigo no mapa internacional como unha das tres bases europeas atlánticas e, tamén, como espazo de loita dos espionaxes dos seus países nos períodos das guerras mundiais e no de entreguerras. Unha presenza que deixou fortes pegadas na identidade viguesa, dende os edificios racionalistas de Francisco Castro Represas, na liña das vangardas europeas da arquitectura moderna da década de 1930, até a chegada dos deportes como o fútbol e o tenis, traídos polos telegrafistas, que nalgúns casos arraizaron na cidade.

Pegadas de familias de industriais e comerciantes alemáns radicados en Vigo, como os Künne, Vorkauf, Böhme (que colaborou co farmacéutico Rubira no instituto bioquímico Miguel Servet), Kruckenberg, Meyer, Emil von Jess, Steinbrüggen, entre outras, reconstruídas con detalle por Antonio Giráldez no seu libro, como a do Colexio Alemán instalado no edificio que o Cable Alemán construíu en Pi e Margall como residencia para os seus empregados solteiros. Unha institución educativa na que se formaron milleiros de vigueses durante medio século e na que chegou a impartirse toda a docencia en alemán e onde se utilizaba o sistema Fröebel no seu famoso Kindergarten.

Como confesou o xornalista Celso Collazo a Carlos Reigosa, “Vigo era nos anos corenta a única cidade do norte de España na que había luz e os pintores como Laxeiro ou Maside podían vender algún cadro”, unha afirmación coa que expresaba as posibilidades para uns poucos de facer aquí fortuna en anos tan difíciles da fame. O que abondaría na convicción do historiador Antonio Giráldez da importancia do papel militar de Vigo na Segunda Guerra Mundial. Testemuñan o protagonismo daquela cidade de máis de cen mil habitantes, tras a integración do concello de Lavadores, o feito da existencia de grupos do servizo secreto británico, capaces de perturbar a alza o prezo do volframio, que precisaban os alemáns para endurecer o seu armamento, como o papel xogado polo porto, primeiro nas perigosas operacións de rescate e salvamento de xudeus e, despois, de fuxida de nazis, cando a deriva da guerra xa agoiraba a derrota de Hitler, acontecementos destacados na citada novela de Reigosa e presentes tamén noutra magnífica de Luís García Mañá, “As plumas do moucho” (Ir Indo, 1999).

En cidade tan desmemoriada coma a nosa, cando se inauguran no porto de transatlánticos uns xardíns nos seis silos da antiga base de cableiros, ben é salientar o contido de todos estes libros que recuperan aquel Vigo alemán cosmopolita e abeizoar a todos os seus autores.